Os órganos de participación pública tras o primeiro quinquenio do Decreto 140/2021

A avaliación do primeiro quinquenio de execución do Plan forestal de Galicia, no relativo aos instrumentos de participación pública, pon de manifesto que os principais déficits se concentran na gobernanza forestal e na execución efectiva das actuacións pr CC-BY-SA Mehtap uçar

Introdución

A avaliación do primeiro quinquenio de execución do Plan forestal de Galicia, no relativo aos instrumentos de participación pública, pon de manifesto que os principais déficits se concentran na gobernanza forestal e na execución efectiva das actuacións previstas

A participación pública constitúe un dos principios fundamentais da gobernanza ambiental moderna e un requisito esencial para garantir a transparencia, a lexitimidade e a eficacia das políticas públicas relacionadas co medio ambiente.

Neste contexto, a Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, e incorpora ao ordenamento xurídico español as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE, e recoñece o dereito da cidadanía para ser informada, participar activamente nos procesos de toma de decisións con incidencia ambiental. Estes principios teñen a súa orixe no Convenio de Aarhus de 1998, que establece o dereito dos cidadáns para acceder á información ambiental, a intervir nos procesos de decisión e a acceder á xustiza nesta materia.

Esta lei garante o dereito de calquera persoa para participar nos procesos de elaboración, modificación e revisión de plans, programas e normas relacionadas co medio ambiente. Para iso, as administracións públicas deben facilitar información suficiente, permitir a presentación de observacións e alegacións antes de adoptar decisións, e ter en conta as achegas realizadas pola cidadanía. Ademais, a lei esixe que se faga público o resultado final dos procedementos, incluíndo información sobre o proceso de participación pública desenvolvido.

Así mesmo, a norma esixe que se dea publicidade ao resultado final dos procesos de decisión, incluíndo información sobre o desenvolvemento da participación pública e sobre a forma en que as observacións e alegacións presentadas foron tidas en consideración.

Estas garantías de participación social aplícanse especialmente a materias como a ordenación do territorio e o uso do chan, a conservación da natureza e a biodiversidade, e a xestión de montes e aproveitamentos forestais.

 

Modificación do Consello Forestal de Galicia (CFG).

Persiste un marco normativo parcialmente desactualizado, non se desenvolveron plenamente os órganos e mecanismos de participación contemplados no Decreto 140/2021 e continúa existindo unha significativa brecha entre a planificación e a súa aplicación efectiva sobre o territorio

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG), no seu art. 12, declara ao CFG como o órgano de carácter consultivo e de asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, que constituirá a canle de participación da sociedade galega co fin de potenciar a xestión sostible e fomentar o desenvolvemento do monte galego.

No entanto, a organización e o funcionamento deste órgano non se adaptaron á evolución do contexto forestal nin aos principios que actualmente orientan os órganos consultivos e de participación promovidos no ámbito da Comisión Europea.

En consecuencia, resulta necesario adecuar o CFG ás estruturas e modelos de gobernanza europeos, establecendo un marco de diálogo máis amplo e eficaz mediante a reforma da súa organización e funcionamento. Neste proceso, debe reforzarse a participación das principais asociacións representativas do sector forestal, especialmente dos produtores e transformadores, así como dos axentes socioeconómicos, as organizacións da sociedade civil, a comunidade científica e as entidades de carácter medioambiental.

Con este obxectivo, estableceuse un indicador de seguimento que prevía a modificación da organización e o funcionamento do CFG durante o presente quinquenio. Con todo, devandito obxectivo non foi alcanzado, ao non aprobarse a correspondente modificación no período previsto.

 

Creación de Comités Forestais de Distrito (CFD):

O Ditame da Comisión Especial non Permanente de Estudo e Análise das Reformas da Política Forestal, de Prevención e Extinción de Incendios Forestais e do Plan forestal de Galicia, elaborado a partir da experiencia acumulada desde 2006 e, especialmente, tras a extraordinaria vaga de incendios sufrida por Galicia en outubro de 2017, recomendou a creación dos CFD. Con todo, a súa implantación efectiva continúa pendente dentro do desenvolvemento práctico da política forestal da Xunta de Galicia (XG).

Os CFD están concibidos como foros de intercambio de información sobre cuestións forestais e como instrumentos de participación activa dos distintos axentes que integran o sector forestal en cada Distrito Forestal (DF). A súa finalidade principal é favorecer a planificación a escala local e o deseño de medidas preventivas adaptadas ás características e necesidades específicas de cada territorio.

A ausencia destes comités priva aos DDFF dunha ferramenta esencial para analizar en profundidade as causas dos incendios e para impulsar respostas preventivas axustadas á realidade de cada zona, especialmente nas denominadas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI).

Na actualidade, a interlocución en materia forestal en Galicia continúa articulándose fundamentalmente en ámbitos de carácter superior ao DF, a través do CFG e das mesas sectoriais específicas, como as da madeira ou a castaña, xa en funcionamento ou a dos pastos pendente de constituírse.

 

Creación do Consello de Comunidades de montes Veciñais de Galicia (CCMVG).

Na actualidade, a creación do Consello de Comunidades de montes Veciñais de Galicia (CCMVG) atópase pendente de execución e constitución efectiva. Aínda que a súa creación foi prevista e impulsada formalmente o Decreto 140/2021, que o identifica como un instrumento estratéxico para a gobernanza forestal, a xestión activa do territorio e a contribución á retención de carbono, este órgano consultivo aínda non foi constituído pola XG.

A posta en marcha do CCMVG está estreitamente vinculada o desenvolvemento e aprobación da futura Lei de montes Veciñais en man común de Galicia. Este consello está concibido como o órgano consultivo permanente encargado de canalizar a interlocución directa entre as comunidades de montes veciñais e a Consellería do Medio Rural.

Así mesmo, o Ditame da Comisión Especial considerou conveniente recomendar a creación dun organismo representativo desta singular forma de propiedade colectiva galega, que actuase como órgano consultivo e asesor da Administración forestal en todas aquelas materias que afecten os montes veciñais en man común.

Entre as súas principais funcións, este órgano deberá emitir informes sobre cuestións que incidan directamente nas devanditas comunidades, entre as que destacan:

• As modificacións normativas que afecten os montes veciñais en man común.

• Os procedementos de clasificación destes montes.

• As declaracións do estado de grave abandono ou degradación.

• As actuacións relacionadas coa xestión cautelar dos montes por parte da Administración.

• Os procedementos de cancelación ou extinción dos contratos subscribidos coa Administración forestal, así como a configuración dos contratos temporais de xestión pública.

Mesas sectoriais.

Mesa da Madeira

É un órgano plenamente constituído, regulado e operativo, na actualidade.

A Mesa da Madeira ten o seu fundamento legal no art. 100 da LMG, e a súa organización, composición e réxime de funcionamento atópanse desenvolvidos mediante a Orde do 2 de agosto de 2017, pola que se regula a organización, funcionamento e composición da Mesa da Madeira.

Tras o primeiro quinquenio de execución do Decreto 140/2021, este órgano mantén unha actividade regular e constitúe o principal foro de participación, consulta e coordinación entre a Administración autonómica e os distintos axentes vinculados á cadea monte-industria da madeira.

Mesa da Castaña

Na actualidade esta mesa está constituída, regulada e en funcionamento.

A Mesa da Castaña foi creada mediante a Orde do 2 de agosto de 2017, pola que se crea a Mesa da Castaña e regúlase a súa organización, funcionamento e composición, sendo posteriormente modificada pola Orde do 3 de outubro de 2022.

A súa existencia atopa respaldo no art. 101 da LMG, relativo ás mesas sectoriais de produtos forestais.

Durante o período de vixencia analizado, este órgano mantivo a súa actividade como espazo de participación e coordinación entre a Administración, os produtores, as asociacións e o resto de axentes vinculados ao sector da castaña, contribuíndo ao impulso e seguimento das políticas específicas relacionadas con este recurso forestal.

Mesa dos Pastos en Montes

A diferenza da Mesa da Madeira e da Mesa da Castaña, a Mesa dos Pastos en Montes non dispón, ata a data, dunha norma reguladora propia que determine a súa composición, organización e funcionamento, nin foi formalmente constituída como órgano colexiado independente de participación sectorial.

O Decreto 140/2021 fixou como meta principal a creación e consolidación de 100.000 ha de superficies de pastos e silvopastorais en terreos forestais durante o período 2021-2025, utilizando a gandería extensiva como ferramenta de xestión activa do monte, prevención de incendios e diversificación de rendas nos montes veciñais. E segundo datos da XG creáronse entre o 2020 e o 2025 106 pasteiros nunha superficie 2449 ha.

 

Conclusión:

Resulta prioritario impulsar a actualización do marco normativo, reforzar a coordinación institucional, garantir unha participación pública efectiva e mellorar a integración das distintas políticas sectoriais que inciden sobre o territorio forestal, co fin de incrementar a eficacia da política forestal galega

A avaliación do primeiro quinquenio de execución do Plan forestal de Galicia, no relativo aos instrumentos de participación pública, pon de manifesto que os principais déficits concéntranse na gobernanza forestal e na execución efectiva das actuacións previstas. Persiste un marco normativo parcialmente desactualizado, non se desenvolveron plenamente os órganos e mecanismos de participación contemplados no Decreto 140/2021 e continúa existindo unha significativa brecha entre a planificación e a súa aplicación efectiva sobre o territorio. En consecuencia, resulta prioritario impulsar a actualización do marco normativo, reforzar a coordinación institucional, garantir unha participación pública efectiva e mellorar a integración das distintas políticas sectoriais que inciden sobre o territorio forestal, co fin de incrementar a eficacia da política forestal galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.