Os paradoxos da ética dos que representan o colectivo da xustiza

Cando xa se cumpren máis de nove meses desde o comezo da folga indefinida na xustiza galega, o 7 de febreiro de 2018, e que se alongou tres longos meses, e cun remate ben coñecido xa por tod@s, e presidido case dende o minuto un pola traizón de parte dos sindicatos convocantes que eran os que, curiosamente, máis abandeiraban a unión sindical e a forza do colectivo, aínda perdura e perdurará por moito tempo (meses e anos) na memoria e no sentir dos que a vivimos dende o primeiro momento e en primeira fila: folga sentida e seguida por unha porcentaxe de traballador@s da xustiza galega que superou o maior dos supostos imaxinados.

Cidades como Vigo, Ourense ou Pontevedra, que ao longo deses tres meses mantiveron unha media de seguimento de máis do 90 por cento: concentracións, protestas, manifestacións en aras a unha unidade no colectivo no que non primaban as bandeiras cos logos dos distintos sindicatos, onde (na teoría) todos íamos a unha: era unha loita de tod@s, independentemente do sentir persoal d@s traballador@s por unha ou outra organización sindical: todo este sentimento mesturábase nun só: acadar unha equiparación co resto d@s compañeir@s das outras CCAA transferidas e eliminar a discriminación que estábamos a sufrir nos descontos polas ITS e outras reclamacións.

Estes pseudosindicatos que mantiñan unha dobre moralidade: a que traballaban na sombra coa Administración, acadando un preacordo que, a medida que pasaban os días, era máis e máis prexudicial antes as perdas económicas sufridas pol@s traballador@s e que mantiñan no máis absoluto segredo, e, ao mesmo tempo, o seu papel estelar diante do colectivo, berrando máis que ninguén e amosando unha cara que, ante o descoñecemento de todo o que estaba a acontecer en San Caetano (nos despachos e con conversas negadas unha e outra vez, sentíndose agraviados e ofendidos, coitados eles, de ter que aturar aquelas insinuacións de que “algo había”) en realidade eran pura traizón a quen os puxo aí, e a quen dicían e din representar. A mentira é mentira e non se pode tapar con nada.

Exemplo de todo o acontecido é que dende que rematou a farsa, están, os máis deles, desaparecidos dos centros de traballo: os que están, ou ben son moi fráxiles de memoria, ou ben uns insconscientes. Non calibran o dano feito a colectivo: este dano será moi difícil, imposible, de reparar. Calquera outra mobilización futura estará ameazada e viciada polo temor a un novo engano.

E agora, nove meses despois, e vendo a mobilización incentivada polos que hai poucos meses nos “venderon”, ou “subastaron” en Galicia, UXT, CCOO E CSIF, e, USO, o sindicato “avantaxado” que, para sorpresa de tod@s, parece ser “vidente” para saber os pasos a dar pola administración días despois (e acertando, que xa ten mérito), vendo esas fotografías que saen nos medios sobre a xornada de folga xeral do pasado 16 de novembro en Madrid, onde todo son bandeiras e logos (onde parece existir unha sorte de “competencia”entre todos vós, a ver quen a ten máis longa ou máis bonita) só provoca un sentimento encontrado e moito resentimento e frustración: Galicia xa escarmentou: @s galeg@s son moi de seu, lembramos: se nos fan a xogada unha vez, non esquecemos e aprendemos a saber a quen temos connosco: a modificación do artigo 521 LOPX e de outros que afectan gravemente ao colectivo, agora xa convertida nunha reclamación a nivel estatal, aparece nos xornais en fotos de logos e bandeiras: triste, moi triste.

O colectivo é quen vos dá a forza e sen el non sodes nada. Convocastes concentracións durante dez días previos á xornada da folga xeral do día 16 de novembro: Todo por medio de comunicados, pero sen aparecer nos centros. A xente hai que mirala aos ollos e contarlles o que está a acontecer: o que supón a modificación deste artigo 521, e dos outros “introducidos de sorpresa” na proposición de lei orgánica de reforma la LOPX aprobada no Congreso e xa remitida ao Senado: vós (UGT, CCOO, CSIF e STAJ) como tales convocantes tedes a obriga de informar, por iso sodes delegados sindicais: tedes a obriga de estar nos centros e explicar o que está a acontecer dende hai máis de un ano na mesa sectorial do ministerio de Xustiza – do que vos contaron ou vos deixaron de contar-: unha explicación, pero non, o voso posicionamento agora é “xogar ás agachadas”: non indo aos centros non tedes momentos comprometidos.

Para vós, é a saída máis doada. Pero, errónea. O tempo pon a cada un no seu lugar. Cómpre unha resposta.

 

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.