Nesta fría e húmida tarde de xaneiro, na que escoito a Dvorak namentres degusto un chá negro ben quentiño e unhas (poucas) pastas con (moito) chocolate, doume por pensar un pouco no tema que fixo que onte a miña rede social de cabeceira, o galitwitter, fervera. A estrea dunha serie, do omnipresente camiño –como non– relixiosamente financiada cun millón e medio de euros pola Xunta do amigo de Marcial e perpetrada por unha coñecida empresa de ficcións en coproducción con medio orbe cristiá. Por certo, as críticas, polo menos nos cibermedios, están sendo demoledoras. Pensei, dícía, que hai unhas semanas escribía sobre a necesaria soberanía audiovisual que así en crú semella unha desas cousas que dicimos con moito criterio os de esquerda pero que os de dereitas, co seu criterio habitual, deixan só no da soberanía que é o que lles pon.
A serie, financiada nunha porcentaxe moi importante por todos e todas nós, estrease nunha desas plataformas OTT sen posibilidade de vela en galego
O da serie non é menor, parafraseando a un dos grandes filósofos populares: «dicho de otra forma, es cosa mayor».
Xa hai anos que o Partido Popular redobrou, con moito éxito como vimos nas eleccións, a aposta de usar os medios públicos coma propios e por outra banda, tamén coma sistema de –permítanme– castración e doma do audiovisual e do cultural a través dun sistema de cotas que non existe sobre o papel mais que é tan vox populi no sector coma doado de verificar.
Xa hai anos que o Partido Popular redobrou, con moito éxito como vimos nas eleccións, a aposta de usar os medios públicos coma propios e por outra banda, tamén coma sistema de –permítanme– castración e doma do audiovisual e do cultural a través dun sistema de cotas
A devandita serie, financiada nunha porcentaxe moi importante –non sabemos se maioritaria– por todos e todas nós, estrease nunha desas plataformas OTT sen posibilidade de vela en galego (foi gravada en castelán, vaian saber o porqué) e aínda ninguén explicou a cadea de decisións que levou a este despropósito: Cal é o criterio para decidir estas cousas? Co-produce a plataforma, canto inviste? Dálle iso dereito de exclusividade e primicia? Repartirá a plataforma os ingresos? Canto inviste –se pon algo– a CRTVG?
O da dobraxe tamén é un debate especialmente delicado, en principio a Xunta e a Corporación deberían financiar dobraxes para que a nosa lingua estea presente nas plataformas (modelo catalán). Mais, non é isto unha forma de financiación encuberta forzada polas compañías (que son privadas)? Financiamos a dobraxe do audiovisual e non, por poñer un exemplo, dos programas de ordenador? Onde poñemos o límite? Canto carto adicamos?
O problema, de tódolos xeitos, é que non temos acceso a contido na nosa lingua, simplemente porque nas plataformas non hai. Temos que asumir todos e todas os custes da dobraxe para aforrarllos ás plataformas? Habería xeito, no marco legal, de obrigar ás multimillonarias plataformas a dobrar ás linguas minorizadas? Hai outra solución?
En principio a Xunta e a Corporación deberían financiar dobraxes para que a nosa lingua estea presente nas plataformas (modelo catalán). Mais, non é isto unha forma de financiación encuberta forzada polas compañías (que son privadas)?
A TVG estreará a versión dobrada no verán (xa veremos como vai) e así de súpeto descubrimos que o sector (o mercado en termos dos filósofos populares) non sempre se pode predicir e moito menos manexar, cando un se asocia con plataformas OTT perde poder de decisión. A globalización fai que as ameazas que antes eran pequenas agora sexan moi, moi grandes e en diversos frontes.
O que a Xunta/CRTVG non podía prever –ninguén podía– era a evolución do escenario audiovisual global, a aparición das OTT (plataformas que operan en internet coma netflix, etc) mudou o terreo de xogo. As audiencias van a pique, o que reduce o investimento publicitario e, así mesmo, a capacidade financeira das cadeas que teñen que ir a formatos máis baratos o que a súa vez baixa as audiencias, empobrece os contidos e precariza á masa traballadora. Esta roda é complexa de rachar porque son precisos moitos cartos e unha planificación a futuro. Fai apenas uns anos sabíase quen era a competencia, as corporacións estatais, e con estas había unha vantaxe competitiva, o coñecemento do público propio e a proximidade no amplo significado do termo, incluído o idioma. Agora a competencia faise, como diría Bauman, líquida; temos múltiples ofertas e unha pléiade de canles de distribución e os máis novos non ven as teles tradicionais (moito menos a nosa autonómica) porque non lles interesa nada do que ofrecen –salvo cousas moi puntuais–. Tampouco axuda a incompetencia lingüística alimentada polo famoso decreto.
As audiencias van a pique, o que reduce o investimento publicitario e, así mesmo, a capacidade financeira das cadeas que teñen que ir a formatos máis baratos o que a súa vez baixa as audiencias, empobrece os contidos e precariza á masa traballadora
A galega leva anos programando exclusivamente para o sector de idade máis alto, afondando nese folclorismo cosmopaleto de Frente de Juventudes, trasnoitado e antergo, cun humor que segue polo mesmo rego, ridiculizando sempre, e só, o rural, reducindo o país a unha das partes, usando a tradición coma se este país fora un museo vivinte, facendo brincadeira do deturpamento da lingua, alimentando (cada vez menos discretamente) a presenza de contido en castelán e, e isto é moi triste, pagando e tratando mellor aos de fóra que aos nosos. Unha programación que fede a balor e abusa da repetición: de xente, de artistas, de copla, de formatos, de programas, de temas, de guións e, sobre todo, de erros. Facendo, en resumo, como cantaban os da Banda de Poi «reality shows para as vacas». Entón cando a podremia de programación que nos ofrecen os medios públicos galegos non se poida xustificar nas audiencias, cando o share medio baixe, por exemplo a menos dun 5% que facemos? Cando o número de espectadores dun prime time caia a menos de 50000 persoas (está pasando) que facemos? Ninguén o sabe pero, por se non lembran, unha parte importante dos Populares (daquela Alianza, agora Partido) non quería ter unha autonómica en Galiza e o goberno Aznar tiña plans de privatizar o que puidera (incluída a 2 de TVE).
A galega leva anos programando exclusivamente para o sector de idade máis alto, afondando nese folclorismo cosmopaleto de Frente de Juventudes, trasnoitado e antergo
O escenario evoluciona rápido e os novos actores teñen por condena o carto –ao contrario que as autonómicas–, a televisión faise global e os hábitos de consumo e os públicos (nomeadamente os novos) marchan a un ecosistema dixital que coñecen, que lles é cómodo e versátil, que fala nos seus códigos e que lles permite fuxir da rixidez, a linealidade, a estreitez e a verticalidade da televisión tradicional.
Que vai pasar cando a Galega sexa aínda máis insignificante en audiencia (que é o baremo usado polos Populares para defender a súa política de medios) e algún político neoliberal decida reducir o investimento público? Privatización? Que vai pasar co sector privado que é financiado de xeito maioritario –e opaco– pola corporación? Que vai pasar coa desaparición da nosa lingua nos produtos audiovisuais que financiamos con carto público? Hai algún plan de futuro? Os debates que veñen son importantes e deitan moitas preguntas aínda que semella que ninguén quere abordalos. Sabemos que algunhas cousas preocupan en San Marcos por declaracións do Director Xeral –ese que non ve o negro que lle arrodea–, Sánchez Izquierdo afirmou no Parlamento que no futuro só as canles públicas terán informativos porque son caros. Non creo que vaia desencamiñado, o que non sabemos é cales son os plans do seu equipo para o futuro da corporación.
Ten capacidade a Corporación para soster un sector de producción en galego tendo cada vez menos capacidade de investimento e máis competencia? Seremos só productores asociados das OTT? Quen decidirá entón? Porque neste caso concreto semella que as decisións importantes non se tomaron na Galiza.
Ten capacidade a Corporación para soster un sector de producción en galego tendo cada vez menos capacidade de investimento e máis competencia? Seremos só productores asociados das OTT?
A Corporación RTVE anunciou hai pouco a posta en marcha dunha plataforma OTT propia. Que vai facer a nosa corporación? (Dubido que sen alianzas con outras corporacións europeas sexa factíbel economicamente nin para RTVE ni para a CRTVG. En Europa xa hai movementos nese camiño).
É TikTok e o programa «one woman band» a aposta de futuro ou é o Miss Vaca de Luar?
E sobre todo, de seguirmos así, será viábel a nosa radiotelevisión?
Neste escenario é preciso cambiar de rumbo. Xa que non se aproveitaron os anos sen competidores disruptivos para afortalar e asentar un modelo de radiotelevisión propia, plural e diversa que promova realmente un audiovisual galego forte, independente, con capacidade de innovación e exportación. Agora xa estamos na carreira polo audiovisual que vén e somos o equipo coa peor directiva, con menos ideas, con menos interese polo propio e con menos recursos. Esta corporación carece da mínima capacidade de autocrítica, non cumpre nin sequera a lei dos Medios de Comunicación de Galiza que a regula, está gobernada de xeito moi partidista e pouco transparente e máis preocupada de manter o Statu quo e o control do sector que en pensar solucións que aseguren o futuro. E desculpen o meu pesimismo, non vai tardar moito o problema do número de traballadores e traballadoras que coas innovacións, a dixitalización, a converxencia e a diminución de audiencias e recursos será un dos primeiros sitios por onde recortar.
Agora xa estamos na carreira polo audiovisual que vén e somos o equipo coa peor directiva, con menos ideas, con menos interese polo propio e con menos recursos
A soberanía audiovisual é unha quimera para quen ignora cento corenta semanas de protestas, para quen entende o que é de todos e todas como propio, aos seus compatriotas coma sociocultural e intelectualmente inferiores e necesitados de tutela e o sector das TIC coma unha cousa de rapazada que non vai derrubar o seu castelo dourado. Coma en tantas outras cousas hai que decidir se queremos ser colonia ou parte activa e manter unha mínima capacidade de xerar contido propio, na nosa lingua e co noso xeito de mirar o mundo dende este currunchiño verde e azul. Se o futuro pasa polas plataformas foráneas só seremos unha posesión na que extraer sen xerar, precisamos urxentemente un cambio que debería ser reclamado por cada un dos habitantes desta terra –que pagamos esa corporación– e por cada asociación do sector que represente a calquera dos actores implicados na cadea de valor audiovisual: creación, interpretación, produción, distribución, técnicos e técnicas, que de momento están caladas agardando a chuvia anual de euros institucionais cos que manter o chiringuito aberto. Aínda que non queiran mirar, a evidencia atropela os desexos. Don Alberto adica a unha coprodución máis da metade dos cartos (1,5 Millóns) que adica ás subvencións a producións audiovisuais de contido cultural galego deste ano (2,5 Millóns) e catro veces máis que ao CDG. De faragullas non se fai unha bola de pan, sabémolo todas aínda que ninguén proteste porque quen o fai desaparece da foto.
O noso audiovisual e precario e precarizador mais está ben feito en relación aos recursos económicos dos que dispón. O problema do audiovisual galaico non está, evidentemente, no formal senón no sistema de monopolio, dependencias e clientelismo tecido pola Corporación
Non me mal interpreten, o noso audiovisual e precario e precarizador mais está ben feito en relación aos recursos económicos dos que dispón. O problema do audiovisual galaico non está, evidentemente, no formal senón no sistema de monopolio, dependencias e clientelismo tecido pola Corporación que merca sempre os mesmos produtos pero cada vez máis baratos. Tamén na visión –e misión– do Gran Timonel dos Peares que, sospeito, estaría máis cómodo cunha autonómica privatizada.
Remato a miña tarde buscando algo para ver en Filmin (sorpresa, ten versión en catalá) e apurando o meu chá, xa sen doces na mesa, gozo dos derradeiros compases da Sinfonía do Novo Mundo. Namentres, penso que seguramente hoxe xa subín uns postos máis nas listas negras do que algún chama o odiovisual e que non traballarei nunca máis. Esbozo un sorriso nervioso e postapocalíptico.