A Lei de Memoria Histórica está vixente desde hai 13 anos. O Pleno da Coruña de 7 de setembro de 2009 acordaba a eliminación de 52 símbolos franquistas e o goberno PSOE-BNG acababa o mandato sen retirar 20 deses símbolos. O PP non retirou ningún símbolo franquista (2011-2015). Marea Atlántica (2015-2019) retirou 20 símbolos franquistas, que estaban pendentes desde 2009, e os retratos dos alcaldes José Fuciños e Hernán Martí.Barbadillo, pero non aprobou en Pleno a retirada de ningún símbolo franquista. O goberno do PSOE, que vai cumprir dous anos, non aprobou en Pleno a retirada de ningún símbolo franquista. Estamos en 2021, temos moita máis información que en 2009, e chegamos a 105 símbolos franquistas. A conclusión é evidente: non houbo até hoxe vontade política para acabar cos restos do franquismo na Coruña.
Neste primeiro artigo falaremos das 29 rúas franquistas que aínda quedan por retirar cunha xustificación para a súa eliminación. Os datos están recollidos do meu libro OS RESTOS DO FRANQUISMO EN GALIZA, publicado en Edicións Laiovento.
Avenida Calvo Sotelo. Ministro na Ditadura de Primo de Rivera, fascista e golpista.
O concello de Ferrol, alcaldía do PSOE, xa eliminou no Pleno do 2 de marzo de 1981 a rúa Calvo Sotelo. Palencia, alcaldía do PSOE en decembro de 1999, eliminaba Calvo Sotelo, que pasa a chamarse Praza de León. Pontevedra, alcaldía do BNG e co apoio do PSOE, cambiaba en 2002 a rúa Calvo Sotelo “pola súa relación co período histórico do levantamento militar da guerra de 1936 e a represión daquela tráxica etapa”, por rúa da Estación. Marín, alcaldía do PSOE, aprobaba en 2010 cambiar o nome da rúa Calvo Sotelo por Concepción Arenal. A Deputación de Pontevedra aprobaba o 29 de xullo de 2016, por unanimidade, retirar a Calvo Sotelo o título de Fillo Predilecto da provincia, concedido o 8 de xullo de 1950.
Rúa Hogar Calvo Sotelo
Peirao de Calvo Sotelo
Peirao Almirante Vierna. Militar golpista
Xa foi eliminada a rúa Almirante Vierna no Pleno do 7 de setembro de 2009, en aplicación da Lei de Memoria Histórica.
O concello de Bilbao cambiaba o nome do peirao Alfonso Churruca (Conde de El Abra), situado en Olabeaga por Las Sirgueras.
Avenida de Salgado Torres. Falanxista e represor.
Membro da Falanxe coruñesa antes de 1936, alistouse como voluntario no exército sublevado. Xuntamente cos seus irmáns, participa na depuración política despois do 18 de xullo de 1936. Ascende a Capitán de Complemento de Artillaría en 1939 despois de realizar un curso en Segovia.
Rematada a Guerra Civil, foi delegado provincial e conselleiro nacional do Sindicato Español Universitario (SEU) da Falanxe, tesoureiro xeral do Movemento (partido único) e director xeral de Xestión e Financiamento da Seguridade Social. Delegado provincial de Sindicatos, director xeral da Vivenda e despois director do Instituto Nacional da Vivenda e xefe nacional da “Obra Sindical del Hogar y de Arquitectura” en 1962.
Xuntamente co seu irmán Rafael e outros falanxistas como Manuel Fraga Iribarne, figura como membro do IX Consejo Nacional de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, constituído o 20 de maio de 1961. Foi procurador nas Cortes franquistas (1955-1958).
O concello de Ferrol, alcaldía do PSOE, cambiaba en 1981 a rúa Salgado Torres por Alcalde Quintanilla Martínez, socialista fusilado polo franquismo en 1936.
Avenida de Primo de Rivera. Militar golpista. Ditador.
O concello de Ferrol cambiaba en 1981 a rúa Primo de Rivera por Terra. Zaragoza aprobaba por unanimidade (PSOE, que tiña a alcaldía, PAR, PP, CHA, IU) en outubro de 2010 cambiar o nome do parque Miguel Primo de Rivera por José Antonio Labordeta. Logroño (sendo Cuca Gamarra alcaldesa do PP), cambiaba a rúa Primo de Rivera por Ateneo Riojano. Palencia, con alcaldía do PSOE, cambiaba Primo de Rivera por Avenida de la Antigua Florida o 9 de decembro de 1999. Xirona, tamén co voto do PSC-PSOE, retiraban a Primo de Rivera a distinción de Fillo Adoptivo en febreiro de 2013, concedida en 1926. Valladolid, alcaldía do PSOE, cambiaba por Emilia Pardo Bazán.
Diego Delicado Marañón. Presidente da Deputación na ditadura (1950-1961).
Pertencía á Corporación municipal da Coruña constituída no Pleno de 18 de agosto de 1938, participando na súa política represiva de depuración dos traballadores do concello. No Pleno de 30 de decembro de 1938 propón, e é aprobado, que a rúa do Socorro, pase a chamarse Juan Canalejo, fundador en 1933 da Falanxe coruñesa. Procurador nas Cortes franquistas (1952-1961).
A iniciativa do Claustro de Profesores e Profesoras do IES Diego Delicado, o Consello Escolar dese instituto coruñés solicitaba o cambio de nome por IES Urbano Lugrís, petición que foi aceptada pola consellería de Educación, sendo Manuel Fraga presidente da Xunta.
Cidade Real (alcaldesa do PSOE) retiraba en febreiro de 2018 a rúa José María Aparicio Arce, presidente da deputación na ditadura.
Cabo Ponte Anido. Participante nunha bandeira da Falanxe e na División Azul.
Faleceu na batalla de Krasny Bor, preto de Leningrado. O 13 de febreiro de 2021 un grupo de neonazis celebraban en Madrid un acto de homenaxe a “Caídos de la División Azul” coincidindo co 78.ª aniversario da citada batalla.
A División Azul foi creada polo goberno da ditadura franquista e enviada para loitar contra o comunismo e a favor da Alemaña nazi na invasión de Rusia durante a II Guerra Mundial. Formaba parte do exército nazi, xurando fidelidade ao Terceiro Reich.
Na Coruña e noutras moita cidades xa desapareceron rúas División Azul ou que eran unha homenaxe a persoas que loitaron na División Azul. En Barcelona o Pleno do 25 de xaneiro de 2019 retiraba a Medalla e Ouro a Agustín Muñoz Grande, Xeneral Xefe da División Azul e ministro do Exército.
Praza José Toubes. Crego e colaborador na represión.
O concello de Madrid acordaba en decembro de 2016 retirar a Medalla de Ouro ao bispo Leopoldo Eijo Garay. Zaragoza eliminaba a rúa Padre Marcellán, capelán castrense, pola súa relación co franquismo. Vigo acordaba en 2009, por unanimidade, cambiar o nome do CEIP Doutor Eijo Garay por Illas Cíes. En Valladolid o alcalde Óscar Puente (PSOE) anunciaba o 4 de outubro de 2017 a retirada da rúa Mariano Miguel López, párroco de Las Delicias que colaborou cos golpistas en 1936, que pasa a chamarse Celtas Cortos.
Disciplina. Antes Liberdade.
O capitán José Fuciños Gayoso, designado alcalde polo gobernador civil, decidía cambiar o nome da rúa no Consejo Municipal de 18 de setembro de 1936 porque Libertad “pugna abiertamente con el actual movimiento glorioso salvador de España”. A rúa Liberdade, ligada desde hai máis de cen anos á historia do barrio de Monte Alto, está hoxe nun “exilio” forzoso no barrio de Vioño.
Salgado Somoza. Antes Progreso.
Non querían liberdade e non querían progreso e na Comisión Permanente de 26 de agosto de 1936 os fascistas decidiron suprimir a rúa Progreso, próxima á rúa Liberdade, por Salgado Somoza. Francisco Salgado Somoza, avogado e natural da Coruña, foi nomeado Abade de Alcalá La Real (Xaén) en 1658 e, posteriormente, Presidente do Consello Real de Castela.
Del Palomar. Antes José Martínez Fontenla, dirixente republicano.
Martínez Fontenla, era 1.º Tenente Alcalde e como Alcalde accidental presidía o Pleno de 1 de outubro de 1912 que oficializa a anexión do concello de Oza ao concello da Coruña. Daba nome a esa rúa no Ensanche coruñés despois do seu falecemento en 1918 e por acordo unánime do Pleno municipal presidido polo alcalde Gerardo Abad. O cambio de nome a “Del Palomar” foi decidido polos dirixentes fascistas na Comisión Permanente de 26 de agosto de 1937.
José Fariña Ferreño. Fascista, persoa próxima a Calvo Sotelo e implicado na preparación da sublevación de 1936, fixo de enlace desde Lisboa cos militares golpistas de Andalucía. Posteriormente participou na represión dirixindo a Delegación Especial para la Información de Residentes en Territorio Liberado.
O concello de Cádiz acordaba en xullo de 2018 retirar unha placa co nome de Fariña Ferreño dun grupo de vivendas construídas pola Deputación en 1959.
O cambio do nome desta rúa xa foi solicitado pola Asociación Veciñal Iar do barrio do Castrillón.
Sergio Peñamaría de Llano. Represor, fiscal militar, alcalde na ditadura (1959-1963).
O Pleno do Barco de Valdeorras do 3 de outubro de 2019 aprobaba, por unanimidade (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) unha moción presentada polo BNG e a Riada Cidadá. Na súa exposición de motivos facía referencia á represión franquista na zona e ao papel decisivo de Peñamaría de Llano na mesma, con numerosas testemuñas recollidas en varios libros de recoñecidas historiadoras e historiadores; e tamén aos numerosos Consellos de Guerra Sumarísimos nos que participou Peñamaría de Llano. Este foi o acordo: “O Concello do Barco de Valdeorras informa ao Concello da Coruña sobre os feitos acaecidos ao remate da guerra civil en terras de Valdeorras e nos que participou o tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano, aos efectos de que, en caso de iniciar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica sexan tidos en conta, e así, en concordancia coa devandita Lei, contribúan a promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade”. Por outra parte, o Pleno de 6 de maio de 2019 aprobaba unha moción presentada polo BNG, instando á alcaldía a que presente unha “proposta de revogación das diversas honras e distincións, instruíndo un expediente motivado para retirar as diferentes honras e distincións a destacados alcaldes que participaron na sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936, xogaron un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura”.
Praza Pintor Sotomayor. Alcalde na ditadura (1938-1939).
Director do Museo del Prado desde 1922 até que se proclama a II República en 1931. Monárquico e franquista, colaborou cos sublevados en 1936 contra a República e foi Jefe Local del Movimiento en A Coruña. Pola súa amizade con Franco, asumiu novamente a dirección do Museo del Prado en 1939 até 1960.
Negociou a compra do pazo de Meirás cos herdeiros de Emilia Pardo Bazán e foi un dos promotores da Junta pro Pazo del Caudillo Preside como alcalde a nova Xestora Municipal, que se constitúe no Pleno do 18 de agosto de 1938. Como significado fascista, e como recolle a acta, Álvarez de Sotomayor acaba o seu discurso “brazo en alto”. Procurador nas Cortes franquistas de 1958 até o 17 de marzo de 1960.
Alfonso Molina Brandao. Alcalde na ditadura (1947-1958).
Militou na súa mocidade nas Juventudes de Acción Popular (JAP), organización xuvenil de extrema dereita, fundada en 1932. Serviu no exército sublevado de Franco como tenente honorario de enxeñeiros. Despois do golpe de Estado fascista de 1936 foi nomeado presidente da Cámara da Propiedade da Coruña, cargo que conservará até 1943. Foi tamén membro da Xunta Consultiva das Cámaras de Propiedade de España.
Entra como concelleiro no Pleno extraordinario do 18 de agosto de 1938, cando se constitúe a nova Xestora Municipal, que preside o alcalde Fernando Álvarez de Sotomayor. Participa na Comisión Permanente de 19 de agosto de 1938 que acorda separar a Luís Vidal Ogén do cargo de Practicante da Beneficencia Municipal, despois do expediente instruído pola Inspección Provincial de Sanidade para depurar a súa “actuación social e política”. Foi unha referencia do franquismo na Coruña, cunha relación continuada co ditador e a súa esposa e, como testaferro de Franco, participou no espolio de Meirás como membro da Junta pro Pazo del Caudillo.
José Manuel Liaño Flores. Alcalde na ditadura (1976-1978).
Concelleiro da corporación franquista en 1946 co alcalde Eduardo Ozores. Participa desde moi novo en responsabilidades relacionadas coa ditadura. Vicesecretario de Ordenación Social, Delegado provincial de Sindicatos de Ourense até 1958. Escribe na revista Cincel da Falanxe de Ourense. Regresa como concelleiro da Coruña en 1964, sendo alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Xefe dos servizos xurídicos da Delegación Provincial de Sindicatos da Coruña. Tenente alcalde en 1966, deputado provincial até 1967. Alcalde desde o 1 de febreiro de 1976 até decembro de 1978. Procurador das Cortes franquistas de 1967 a 1977.
O Pleno do 28 de xullo de 1971, que presidía o alcalde José Pérez-Ardá, aprobaba por unanimidade, a proposta do concelleiro Liaño Flores, que o viaduto da praza de Madrid até Linares Rivas levase o nome de “Viaducto del Generalísimo”. Manifestouse sempre como admirador de Franco, que cualificaba como “Caudillo excepcional”, tamén despois da morte do ditador. Na inauguración da avenida do Exército na Coruña polos reis Juan Carlos e Sofía o 30 de xullo de 1976, o alcalde Liaño Flores facía referencia ao ditador Franco no seu discurso: “Galicia ha sido arsenal y despensa de hombres y vituallas, sin recibir nada a cambio, de haber dado incluso un Caudillo excepcional para la historia”.
José Pérez-Ardá y López Valdivieso. Alcalde na ditadura (1939-1940), (1943-1944) e (1969 -1974).
Combatente co exército sublevado en 1936. Tenente alcalde na corporación municipal que se constitúe o 18 de agosto de 1938, participando na depuración do funcionarado. Como alférez honorífico do Corpo Xurídico Militar foi membro de tribunais militares con numerosas condenas a morte. En 1938 participa na represión como vogal, en representación da Falanxe, do “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas de La Coruña”. A Lei de Responsabilidades Políticas foi un instrumento fundamental da represión, con todo tipo de sancións para persoas vivas ou para persoas asasinadas polo franquismo (executadas ou paseadas), que tiñan que asumir tamén as súas familias. Entre os encausados por este Tribunal figuraban intelectuais e políticos como Ricardo Carbalho Calero, Francisco Pérez Carballo, Manuel Guzmán García, José Miñones, etc.
Pérez Ardá presidía, como alcalde accidental, o Pleno municipal do 23 de xuño de 1939 que concede ao ditador Franco a Medalla de Ouro da cidade e o nomeamento de Alcalde de Honra. Era unha persoa de absoluta confianza da ditadura franquista e por iso foi designado a dedo como alcalde en tres mandatos. Foi tamén procurador nas Cortes franquistas nos períodos 1943-1944 e 1971-1974.
Eduardo Ozores Arraiz. Alcalde na ditadura (1946-1947).
Militar golpista, o 18 de xullo de 1936 era capitán no Rexemento de Artillería nº 16 e estaba no núcleo organizador da sublevación militar contra a República, como enlace da súa unidade cos golpistas, en contacto con José Rañal Lorenzo, capitán da Garda Civil,
Como persoa de confianza dos sublevados, poucos días despois do golpe é encargado da Garda Municipal. Posteriormente participa nas columnas galegas dos golpistas, que combaten en Asturias. Ascende a tenente coronel en xullo de 1944, antes de ser designado alcalde. Foi tamén procurador das Cortes franquistas.
Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Alcalde na ditadura (1963-1965).
Cando estaba en Valladolid durante a II República, estudando para avogado, Eduardo Sanjurjo era un “camarada de primera línea” da Falanxe, participando nun tiroteo, dirixido por José Antonio Girón de Velasco, significado falanxista e despois ministro de Franco, contra unha manifestación antifascista. Girón era o xefe das milicias falanxistas de Valladolid e, dentro da actividade terrorista dos fascistas, colocaba unha bomba no edificio do Goberno Civil.
Sanjurjo de Carricarte ingresa no Corpo Xurídico Militar cando finaliza a Guerra Civil. Era tenente alcalde na corporación que se constitúe o 18 de agosto de 1938, en plena represión franquista e depuración dos funcionarios, e primeiro tenente alcalde no Pleno do 23 de xuño de 1939 que concede ao ditador Franco a Medalla de Ouro e o nomeamento de Alcalde de Honra.
No consello de guerra contra o guerrilleiro Manuel Luis Bello Parga “Manolito Bello”, Eduardo Sanjurjo era capitán auditor e participaba como vogal ponente (o capitán auditor Sergio Peñamaría representaba ao Ministerio Fiscal). Era tenente coronel xurídico cando é nomeado alcalde en 1963 e, a proposta do Ministro do Exército, o ditador Franco concedíalle a Gran Cruz da Orde do Mérito Militar con distintivo branco (BOE, 5-10-1964). Foi tamén procurador nas Cortes franquistas (1961-1964).
José Crespo y López-Mora. Alcalde na ditadura (1940-1942).
Na súa toma de posesión como alcalde, o Xefe Provincial da Falanxe, o camarada Lorenzo Villalonga Lacave, manifesta no seu discurso: “Hasta mí llegaron continuas quejas de cómo funcionan las oficinas municipales, donde se hizo una mal llamada depuración, existiendo todavía manzanas podridas, que en bien de todos han de ser seriamente extirpadas para que no contaminen a las sanas”. Durante o mandato de José Crespo continúan os expedientes e sancións contra traballadores do concello, especialmente a gardas municipais.
Demetrio Salorio Suárez. Alcalde na ditadura (1966-1969).
Nado en 1917, finado o 9 de maio de 1992. Alcalde da Coruña de febreiro de 1966 a xaneiro de 1969. Enxeñeiro. Traballa na Sociedad Gallega de Electricidad en 1943 e en Fenosa desde 1947, foi asesor da Presidencia até 1992. Vicepresidente da Xunta de Obras do Porto da Coruña en 1965. Vinculado co mundo empresarial: Elaborados Metálicos, do que foi fundador, Isolux Galicia e La Artística. Procurador nas Cortes franquistas (1967-1969).
No seu mandato construíuse o aparcamento da praza de Pontevedra, coñecido como o “búnker”. As protestas conseguiron o seu derrubamento e a remodelación da praza na década dos 80. Tamén pretendeu unha remodelación do “Rellano” (paseo fronte ao Kiosco Alfonso), paralizada pola oposición veciñal.
Jaime Hervada Fernández-España. Alcalde na ditadura (1974-1976).
Avogado e militar, ingresou no Corpo Xurídico Militar, chegando ao cargo de xeneral de brigada auditor do Exército de Terra. Procurador nas Cortes franquistas (1974-1976). Tiña, entre outras distincións, o “Cardo de Plata de las Hogueras de San Juan”. Hervada levaba á Comisión Municipal de Festas a Eugenio Fernández Barallobre, presidente da citada entidade, que en 2007 daba a Hervada o premio “San Juan” á labor institucional.
A Comisión de Hogueras de San Juan publicaba un resume do ano 1974, crónica asinada por “Calín Fernández Barallobre”, na que subliñaba, con foto da portada do xornal Arriba (era cualificado como “órgano periodístico por excelencia del Movimiento”), a “Declaración política de José Antonio Girón de Velasco”, na que arremetía contra o Presidente do Goberno Arias Navarro e o ministro de Información e Turismo Pío Cabanillas, a quen acusaba de que “lo que se pretendía con el nuevo modelo era que los españoles pierdan la fe en Franco y en su revolución Nacional”.
Poucos días despois de morrer o ditador Franco, Hervada preside o Pleno municipal do 15 de decembro de 1975, no que o concelleiro Benito Vizoso Piñeiro presenta un rogo para erixir un monumento a Franco na praza de María Pita e convocar un concurso nacional, argumentando que era Fillo Adoptivo e Predilectisimo, Alcalde Honorario e Perpetuo. O citado Pleno “acuerda tomar en consideración dicho ruego y someterlo, con carácter de urgencia, a la tramitación correspondiente y propuesta de las Comisiones Informativas oportunas”. O proxecto non se materializou e a primeira Corporación democrática, a iniciativa de Pura Barrio, concelleira de Esquerda Galega na candidatura de Unidade Galega, acordaba facer un monumento a María Pita na súa praza.
Berta Tapia Dafonte. Alcaldesa antes das primeiras eleccións municipais democráticas (1978-1979).
Concelleira na ditadura desde 1973 polo chamado terzo familiar e conselleira do Movemento Nacional. Tiña relación política co dirixente falanxista Enrique Salgado Torres. Militante da Sección Femenina de Falange Española y de las JONS. Declarouse sempre como falanxista.
O Pleno de Bilbao de 27 de febreiro de 2014 sinalaba (votos a favor de PNV e PSOE) que os nomeamentos dos 21 alcaldes durante a Guerra Civil e a ditadura franquista eran “ilexítimos” porque non foron elixidos democraticamente. E o Pleno de 25 de febreiro de 2015 acordaba “revogar todos os títulos, premios ou medallas concedidas polas corporacións municipais franquistas até abril de 1979 a persoas que foron significadas durante a período franquista pola súa adhesión ou conivencia coa ditadura”. Eses alcaldes non teñen hoxe ningunha rúa, nin distinción en Bilbao.
Valencia (goberno Compromís-PSOE) retiraba en xullo de 2016 a distinción de Alcalde Honorario a Adolfo Rincón de Arellano García, alcalde de Valencia na ditadura (1943-1949). Sestao (Biscaia) revogaba (votos a favor de PNV, PSOE e EH-Bildu) o título de “Fillo Predilecto a Jesús Sainz Planillo, alcalde de 1956 a 1970. Barcelona retiraba en abril de 2018 a Medalla de Ouro a Miquel Mateu Pla, primeiro alcalde da ditadura franquista. Madrid retiraba en xuño de 2017 (votos a favor de Ahora Madrid, PSOE e Cs) a distinción de Fillo Predilecto a Carlos Arias Navarro, alcalde na ditadura, e cambiaba a avenida Conde de Mayalde (José María Finat y Escrivá de Romaní), alcalde na ditadura (1952-1965). Cádiz cambiaba o 24 de novembro de 2017 (votos a favor de Podemos, PSOE e Ganar Cádiz) o nome da avenida Ramón de Carranza, alcalde despois do trunfo dos sublevados o 18 de xullo de 1936. A José León de Carranza Gómez Pablo, alcalde de Cádiz (1948-1969) fillo de Ramón de Carranza, retiráronlle, entre outras, unha escultura e unha placa na casa onde naceu. Retiraban tamén da escaleira nobre do concello os retratos de oito alcaldes da ditadura. A Deputación de Badaxoz (presidencia do PSOE) elaboraba en decembro de 2017 un catálogo de 257 restos do franquismo na provincia que había que eliminar, entre eles estes alcaldes na ditadura: Anonio Masa Campos, Fernando Calzadilla, Jaime Montero de Espinosa e Ricardo Carapeto Burgos. Cidade Real (alcaldesa do PSOE) cambiaba en febreiro de 2018 a rúa José María Aparicio Arce, alcalde de Alcázar de San Juan na ditadura. Ferrol, alcaldía de Ferrol en Común, retiraba os retratos dos alcaldes da ditadura da sala de alcaldes no pleno de 30 de xullo de 2018, a proposta do PSOE.
Avenida Barrié de la Maza. Franquista, colaborador co exército sublevado en 1936 e testaferro de Franco nos espolios do pazo de Meirás e Casa Cornide.
O Pleno de Sada de 28 de xaneiro de 2021 acordaba, cos votos a favor de Sada Maioría, BNG, PSOE e Alternativa dos Veciños, retirar a Barrié unha avenida, o nome dun colexio e a distinción de Fillo Adoptivo. O Pleno da Coruña de 1 de outubro de 2020 (votos a favor do PSOE, Marea Atlántica e BNG) aprobaba trasladar á Comisión Municipal de Memoria Democrática o estudo de retirar a Barrié a avenida, retrato e distincións.
Dique de Abrigo Pedro Barrié de la Maza.
Benito Blanco-Rajoy Espada. Como Decano do Colexio de Avogados participou na depuración dos avogados.
Ambrosio Feijoo Pardiñas. Participou como xeneral en consellos de guerra contra militares que non apoiaron a sublevación de 1936.
Escalinatas Rafael del Río. Rafael del Río y Díaz era membro de Caballeros de La Coruña, participante na represión. Cando era director do Banco Central en 1938, participa, xuntamente con Pedro Barrié e Alfonso Molina, en representación da Junta pro Pazo del Caudillo, na venda ante notario do pazo de Meirás por parte da familia de Emilia Pardo Bazán.