Hoxe por hoxe, o emprego é un dos maiores problemas macroeconómicos que ten Galiza. Algo que se a crise global do 2008 puxo claramente en evidencia serían posteriormente as políticas de duro axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos quen farían que ese problema estrutural, fundamento principal aínda que non único da súa condición de economía periférica, estoupara ata acadar dimensións descoñecidas en todo o período democrático. Un problema no que a Xunta de Galicia (2009-2016) ten unha grande responsabilidade pola súa firme aposta por aquelas políticas.
Pero centremos este problema. En relación ao emprego Galiza presenta un balance (EPA. 4º trimestre do 2015) que non pode cualificarse por mais que moi negativo como no conxunto de España pero cunhas características particulares moi importantes. Galiza pechou o ano 2015 con unha taxa de paro do 17,74% que, aínda que sexa inferior a media española (20,90%), non deixa de ser un valor elevadísimo pois practicamente duplica a media da UE (9,6%) a pesares da “válvula de escape” que supón o novo reponte do migración quen presenta un saldo anual negativo que oscila entre os 2.500 e os 3.000 activos. Un elevado desemprego que se produce nun mercado de traballo que ten unha taxa de actividade moi baixa (53,33%), claramente inferior a media española (59,43%), e unha taxa de ocupación tamén moi baixa (43,9%), igualmente inferior a media española (47%) e moi afastada da media da UE (56%). Datos todos eles que confirman como en Galiza, ao igual que sucede en España, hai un moi grave problema de demanda de traballo(*) fronte ao que parecen afirmar os neoliberais de torno –e algúns socialdemócratas- que defenden teses que se apoian nunha debilidade da oferta: non é que os traballadores galegos non queiran traballar senón que non hai empregos nun mercado de traballo que conta cunha demanda que está moi, moi lonxe da oferta –a pesares da baixa taxa de actividade-. Un problema que é estrutural en Galiza e que durante décadas estivo oculto tanto polo elevado subemprego no sector agrario como pola constante emigración.
Un desequilibrio –demanda/oferta- que facilita a precariedade laboral reflectida nos baixos salarios reais e na elevada temporalidade. Uns salarios reais que ademais de, ao igual que sucede en España, perder poder adquisitivo nos derradeiros anos en beneficio das rendas do capital, están entre os mais baixos do Estado –entre un 85% e un 89% da media española que os sitúa nos terceiros pola cola- algo que explica como en Galiza os salarios teñen un peso na riqueza nacional (43%) claramente inferior a media española (46,7%) quen a súa vez supón a porcentaxe mais baixa da UE: nos estados mais desenvolvidos as rendas do traballo xiran en torno ao 60% da riqueza nacional. (T. PIKETTY: O capital no século XXI. RBA). Uns baixos salarios que se combinan cunha moi alta temporalidade (25,5%), superior a media de España (23,4%) que ven sendo a segunda mais elevada de Europa (13,8%). Seguindo cos salarios e a desigualdade sabemos polos técnicos de facenda (GESTHA) que en Galiza o número de traballadores empregados que teñen un salario igual ou inferior ao SMI non para de medrar (31%), que sucede o mesmo co número de traballadores (18,5%) que sofren o que se coñece como pobreza laboral xa que teñen uns ingresos polo seu traballo inferior aos 325 euros (M. BARBEITOS: As vítimas de desigualdade en Galiza. Praza Pública, marzo 2016), que as mulleres traballadoras cobran un salario medio un 25% inferior ao dos homes e que o 36% daquelas teñen un salario mensual inferior aos 500 euros.
Todo estes datos estatísticos confirman que o emprego é un dos problemas macroeconómicos mais graves que ten Galiza pois debilita a demanda e impide o crecemento económico. Un problema que ten causas políticas: as citadas e durísimas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos que a maioría dos gobernos están practicando, hoxe por hoxe, na Unión Europea. Unhas políticas que en Galiza contan con un dos gobernos mais aplicados e obedientes: a Xunta de Galiza (PP) que preside A. Núñez Feijoo.
Repasemos os feitos. O axuste fiscal que en Galiza afectou gravemente a unhas funcións públicas de benestar –sanidade, ensino, dependencia …- xa moi deficitarias supuxo para o mercado de traballo galego: 1º Unha perda aproximada de 17.000 empregos públicos (EPA), 2º. Unha precarización sen precedentes no emprego público, -un 20,7% de taxa de precariedade-, 3º Reducir aínda mais o gasto público en I+D+i, imprescindible para impulsalo emprego -Galiza: 0,8% do PIB, España: 1,3%, Pais Vasco: 2,2%, Suecia: 3,5%, Alamana: 3%-, 4º Minimizar o gasto público real nas políticas activas de emprego -0,4% do PIB moi lonxe do 1,2% de media na UE-. A (contra) reforma laboral que favoreceu na práctica cambios do modelo negociador con unha crecente inaplicación de mais convenios en mais empresas (D. FERNANDEZ: Os impactos das reformas laborais na negociación colectiva galega. TEMPOS NOVOS marzo 2016) o que, a súa vez, concedeu maiores facilidades para o despido dos traballadores e que tivo en Galiza, como no conxunto de España, un impacto moi negativo sobre o emprego pola suba tanto do desemprego -algunhas fontes sindicais sitúan en 4 puntos a suba do desemprego en Galiza por mor da (contra) reforma laboral- como do emprego precario –un incremento do 31%, segundo as mesmas fontes-: non é casualidade que os estados que teñen os mercados laborais mais regulados, caso de Alamana, Suecia, Austria.., teñan tamén un menor desemprego. A desfeita das caixas de aforro, a que tanto a actual Xunta de Galiza (PP) como a anterior (PSOE/BNG) colaboraron (M. BARBEITOS: “O espolio do sistema bancario galego”. Praza Pública, febreiro 2016) vai incidir fortemente, xa o está facendo, no mercado do crédito basicamente para as pemes e o comercio polo miúdo que son quen mais emprego crean en Galiza.
Finalmente subliñar que, como ben sinalan aqueles –as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo-, o seu problema é “que non venden”. E non venden por mor do desemprego, os baixos salarios e a redución do gasto público: pola debilidade da demanda interna que as políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial non fan mais que acentuar. Se as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo non venden reséntese o emprego en Galiza xa que ambos supoñen mais do 95% do emprego creado no comunidade.
Velaí as responsabilidades da Xunta de Galiza no elevado desemprego, na crecente precariedade laboral e no reponte da emigración.
(*): Non confundir coa demanda de emprego