Os símbolos de Galiza

A bandeira galega, no inicio dun partido da selección masculina de fútbol © Concello da Coruña

Tódolos galegos coñecemos, ou deberiamos coñecer, os dous principais símbolos que representan a Galiza: o escudo e maila bandeira. Perfeitamente descritos na “lei 5/1984 de símbolos de Galicia”. Mais non estou tan seguro de que todos saiban as súas orixes, nada excelsas por certo.

O escudo do cáliz foi invención dun heraldista anglonormando que á hora de representar o noso reino, e descoñecendo o seu escudo ou se o tiña sequera, atopou a solución na semellanza das palabras “Galice” e “calice”, polo que plantou este obxecto relixioso moi cristián como representación do noso reino alá a finais do século XIII nun armorial inglés, ou libro de emblemas heráldicos, onde aparece por primeira vez por triplicado sobor de fondo azul. A partir de aí vai aparecendo noutros armoriais como representación de Galiza ata ser plenamente asumido polos propios galegos a partir do século XV con variacións no número de calices, por veces ata cinco, de cor de fondo, azul ou branco, e acompañado por cruces a partir do século XVI, gregas ou de santiago, que tamén varian de número adoito, ou sen elas. A forma actual fixa un único cáliz porque só hai unha Galiza, escolle a cor azul por ser a máis usada nas primeiras representacións e fixa sete cruces polas sete antigas provincias galegas anteriores á reforma provincial de 1833: Lugo, Mondoñedo, Betanzos, Cruña, Compostela, Ourense e Tui.

Denantes do invento do cáliz o reino de Galiza estivo representado polo símbolo do león, adoptado tamén por mera coincidencia fonética, dado que os reinos de Galiza e León formaban parte da mesma coroa, que tiña a súa capital política na cidade de León (< lat. Legione) e maila relixiosa na cidade de Compostela. Con todo, é bo saber que nos mapas que se conservan da época o reino adoita recibir o nome de “Gallaecia” e non o de Reino de León nin cousa similar, que tanto gosta á falsaria historiografía española.

En verdade, o único escudo nacional galego creado na nosa terra foi o deseñado por Castelao, en 1937, onde unha fouce dourada e unha estrela vermella sobor de fondo azul están orlados polo lema: “Denantes mortos que escravos” e sostidos por unha serea. Escudo ideolóxico onde se representa o campesiñado, o mar e mailo socialismo.

Quen pense que outros escudos teñen maior dignidade ou antigüidade debe saber que, por exemplo, o de España, que reune os dos reinos de Castela, León, Aragón, Navarra e Granada e mailas armas da Casa de Borbón, é de 1981 pro antes tivo numerosas variantes: o dos Reis Católicos e Xoana I de Castela -Casa de Trastámara- (1469-1516); o da Casa de Austria (1516-1700), que coñeceu modificacións cos diferentes reis; o da Casa de Borbón (1700-1808), tamén con modificacións segundo os reis; o do rei Xosé I Bonaparte (1808-1813); o da Restauración borbónica cos reis Fernando VII e Isabel II (1813-1868); o do Goberno Provisional (1868-1870); o do rei Amadeo de Savoia (1870-1873); o da I República (1873-1874); o da segunda Restauración borbónica cos reis Afonso XII e Afonso XIII (1874-1931); o da II República (1931-1939); e o da Ditadura franquista (1938-1981), que tivo tres modificacións (1938-1945, 1945-1977 e 1977-1981). En fin, toda unha demostración de permanencia heráldica que non convén descartar que teña continuidade.

E a bandeira, segundo a teoría máis estendida, foi tomada da utilizada pola provincia marítima da Cruña (1845), que nun inicio consistía nunha cruz de Santo Andrés azul sobor de fondo branco pro como esta coincidía coa bandeira da armada imperial rusa modificouse eliminando unha das franxas da cruz quedando como a actual bandeira galega en 1891; esta por ser a que os emigrantes que partían pra Cuba vían nos trasantlánticos que saían da Cruña foi asumida pola emigración na illa caribeña como bandeira galega e logo dende alá retornou a Galiza con ese novo significado pra ser recoñecida na nosa terra como bandeira nacional. Con todo, esta teoría vese contradicida polo dato histórico do uso da bandeira galega no traslado dos restos de Rosalía de Castro no mesmo ano de 1891 pro denantes da decisión de modificación do goberno español ou a descrición da bandeira galega feita por Adelardo Novo en 1892 na “Gaceta de Galicia”.

Nos séculos anteriores o escudo do cáliz arrodeado das cruces foi usado tamén como motivo de bandeiras de Galiza por algúns rexementos que se ubicaban aquí, ás veces sobor de fondo azul e outras branco, como a usada polas naves da escuadra Galicia no século XVIII: cáliz dourado con tres cruces vermellas en vertical á súa esquerda e outras tres á súa dereita sobor fondo branco. Porén nunca cun significado de bandeira nacional galega, algo totalmente anacrónico denantes do século XIX.

No entanto, para quen pense que o dito anteriormente desprestixia a nosa simboloxía hai que lle lembrar que o caso galego é a norma e non a excepción. Así a bandeira de España xorde da escolla realizada polo rei Carlos III entre doce deseños diferentes en 1785 pró uso nos barcos españois, deles escolleu o actual da bandeira española prá armada xunto con outro deseño algo parecido –cinco franxas horizontais onde as dúas intermedias son vermellas e as tres restantes amarelas– prá mariña mercante que estivo en vigor ata 1927. Os historiadores afirman que na escolla de cores de ámbalas bandeiras influíu as franxas amarelas e vermellas usadas nas bandeiras das naus da coroa de Aragón durante o medievo; por tanto, nin sangue dos caídos pola patria nin ouro representando a riqueza nin demais farrapos de gaita. O seu uso como representación de España foise impoñendo trala Francesada e a partir de 1843 como única bandeira de calquera tropa española. Denantes desta bandeira foi moi usado o deseño da cruz de Borgoña, traída polas tropas chegadas con Filipe o Fermoso, primeiro Habsburgo reinante en España, sobor todo como cruz vermella en campo albelo pro tamén houbo gran variación de cores no seu emprego polos exércitos e naves de España. Esta bandeira foi posteriormente utilizada polo Carlismo do século XX como símbolo e xunto coa bicolor española combaterían xuntas contra a tricolor republicana, que incorporou a cor morada como representación da bandeira de Castela –erroneamente, pois a auténtica é de cor carmesí–.

E a maioría das bandeiras estatais son contemporáneas ou máis modernas cá nosa, como tódalas xurdidas das antigas colonias en Asia, África e Oceanía durante o século pasado: a India, bandeira independentista do Congreso Nacional Indio (1931), oficial dende 1947, cuxo antecedente con cor central amarela no canto da branca está na bandeira de Calcuta (1906); Paquistán (1947), baseada na da Liga Musulmá India (1906), toda verde coa media lúa e maila estrela; Vietnam (1940); China (1949); Mongolia, cuxa actual bandeira (1992) é unha variación da socialista de 1949 sen a estrela culminando a columna; Alxería (1958 e oficial en 1962); Malí (1961); Kenya (1963); Bangladesh (1972) etc. E tamén moitas bandeiras occidentais son máis recentes cá nosa. A actual portuguesa invéntase en 1911, trala proclamación da República –e é por tanto máis moderna cá galega–, asumindo as cores vermella e verde do Partido Republicano Portugués, desbotando a anterior bandeira real azul e branca. Algo denantes o fundador do Partido Nacionalista Basco, Sabino Arana, inventa a “ikurriña” en 1894 para representar a Provincia Foral de Biscaia, mais logo co tempo foi asumida como símbolo de Euskal Herria –País do éuscaro–, tanto en Navarra coma no Pays Basque francés aínda que só é oficial no País Basco español ou Euskadi, e parece obvio que a “Union Jack” británica pesou moito no seu deseño. A do Quebec é de 1948, a anterior era o pavillón azul británico co escudo quebequés. As dos tres países bálticos: Letonia (1917 e oficial en 1918), Estonia (1880 e nacional en 1918) e Lituania (1917 e oficial en 1918) etc.

Mesmo algunhas son moi recentes: como a de Myanmar (antiga Birmania) (2010), baseada na antiga tricolor do Estado de Birmania (1943-45), usada durante o dominio xaponés; a de África do Sur (1994), que xunta as cores tradicionais da minoría branca (azul, branco e vermello) e as do Congreso Nacional Africano (negro, verde e amarelo); a de Sudán do Sur (2005), orixinada na do Movemento de Liberación do Pobo (1983); a de Eritrea (1995), coas cores da Fronte Popular de Liberación de Eritrea (1970); as das excolonias chinesas de Hong Kong (1990) e Macau (1993); as canadenses da provincia de Terranova e Labrador (1980) ou do territorio de Nunavut (1999) etc. 

Amais as bandeiras poden ir mudando no tempo. A bandeira do Reino Unido, creada trala unión de Inglaterra e Escocia en 1606, tivo entre esta data e 1707 dúas versións, unha usada en Escocia, en que se sobrepuña a cruz de Santo Andrés escocesa sobor da de San Xurxo inglesa, e outra en Inglaterra, que foi a que prevaleceu ata que en 1801 se uníu a cruz de San Patricio, en representación de Irlanda, dando lugar á actual bandeira británica; sen esquecer que entre 1649 e 1600, durante o período da república-ditadura, se utilizaron tres deseños máis como bandeira nacional: unión das bandeiras de Inglaterra e Irlanda -arpa dourada sobor de azul- (1649-51); bandeiras de Inglaterra e Escocia combinadas en catro cantóns (1651-58); e Unión Jack co escudo de Irlanda no centro (1658-60). E a bandeira dos Estados Unidos de América ten sido modificada dende un ano após a creación do país, en 1766, 26 veces, sendo a actual con 50 estrelas de 1960, trala incorporación en 1959 como estado do arquipélago de Hawai. A súa primeira bandeira, a que usou o exército independentista, foi unha modificación da usada pola Compañía Británica das Indias Orientais co cantón cadrado coa Unión Jack da época en vez de rectangular pro nunca tivo carácter oficial, mentres que a primeira oficial xa utilizou o cantón rectangular con trece estrelas, ben en cinco liñas horizontais –a máis habitual–, ben formando círculo.

As bandeiras xurdiron pra diferenciar os combatentes nas batallas durante a Idade Media, dado que na altura non existían os exércitos uniformados, e foi na época contemporánea, coa creación dos exércitos nacionais, que se foi impoñendo unha única bandeira pró mesmo exército e, como consecuencia, pra representar un país fronte aos demais. Xa que logo, na súa orixe está separar e enfrontar e así seguen. Por exemplo, a bandeira de Cataloña, que xorde do escudo usado pola Casa de Aragón, é tan lexitimamente catalá coma aragonesa, valenciana ou balear pro só Aragón xunto con Cataloña conservan o antigo escudo nas súas bandeiras, a Comunidade Valenciana e as Illas Baleares decidiron adoptar como bandeiras das súas comunidades as propias das cidades de Valenza e Palma –aquí cunha variación no deseño– pra se diferenciaren da usada no principado; este motivo tamén aparece verticalmente nos escudos e bandeiras de Foix (con tres barras só), Rosellón (Pireneos Orientais) e de Proenza. E así mesmo no actual enfrontamento político catalán, dado que a “senyera” tradicional é plenamente asumida polo estado, os partidarios da independencia recorren a unha bandeira diferente: a “Estelada” (Estrelada), creada nos inicios do s. XIX por Vicenç Albert Ballester que engade un triángulo azul cunha estrela branca seguindo o deseño das bandeiras cubana e portorriqueña, na altura recentemente independizadas de España e colonizadas polos EUA –Porto Rico aínda o está–. No entanto, esta mesma “estelada” ten variacións nas cores do triángulo e maila estrela conforme a ideoloxía independentista: na década dos 60 do século pasado o PSAN (Partit Socialista d’Alliberament Nacional dels Països Catalans) mudou o triángulo azul por outro branco con estrela vermella, mais na década seguinte o triángulo mudou a amarelo e a partir de entón representa o soño dunha república catalá socialista; o Partido Comunista Internacional crea outra “estelada” con triángulo vermello e estrela amarela; os independentistas ecoloxistas mudan o triángulo azul a verde; e o anarquismo independentista usa un triángulo negro con estrela vermella de oito puntas; tamén se ven “esteladas” coas cores dos equipos de futbol ou baloncesto do Barça, do Espanyol, do Joventut de Badalona ou do Palamós. Os galegos tamén temos a nosa propia “estelada”: a “estreleira”, onde o escudo de Galiza é substituído por unha estrela vermella, simboliza o nacionalismo socialista e foi usada por primeira vez polo Batallón Galego do 5º reximento republicano en 1936, mais popularizouse a partir da década dos 60 como símbolo da UPG (Unión do Pobo Galego) e na actualidade polo Bloque Nacionalista Galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.