Púxenme a escoitar mentres esperaba na fila no ambulatorio a que me extraesen sangue. Aínda que temos unha orde establecida por horarios, na práctica a xente vaise colocando segundo vai chegando. Non pasa nada. A oportunidade de charlar con alguén da veciñanza. Ou afia-lo oído e coas orellas da Toupeira Gigio espia-los comerciais farmacéuticos, os viaxantes. Pregúntome se hoxe en día contratarán a xente con diplomas universitarios, coñecementos científicos? Hai 25 anos (por ex., o pai dunha compañeira da universidade) exercían o oficio persoas moitas veces sen estudos relacionados coa ciencia, a Farmacia ou a Medicina. FP administrativo.
Déronse conta de que eu os miraba, eran dous, pero non lles importou. Funcionan por comisión? Sobre un salario mínimo, base? Coas súas tabletas, xeito de xente con cartos, polo menos o xeito, disociados da escuridade do seu oficio, danse aires de xente honrada e estudada: mercenarios da farmaindustria. Un deles ergueuse e achegouse á miña médica que entraba nese intre no pequeno edificio de dúas plantas mal deseñado—moito eco, barrotes nas fiestras—para inicia-la súa xornada laboral. Acariñoulle o brazo cun certo exceso de confianza, ofrecéndolle o seu tempo? pedíndolle un momento? para falar sobre medicación comercializada pola empresa para a que traballa.
Sentouse novamente canda o outro e seguiron a conversar, enumerando médicas e médicos que máis prescriben o que eles queren, os produtos por cuxas vendas os seus patróns máis os retribúen, as empresas agasallan. Onde máis lles compensa acudir: ó centro de saúde de Lavadores de Vigo onde hai unha unidade ambulatoria de psiquiatría. Desas que din que substitúen para ben en positivo ós hospitais psiquiátricos: mutacións perversas, novas feituras de camisas de forza, novas formas de encerro. Inxectables de liberación prolongada que poden fallar e liberar de repente cantidades elevadas. Coacción. Control. Luz de gas. Negacionismo dano iatroxénico insoportable suicidante. Os vellos psiquiátricos, non os cerran pola súa historia de violencia, aínda quedan moitos en moitas partes: queren especular co seu solo polo seu alto valor inmobiliario. Mulleres agredidas sexualmente no interior dunha consulta de psiquiatría nun ambulatorio cheo de xente.
Tras 12 anos de endometriose, ó meu pesar, tomo medicación para durmir, a que eu considero menos mala. Non é inocua. Non creo no sufrimento. E estudei como descontinuar
Non todo produto farmacéutico dado a coñecer a través dese sistema é nocivo para a saúde. Ou non serve. Mais o sistema é perverso. Do exceso de prescrición de antibióticos hai décadas (e hoxe) responsabilizouse dende os medios de comunicación á xente. Coma se non fosen os médicos os que os prescribían cando non correspondía, virus da gripe? Os que dicían que sabían. Os que din que saben. Temos dereito a desconfiar. A falar con persoas que padecen as mesmas doenzas, problemas. A calcular pola nosa conta o risco de consumir certos fármacos. É difícil non caer na tentación de tomar tratamentos que non son tal arrastradas pola desesperación, o medo, polo rabaño.
Se este tipos achaban interesante estar no meu centro de saúde, non son boas noticias, aínda que non me sorprende: eu mesma lle puxen de alcume a unha das médicas Amparoxetina, da que puiden fuxir felizmente hai anos. Por que á Psiquiatría non lle molesta que se prescriban psicofármacos en atención primaria? Onde están as pediatras para protexe-la poboación infantil da psiquiatría? Onde están as xinecólogas, matronas, para protexe-las mulleres embarazadas do electroshock, as anciáns? Por que a profesión médica prescribe medicación prohibida noutros países? Con sentencias xudiciais firmes, indemnizacións, en contra?
Tras 12 anos de endometriose, ó meu pesar, tomo medicación para durmir, a que eu considero menos mala. Non é inocua. Non creo no sufrimento. E estudei como descontinuar.