Os sumidoiros do Estado

Téñome por persoa de lei. Ou, como diría a finada da miña avoa Antonia, por un home de orde. Velaí que cando foi o 11-M, no xa lonxano 2004, acreditase no relato do Ministro do Interior polo menos durante as primeiras tres ou catro horas, até que ben clariño ficou que mentía. Como mentira o seu Goberno todo poucos meses antes, canda a catástrofe (ambiental e democrática) do Prestige. Dende entón sigo a defender aos funcionarios policiais, mais desconfío sempre dos seus mandos políticos, quer Ministros do Interior, Directores Xerais da Policía e Garda Civil, quer Delegados do Goberno ou determinados Comisarios Xerais pata negra, que cren só responder perante o seu Ministro e a Historia.

Existen xa probas de cargo abondas que demostran a conspiración delitiva, cando non  a autonomía de actuación á marxe de calquera control democrático, de enteiras unidades policiais. A chamada Policía Política ou Policía Patriótica, creada polo anterior Ministro do Interior, Jorge F, Díaz, semella xa unha realidade acreditada. Unha Policía usada fraudulentamente para combater o independentismo catalán-pacífico, compre non esquecelo-. Arrepíamos coas gravacións onde o Ministro animaba ao Xefe da oficina Anti-fraude catalá para espiar parentes de Francesc Homs, Artur Màs ou Oriol Junqueras, prometéndolle apoio aberto dende a Fiscalía e gabándose ambos os dous de terlles “desfeito a sanidade catalá”.

Que dicir do comisario Villarejo, sospeitoso de ferir a coitelo a unha doutora supostamente acosada polo  Presidente de Ferroglobe, Javier López Madrid e de usar os medios da Administración en beneficio da súa axencia de información? Ou das interferencias a respecto das pescudas policiais sobre o duplex do ex presidente madrileño, Ignacio González, na Costa do Sol? Ou do absoluto ridículo de lle atribuír ao entón alcalde barcelonés, Xavier Triàs, a titularidade dunha conta falsa en Suíza?

Pois ben, até de agora só o Parlament catalá abriu unha pescuda oficial sobre estes feitos delictivos, mentres que PP, C’s e, até de agora, o PSOE (boa oportunidade para que Pedro Sánchez amose a remuda de paradigma) bloquearon até de agora calquera investigación a serio dende o Congreso dos Deputados.

Nunha democracia só nos poden investigar por orde xudicial. O outro chámase Estado policial ou Estado autoritario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.