Os proxectos de Erasmus Plus empápanse de Galicia

Durante o Entroido deste ano a asociación santiaguesa Galician Youth For Europe levou a cabo un proxecto nesa mesma cidade co-financiado polos fondos do programa Erasmus+ sobre migración e refuxiados.

Con este proxecto a devandita organización, cuxos organizadores posúen una sólida base teórica sobre o tema do campo migratorio e a experiencia práctica de ser eles mesmos migrantes, levaron a cabo diversas actividades na capital galega co gaio de concienciar ós 25 mozos que acudiron á convocatoria destas actividades. En concreto, participaron estudantes de Italia, Bulgaria, Grecia e Turquía, ademais dos galegos, que tiveron a oportunidade de contrastar puntos de vista, tecer redes internacionais de colaboración e coñecer a nosa cultura.

Criticadas até a saciedade, e aínda podendo seguir nese sentido, parece que a UE polo menos tenta artellar novas políticas no sentido informativo e concienciatorio sobre a problemática desta nova realidade social, a cal trata como allea cando é completamente propia. De feito, na nosa opinión, ó falar de UE débese ter en conta a amplitude do termo e a existencia de iniciativas moi aproveitables, pola mocidade en particular, e pola sociedade en xeral. No caso deste proxecto en concreto, Galicia xa figura con letras maiúsculas e ben diferenciadas no imaxinario de 25 estudantes europeos, que voltarán á casa sabendo da nosa unión migratoria e histórica ca Arxentina, Cuba ou Suíza, coñecendo as foliadas e o licor café, a Costa da Morte e o bonita que é a choiva se nos quixéramos poñer románticos. Pero tamén da nosa realidade lingüística e política, da taxa migratoria que tristemente nos define, dos caboverdianos de Burela, e coa superación dos tópicos mediterráneos que moitas veces dilúen a nosa identidade.

Máis aló de todo isto, as actividades sobre o Oriente Próximo, os contidos éticos e legais da lexislación europea, as actividades de rol e as mesas redondas foron un éxito nas evaluacións posteriores, polo que animamos a calquera galega ou galego que queira participar do programa Erasmus+ e espallar a nosa cultura que estea atento ás actividades desta asociación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.