Os tempos máxicos de Mario Obrero

Mario Obrero © álvaro tomé / LBV

Hemeroteca

Obrero, Mario (2024): Tiempos mágicos, La Bella Varsovia, Barcelona, 80 pp.

 

Este 21 de marzo celebrouse o Día Mundial da Poesía e, moi poeticamente, a chegada dos Tiempos mágicos de Mario Obrero. Tiempos mágicos é un poemario atemporal, un poemario que abarca e excede todos os tempos. Mario Obrero conxura ao onte, hoxe e mañá para achegarnos novos poemas, novas historias, que en moitas ocasións seguen a lembrarnos ás súas Cerezas sobre la muerte, porque o compromiso social do poeta é unha constante que non pode pasar desapercibida especialmente nun día como o de hoxe.

Portada de 'Tiempos Mágicos' © La bella Varsovia

Tiempos mágicos é un poemario atemporal, un poemario que abarca e excede todos os tempos. Mario Obrero conxura ao onte, hoxe e mañá para achegarnos novos poemas, novas historias

Tras a fermosa cuberta de deseñada polo poeta, atópanse os vinte e cinco poemas e os sete fermosos colaxes que iluminan o volume. As composicións poéticas traban na maioría das ocasións un fermoso diálogo coas citas dos autores e das autoras que se recollen ao final de moitas delas. Trátase de vinte e tres citas de moi diversa procedencia, entre as que se atopan: Lourdes Álvarez, Sebastián de Covarrubias, Lois Pereiro, Francisca Aguirre, Federico García Lorca, Carmen Jodra Davó, Anna Ajmátova, Antonio Gamoneda, Tere Irastortza, María Moliner, María Zambrano, Joan Coromines, Gonzalo Fernández de Oviedo, Alba Cid, Miquel Martí i Pol, Susana Rafart, Maria-Mercè Marçal, Rosamel del Valle, Marta Agudo ou Marguerite Duras, entre outros e outras. Dialogan tamén algúns dos poemas con versos de Carmen Conde, Lope de Vega, Susana Obrero, Guadalupe Grande, Luz Pichel e Teresa Wilms Montt, todos eles intercalados, en diálogo íntimo, cos de Mario Obrero. Non pode obviarse tampouco o peso musical non só destas poesías, senón tamén das partituras reproducidas como cita ou imaxes e mesmo a mención explícita de guitarristas como Fernando Sor, Francisco Tárrega e Matteo Carcassi en «Está la infancia o gimnasio de las uñas…» (p. 43) ou mesmo a compositora alemá Sophie Lebrun na cuarta parte de «Baldosas rojas» (p. 52).

Toda esta variedade de personalidades de distintas épocas, procedencias e linguas vese reflectida na poesía tamén diversa de Mario Obrero, pois, non é a primeira vez que o autor introduce nas súas composicións o galego, o asturiano, o catalán ou o éuscaro

Toda esta variedade de personalidades de distintas épocas, procedencias e linguas vese reflectida na poesía tamén diversa de Mario Obrero, pois, non é a primeira vez que o autor introduce nas súas composicións o galego, o asturiano, o catalán ou o éuscaro, algo que se pode atopar perfectamente conxugado en «Poco importa la cartilla del censor gerente de la tilde tributaria…» (pp. 23-24) e que, como o propio poeta afirma noutro poema, «Los árboles son hombres que tocan a hombres i la petroquímica…», son «cosa bonita los idiomas» (p. 45). Así, aparecen tamén o neerlandés en «Jan Josephszoon van Goyen hijo de un zapatero decidió en 1643…» (pp. 41-42), o latín e o italiano na terceira e sexta partes, respectivamente, de «Baldosas Rojas» (pp. 49 e 54-55) e o francés na terceira parte do poema homónimo ao poemario (p. 65). Porén, a imitación do tempo verbal futuro en castelán medieval que encabeza os seguintes versos produce un dos máis fermosos resultados nesta fermosa escolma de poemas: «suceder ha / así el futuro nace en mi lengua / sucederá todo como una genuflexión orinada / estoy sano tengo dieciséis años usted haga el favor de no molestar» (p. 52).

Nesta liña, os poemas proveñen de inspiracións diversas, por exemplo, «Donde el puente arriba a las ciudades…» (pp. 28-29) foi escrito a raíz de Estampas porteñas de Facundo de Zuviría, como aclara o propio poeta nas «Notas» (p. 71), e o anteriormente referido «Jan Josephszoon van Goyen hijo de un zapatero decidió en 1643…» tivo a súa fonte de inspiración no Paisaje invernal con figuras en el hielo do pintor protagonista da mesma composición. Outros teñen unha explicación máis persoal, como a relatada por Mario Obrero no café poético ofrecido na Casa da Lectura de Gondomar o pasado domingo 17 xunto coa poeta Olga Novo. Alí, o poeta explicou que a terceira parte de «Traducciones de Kolkata» (pp. 39-40) foi froito dunha viaxe á India na que impartiu unha conferencia e, ao ver un can, fíxose a pregunta que se reitera dende o primeiro verso: «qué te digo yo a ti perro? qué respondo a tu luz trompeta?» (p. 39).

En liñas xerais, os poemas tamén son en boa parte un exercicio de memoria histórica a través da mención de persoeiros como os poetas da xeración do 27 Carmen Conde e Federico García Lorca. A conciencia de clase e o compromiso cos máis desfavorecidos impregnan estas composicións dende o comezo «dios así lo quiso y tan solo de mirarnos se fundó la dinastía obrera / luego vinimos una tras otra a depositar nuestro / pan en el sueño de los mirlos / nuestra confianza nostálgica en las izquierdas» (p. 11), «vengo de una estirpe que ausculta a los frutos el canto del melón la conversación de las naranjas villa burguesa sus empleadas domésticas ponen a punto los cuernos del buey cuando pasa la signora vienen y vienen nunca han dejado de venir los pobres a sus pequeños reductos nocturnos» (p. 13) ou «tío julio robaba patatas a las afueras el abuelo las / pasó en yeserías ¿ven ustedes? se puede ser / maqui al aire libre / en carabanchel mil punto nueve cuarenta y ocho / siete años en la casa de las forzadas al neón» (p. 30) até o final «sócrates fue arrojado por los fascistas al río miño eso sí que era una mosca de la fruta una polilla en el zaguán de los tópicos literarios en 1965 el concilio segundo de las santas gamberradas absuelve a los judíos» (p. 68).

Tiempos mágicos é unha xusta revisión do pasado, un paseo polos derroteiros e polas derrotas do presente e un sopro de aire que nos impulsa cara ao futuro

En definitiva, Tiempos mágicos é unha xusta revisión do pasado, un paseo polos derroteiros e polas derrotas do presente e un sopro de aire que nos impulsa cara ao futuro. Un poeta como Mario Obrero, que coida tan ben das palabras, que traza coidadosamente as súas escollas, que alberga unha sabedoría etimolóxica ilimitada, iam magis (p. 65) se poderá dicir del que nos seus poemarios, e moi particularmente neste, sobre ou falte algunha palabra porque todo o que ten que estar está e «todo tiene tantas palabras…» (p. 58).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.