Os motivos – e as razóns - da desesperación

Eu non sei que pensarán os máis de 47 millóns de almas  - oficiais – que viven en España, mais creo que deberiamos calibrar a posibilidade de esixir un referendo vinculante coa seguinte pregunta: "Está vostede disposto a soportar – e a pagar - a máis gilipollas na administración pública?"

Sería desexable que a resposta só puidese contemplar dúas opcións, isto é: ou si, ou non. Se gañase o si, teríamos un serio problema, a saber: o feito de ter que convivir nun país anestesiado contra a gilipollez. Se gañase o non, teríamos outro, isto é: a responsabilidade de relevar ás nosas autoridades por almas menos gilipollas e demostrar que os relevadores estamos á altura das circunstancias.

A gilipollez, como a fe e os sentimentos nacionais, non se mide. Non pode medirse. Vai na súa propia natureza o ser inmensurablemente ilóxica, e por iso o poder abanea sempre as súas pantasmas para manter á sociedade en competición e pánico recíproco

A gilipollez, como a fe e os sentimentos nacionais, non se mide. Non pode medirse. Vai na súa propia natureza o ser inmensurablemente ilóxica, e por iso o poder abanea sempre as súas pantasmas para manter á sociedade en competición e pánico recíproco. Mais, a gilipollez tamén pode golpearnos por outra vía, a través dos sentidos, coma un estarrecedor curtocircuíto ético e estético no corpo;  ás veces, ten un aquel de síndrome Stendhal invertido: pode chegar a resultar tan terriblemente grotesca que nos acelere o pulso cardíaco deixándonos sen respiración. Outras veces ten un aquel Harendtiano con pinguiñas de comedia e pode chegar a resultarnos tan banal coma o mal e tan disparatada coma un filme de Billy Wilder. En calquera caso, unha cousa está clara: sexa grotesca, sexa banal ou sexa disparatadamente cómica, a gilipollez é unha enfermidade que precisa cura. Unha enfermidade que custará décadas curar na Jangada de pedra e no resto do cosmos.

Estudo de caso número 1. Alberto Núñez Feijoo; del sabía que era o máis parecido á nada. Sabía, tamén, que era o máis parecido a un número negativo, destes que só poden restar aos que suman ou sumar progresivamente aos que, coma el, non deixan de restar a medida que os números negativos van virando máis e máis cara a esquerda. O que non me esperaba, iso sí, do noso presi, é que fose capaz de exhibir a súa filosofía de vida con tanta rotunda serenidade: “Á Xunta de Galicia non se chega para aprender”, espetou á concorrencia na presentación do seu novo executivo.

Non importa os erros ou acertos que un presidente do goberno poda cometer na súa lexislatura despois de catro anos de xestión. Non existe, tampouco, polo visto, a posibilidade de autorreflexividade crítica ou mirada retrospectiva

Perfecto. Non importa os erros ou acertos que un presidente do goberno poda cometer na súa lexislatura despois de catro anos de xestión. Non existe, tampouco, polo visto, a posibilidade de autorreflexividade crítica ou mirada retrospectiva. E para que, de que serve recordar ou ser autocrítico? Quita, quita, que estrés fillo. Non. O que importa é seguir chupando do chuchamel do poder ad infinitum, porque para iso está un presidente do goberno, para non aprender nada. Un presidente do goberno só pode aprender durante ese lapso de vida que vai da adolescencia tardía a unha suposta madurez, a partir de aí só queda recibir un título universitario e pagar o carné dun partido X para competir nunhas eleccións internas como aspirante á presidencia sen ter o mínimo esbozo, programa ou proxecto concreto que ofrecer aos cidadáns.  Xa o dicía Antonio Gramsci, así que vou transmigrar – e compartir - parte da súa alma nestas liñas:

Feijoo ten, sen dúbida, o peor dese orgullo de partido do que falaba Gramsci e o peor dese orgullo das nacións do que falaba Giambattista Vico

“A propósito do orgullo de partido, pode dicirse que é peor que o orgullo das nacións do que falaba Vico. Por qué? Porque unha nación non pode non existir, e no mero feito de que existe é sempre posible, aínda que sexa con boa vontade e forzando os textos, descubrir que a existencia en cuestión rebosa destino e significado”.

Feijoo ten, sen dúbida, o peor dese orgullo de partido do que falaba Gramsci e o peor dese orgullo das nacións do que falaba Giambattista Vico. A suma deses dous orgullos teñen como química resultante unha estulta, bárbara e insensible soberbia: a que exclúe á sociedade civil da condición de cidadáns con dereito a ter dereitos – e, por conseguinte, a reivindicalos -, a que exclúe a boa parte da sociedade civil das bases materiais e a cobertura legal e institucional necesaria para gozalos, a que exclúe á sociedade civil do necesario reparto e xestión económica do excedente produtivo en base ás súas necesidades básicas e radicais… e a que exclúe á sociedade civil da condición de non-humanos se non entran dentro dos esquemas cognitivos do ideal de home para o que está estruturada a civilizatio neoliberal:

1- Exclusión racial; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, recae no home branco, sendo o resto anormal, ilóxico ou anti-natura.

2- Exclusión de xénero; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, recae no varón, sendo o resto anormal, ilóxico ou anti-natura.

3- Exclusión sexual; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, polo home heterosexual, sendo o resto anormal, ilóxico ou anti-natura.

4- Exclusión de clase; como normal, lóxico ou natural… o monopolio e xestión do poder, político e económico, en base ás leis de familia e/ou linaxes transmitidas a través da riqueza herdada, sendo anormal, ilóxico ou anti-natural que os cidadáns excluídos da lei de familia e da pertenza filiativa a estas linaxes accedan aos postos de responsabilidade por propios méritos e capacidades.

José Ignacio Wert. Del sabía que era carca, moi carca. O que non sabía é que fose algo máis que iso: un fascista ilustrado cun toque clásico e postmoderno ao mesmo tempo

Creo que o fundamento real do contrato social que deu como resultado a redacción das cartas magnas que, supostamente, representan a common law, a lei común dos estados-nación occidentais, reside nesta asimetría e dominación concreta. Dominación naturalizada, normalizada ou racionalizada a través de moitas retóricas: a retórica política, xurídica e sociolóxica – isto é, secular, mundana -, e a retórica das doutrinas sociais institucionalizadas das tres grandes relixións de occidente: o cristianismo, o islam e o xudaísmo – isto é, confesional, extramundana -. Creo, tamén, que a teoría literaria e a teoría estética podería desvelar esta múltiple cousificación do humano.

Estudo de caso número 2. José Ignacio Wert. Del sabía que era carca, moi carca. O que non sabía é que fose algo máis que iso: un fascista ilustrado cun toque clásico e postmoderno ao mesmo tempo. Velaí vai o toque clásico, como non, con aroma unamuniano a en torno al casticismo : “Soy como un toro bravo, me crezco con el castigo”, espetou informalmente á comunidade xornalística, na recepción celebrada no senado con motivo da celebración do trixésimo cuarto cumpreanos da constitución. Por castigo, supoño, referirase ás reaccións coas que foi recibido o seu anteproxecto de lei, outro monstro de enxeñería sociolingüística de laboratorio saído da FAES, tan na liña do modus operandi de calquera caste de totalitarismo, clásico ou moderno:  Primeiro, construír modelos mentais ideais – para nós – intelectualizados nun laboratorio. Máis tarde, vender o produto aos medios de comunicación privados afins.

Primeiro, construír modelos mentais ideais – para nós – intelectualizados nun laboratorio. Máis tarde, vender o produto aos medios de comunicación privados afins

Dopo di fare questo, utilizar a maquinaria de propaganda oficial da administración para facelo dixerible ao cidadán-burbulla, ese que sabemos que non se cosca de nada e a quen tanto lle da que lle sirvamos pan duro de antonte coma se fosen sardiñas frescas recén chegadas á lonxa: vaino comer igual, coma se fose o máis exquisito manxar, e incluso se molestará polas antidemocráticas arroutadas dos compañeiros que lle recordan o evidente, a saber: que iso que come é pan duro de antonte, e non sardiñas frescas.

Non se estrañen de que o cidadán-burbulla responda á sensatez dos seus antidemocráticos compañeiros coa seguinte arroutada neoconservadora, isto é : Mira, meu, eu son libre de escoller comer pan duro de antonte coma se fose sardiña fresca, vale? Porque eu creo na democracia, chacho, e na liberdade de escolla, así que non me obrigues a recordar que estas sardiñas que como son pan duro de antonte.

Falando claro: que a un cego é moi fácil demostrarlle que está cego, porque non pode disimulalo, mais a un tonto integral é difícil demostrarlle que é tonto de remate

Mek!, primeiro problema gordo co que nos atoparemos na nosa xusta loita contra o cidadán-burbulla: lograr facerlle entender que escoller libremente precisa da capacidade crítica e a madurez intelectual suficiente para saber diferenciar a palla do gran e a propaganda dos feitos. Falando claro: que a un cego é moi fácil demostrarlle que está cego, porque non pode disimulalo, mais a un tonto integral é difícil demostrarlle que é tonto de remate, porque sempre terá recursos retóricos para saír por peteneras se sabe falar aínda que sexa incapaz de reflexionar, pensar, establecer relacións causais ou interpretar textos e estadísticas concerta precisión e lóxica.

José Ignacio Wert é, así pois, esa caste de fascista feito á medida para o neoconservadurismo hispano: o suficientemente clásico como para verse a sí mesmo coma un touro bravo decidido a sufrir pola causa, e o suficientemente moderno como para agochar ese estarrecedor e casposo casticismo e, de sotaque, sorprenderte coa seguinte perla : “La comunidad educativa no puede ser democrática, porque el proceso educativo no es democrático”.

José Ignacio Wert acaba de inventar un xeito o suficientemente brando e aséptico para espetarnos a todos nos fociños a seguinte máxima: Non quero que as institucións educativas funcionen democraticamente e non estou disposto a mover un dedo para que iso aconteza, e punto

Desta máxima pedagóxica pódense derivar as seguintes, a saber: Posto que a comunidade educativa non pode – nin debe – ser democrática, porque os feitos demostran – sic - que os procesos educativos non son democráticos, a comunidade política, económica e eclesiástica tampouco pode – nin debe - selo, posto que os seus procesos demostran – sic –que tampouco o son. Así pois, non se fale máis: José Ignacio Wert acaba de inventar un xeito o suficientemente brando e aséptico para espetarnos a todos nos fociños a seguinte máxima: Non quero que as institucións educativas funcionen democraticamente e non estou disposto a mover un dedo para que iso aconteza, e punto.

Abonda, iso si, con mover ficha para que os pais de familias acomodadas que queiran fechar nun guetto concertado, hispanoparlante e nacional-católico, aos seus fillos, reciban axudas económicas da administración pública, pois, ao fin e ao cabo, a liberdade de escolla debe transmitirse tendo como fundamento práctico a autoridade biolóxica que os pais teñen sobre os procesos educativos dos seus fillos, e non as normativas públicas que, formalmente, deberían regular a práctica docente nas institucións educativas, con todo o imperfectas e humanas, demasiado humanas, que poidan ser.

A estratexia ten unha lóxica práctica moi clara, clarísima: seguir construíndo espazos de socialización educativa, política e universitaria que permitan re-existir e reproducir os esquemas cognitivos e afectivos do vello racismo nacional-católico de sempre

A estratexia ten unha lóxica práctica moi clara, clarísima: seguir construíndo espazos de socialización educativa, política e universitaria que permitan re-existir e reproducir os esquemas cognitivos e afectivos do vello racismo nacional-católico de sempre. Non hai máis voltas que darlle. Canto tempo levo/levamos escribindo sobre a vontade de re-existencia dos fascismos da vella Europa baixo novas formas e discursos?, e a que esperamos en Galicia, en España e en Europa para denunciar perante a corte penal internacional o seu polimorfo fascismo social?

Cando esperar pode custar a vida, é necesario entender os motivos da desesperación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.