Os Servizos Sociais dirixidos aos maiores e dependentes: a posición do MODEPEN

Faixa de Modepen en defensa da sanidade pública © Modepen

*Texto conxunto de Francisco Vázquez Vizoso, Guillerme Fontán Feijoo, Gonzalo Balo Mosquera e Xavier Pérez Davila

 

O Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPÉN) é un movemento social para a defensa dos intereses económicos e sociais das persoas pensionistas. O MODEPÉN xogou un importante papel no nacemento da Coordinadora Estatal para a Defensa do Sistema Público de Pensións Públicas (COESPE), quen promoveu as grandes mobilizacións de pensionistas destes últimos anos que conseguiron a grande vitoria de que as pensións públicas continúen actualizándose anualmente de acordo co crecemento do Índice de Prezos de Consumo (IPC). O MODEPÉN, e a COESPE, segue dando a batalla para que as pensións públicas sexan incluídas nos orzamentos do estado, así como para que a súa revalorización anual de acordo co IPC sexa recoñecida como un dereito constitucional.

O MODEPÉN denuncia a situación actual dos Servizos Sociais dirixidos aos maiores e dependentes (Residencias, Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, ...), que se caracterizan por ser escasos, estar enormemente privatizados, ter unha calidade moi mellorábel, e ter uns prezos carísimos e abusivos. Como movemento social que, alén dos económicos, tamén defende os intereses sociais das persoas pensionistas, o MODEPÉN ten en conta que as persoas pensionistas son na súa grande maioría persoas maiores e, nunha proporción importante, tamén son persoas dependentes.

A precariedade dos Servizos Sociais dirixidos aos maiores e dependentes quedan ben reflectida en datos como os seguintes: 

As Listas de Espera da Dependencia afectan a case 9.000 galegos e a máis de 265.000 españois. Trátase de persoas que teñen recoñecido o dereito ás prestacións de dependencia, mais que non as reciben. En 2017 estímase que morreron 1.900 persoas que estaban nesa situación en Galicia, e 38.000 en España.

Estamos lonxe do estándar establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) de que deben existir 5 prazas de residencias por cada 100 persoas de 65 ou máis anos: na actualidade, en Galicia, só 3,7 prazas residenciais dirixidas a maiores e dependentes, que nun 80% son de titularidade privada. 

Conseguir praza nunha residencia pública é dunha enorme dificultade na grande maioría do territorio galego, pois a administración non potencia este tipo de residencias, e a súa política actual é reconverter as residencias públicas que existen en “asilos de anciáns” dirixidos aos casos de “emerxencia social”, mentres lle cede a súa xestión a empresas privadas en xeral vinculadas aos grandes fondos voitre de investimento. 

Por outra banda, os prezos das prazas nas residencias privadas con ánimo de lucro son en xeral superiores aos 2.000 euros, e nas privadas sen ánimo de lucro (de carácter relixioso, ...) adoitan ser superiores aos 1.500 €..

A case totalidade dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) existentes en Galicia, municipais ou non, dentro ou fora do Sistema de Atención e Axuda á Dependencia (SAAD), son xestionados por empresas privadas nos que a procura de beneficios económicos é unha prioridade. As horas dispoñíbeis para atención no fogar que os concellos galegos teñen orzamentados son moi escasas, e o número de persoas atendidas polos SAF municipais son moitas menos das necesitan eses servizos, sobre todo se o comparamos cos estándares dos países do norte de Europa. 

A aprobación da “Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia” (Lei de Dependencia ou LAPAD), en decembro de 2006, foi un fito histórico que tivo como consecuencia un forte crecemento duns servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes que, previamente, eran moi escasos. Mais, ao tempo, ese forte crecemento que experimentou o sector da dependencia, estivo fortemente mediatizado tanto polo carácter neoliberal de propia LAPAD, que deixaba un enorme espazo á penetración dos intereses económicos privados, como pola falta de compromiso coa defensa do público, que demostraron os gobernos galego e estatal que viñeron aplicándoa a LAPAD desde a o inicio da súa posta en marcha, e que se manifestou claramente no sempre precario financiamento público da aplicación da lei, que ademais viuse agravado polas circunstancias da crise económica. 

O MODEPÉN esixe que, como establece a propia LAPAD, o dereito ás prestacións da dependencia se podan exercer como un dereito subxectivo, recorríbel polo tanto nos tribunais da xurisdición social. A realidade actual é que as persoas dependentes e as súas familias seguen véndose obrigadas a reclamar os seus dereitos na xurisdición contencioso-administrativa, moito mais lenta, custosa, complicada e menos garantista, que a xurisdición social. Ningún dos gobernos centrais que se sucederon desde que se aprobou a Lei 36/2011, reguladora da xurisdición social, deron cumprimento ao disposto na Disposición final sétima desa Lei, impedindo así que os demandas xudiciais en materia de dependencia sexan vistas na xurisdición social. 

O MODEPEN fai seu o obxectivo de conseguir a creación duns verdadeiros Servizos Públicos de Dependencia, que partan da concepción de que o dereito a unha correcta atención aos maiores e dependentes é un dereito dos cidadán, similar ao o dereito ao ensino, a sanidade ou as pensións públicas; un dereito que a administración ten a obriga de garantir.

O MODEPÉN defende como opción estratéxica un Sistema de Servizos Sociais Públicos dirixidos aos maiores e dependentes caracterizados por seren: 

Servizos públicos: de financiación, titularidade, xestión e provisión plenamente públicos.

Servizos universais e ben dimensionados, de xeito que teñan capacidade para atender a todas as persoas que os precisan, sen excluír a ninguén por causas económicas ou doutro tipo. Como exemplo, o nº de prazas de residencias debe ser o que recomenda a OMS, é dicir de 5 prazas por cada 100 persoas de 65 ou máis anos.

Servizos de calidade contrastada na atención aos usuarios, que os faga atractivos para amplos sectores sociais, alén dos que conten con menos recursos económicos. 

Servizos ben financiados, que conten cunha financiación pública suficiente, con ese obxectivo o baixo Gasto Social dedicado a Dependencia que hoxe existe no Reino de España, 0,7% do PIB, debe incrementarse substancialmente: a media europea é do 1,8%, e nos países do norte de Europa chega até máis 4% do PIB.

Servizos gratuítos na súa parte de coidados (como na sanidade), e nos que o copagamento só afecte aos aspectos hostaleiros (aloxamento, manutención), e que teñan prezos asumíbeis para a grande maioría das persoas traballadoras e pensionistas.

Servizos que prioricen claramente a prestación de servizos formais, realizados por profesionais con experiencia e debidamente formados, antes que a prestación de servizos informais (que ademais perpetúan a discriminación de xénero), ou as prestacións económicas. 

Servizos baseados no principio de “envellecer na casa”, e teñan o seu alicerce en fortes Servizos de Proximidade (sobre todo Servizos de Axuda no Fogar, mais tamén Centros de Día, Servizos de Teleasistencia Avanzada, ...) e que procuren adiar á “institucionalización” (ingreso nunha residencia) até o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio. 

Os servizos residenciais, e os Centros de Día, deben estar situados na proximidade do domicilio do paciente e/ou da súa familia.

Servizos que conten cuns ratios de profesionais suficientes para que estes poidan realizar ben o seu traballo.

Servizos dotados de coherencia estratéxica e de xestión coordinada: debe crearse o Servizo Galego de Atención Pública á Dependencia (SERGAPAD), no que se integren o conxunto dos servizos públicos de dependencia de Galicia. 

Servizos que promovan a participación da sociedade na súa xestión, tanto das institucións e organizacións sociais do espazo territorial nos que actúen, como dos usuarios e dos seus familiares.

No MOPEPÉN sabemos que temos por diante unha longa e dura loita social para conseguir que cheguen a ser unha realidade os servizos sociais públicos dirixidos a maiores e dependentes como os que describimos no punto anterior. Enfronte temos e teremos o enorme poder dos intereses económicos que hoxe obteñen importantes beneficios da atención aos maiores e dependentes, comezando polos grandes fondos voitres de investimento, que son os propietarios da parte máis substancial do enorme negocio que hoxe é a dependencia. Eses grandes intereses económicos contan, ademais, con importantes apoios sociais, mediáticos, e políticos que defenden e defenderán a continuidade da inxusta realidade actual dos servizos dirixidos aos maiores e dependentes.

No MODEPÉN consideramos que é preciso crear un forte e amplo movemento social dirixido a conseguir os Servizos Sociais Públicos dirixidos aos maiores e dependentes que antes describimos. Ese amplo movemento social debe ser unitario e incluír ao maior número posíbel de persoas, movementos e organizacións, de carácter social, profesional, veciñal, sindical, ou político, que concorden con nós na necesidade e características dos servizos sociais que defendemos. 

Coa mirada posta na creación dese amplo e unitario movemento social que é preciso construír, no MODEPÉN consideramos que debemos priorizar unha alianza máis estreita coas Asociacións de Familiares e Usuarios dos Servizos de Dependencia, que pelexan pola mellora da calidade deses servizos, así como cos colectivos de traballadores e traballadoras dos servizos de dependencia que se están rebelando e mobilizando contra unhas condicións laborais e salariais existentes no sector caracterizadas pola súa forte precariedade. Con estes dous colectivos, temos unha ampla coincidencia de obxectivos, e certa experiencia de mobilización e traballo en común, polo que procuremos afondar na alianza estratéxica con eles. 

 

NOTA PREVIA: O texto está datado o día 10/03/2020, poucos días antes de que estalara con toda a súa crueza o actual andazo do Coronavirus. A dramática situación que estes días se está vivindo nas residencias de maiores e dependentes de Galicia e de todo o estado español, ten en boa medida a súa causa na situación que se describe, e se pretende combatir, no texto que segue. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.