Cos poucos datos solventes de que dispomos, facermos un retrato fiel do votante de Vox é imposíbel. Un bosquexo non demasiado imprudente ofrecería a imaxe dun antigo simpatizante do Partido Popular que obedece o impulso emocional de desfacerse do complexo que lle impedía expresar na urna o seu apoio a un cóctel programático cuxos ingredientes son a unidade nacional e o centralismo (definido tamén negativamente como oposición ao independentismo catalán), o antiautonomismo e o euroescepticismo, o antiesquerdismo, a antipatía verbo das políticas de memoria histórica, o nativismo e a xenofobia envolta nun discurso contrario á inmigración, o enxalzamento das virtudes castrenses, o rexeitamento da “ideoloxía de xénero” (cuxo correlato é o apoio á recuperación dos costumes de base católica e, especificamente, dos roles de xénero tradicionais, incluída a posición preponderante do home, a misoxinia, a homofobia e o antiabortismo), a oposición á eutanasia, o antianimalismo ou a desconfianza cara aos medios.
Un bosquexo ofrecería a imaxe dun antigo simpatizante do PP que obedece o impulso emocional de desfacerse do complexo que lle impedía expresar na urna o seu apoio a un cóctel programático
Os chamados perdedores da globalización poderían daquela non constituír o groso dos futuros votantes de Vox. En Alemaña, onde o populismo de dereitas vén sendo estudado con atención desde hai anos, fálase do Wutbürger, quen, no noso caso, podería describirse como o cidadán encolerizado que, cun pensamento antipolítico primario, se mobiliza contra o establishment porque entende que as elites, corruptas e distantes, non reparan nel. Este cidadán percíbese como unha persoa decente e traballadora que, constrinxida pola linguaxe politicamente correcta –reflexo dunhas actitudes tolerantes que se plasman en ocorrencias tan irritantes como o matrimonio entre persoas do mesmo sexo–, xa non ten voz. O activismo do noso Wutbürger ten lugar, en boa medida, na internet, en especial nas redes sociais, que son un viveiro de recursos ideolóxicos e operativos, unha plataforma de propaganda e intercambio internacional e unha poderosa instancia de lexitimación, radicalización, fortalecemento e mobilización. Na internet, o matiz, esmagado polo efectismo caricaturizador (produto da combinación de simplicidade e agresividade), tende a desaparecer; de aí que a rede lle poida ser hostil ao labor intelectual.
O votante nacionalpopulista desconfía da política –porque “todos os políticos son iguais”– e dos expertos –que contradín a súa cosmovisión–, e é visceralmente refractario á (auto)crítica
O votante nacionalpopulista desconfía da política –porque “todos os políticos son iguais”– e dos expertos –que contradín a súa cosmovisión–, e é visceralmente refractario á (auto)crítica. O carburante da súa mobilización é unha mestura de medo e cólera, con poucos argumentos produto do pensamento rigoroso. Certamente, o empobrecemento e a marxinación das clases baixas alimentan a súa furia. Inseguro, alarmado e ansioso, arela encadrarse nun marco comunitarista homoxéneo que o libre dun posíbel desclasamento sen, porén, alterar a orde socioeconómica. A cerna da súa mobilización negativa é pois defensiva. “Nós, o pobo” –esa ficción metafísica–, debemos protexer a identidade nacional española ameazada pola inmigración, pero tamén polo independentismo catalán percibido como unha gravísima ofensa, un ataque –que reclama un desquite– contra o noso orgullo nacional español e contra o noso estilo de vida tradicional.
Este cidadán desconfiado, atemorizado e encolerizado emite un voto emocional, nostálxico e pesimista. Pero non actúa dun xeito completamente irracional. Cando o “sistema” falla, confiar en alternativas pode ter sentido, e Vox constitúe unha opción política que logra traducir os efectos socialmente desestruturantes do neoliberalismo basicamente nun sentimento de ameaza identitaria inducido polos independentistas cataláns e polos inmigrantes. É posíbel, en consecuencia, que esteamos, sen sabelo, a piques de librar unha guerra cultural, porque é o empeño por recuperar a autoridade moral e a hexemonía cultural o que articula a mobilización do nacionalpopulismo.
Vox logra traducir os efectos socialmente desestruturantes do neoliberalismo basicamente nun sentimento de ameaza identitaria inducido polos independentistas cataláns e polos inmigrantes
Pero non nos enganemos: simplemente non sabemos aínda quen é o votante nin cales son as expectativas de Vox. As sondaxes vaticinan unha entrada moi potente deste partido no Congreso dos Deputados, con entre un 5% e un 13% dos votos. A brutal disparidade destas estimacións revela a súa inseguridade, porque todas elas carecen do seu ingrediente fundamental: a experiencia. En Galiza, mentres case tres de cada catro cidadáns declaran a súa dobre identidade nacional galego-española, que parecen vivir dun xeito non conflitivo, a inmigración non se percibe como un problema significativo. Con todo, un de cada cinco galegos apoiarían a supresión da autonomía política, e un de cada dez a rebaixa do nivel competencial da Comunidade Autónoma. Pero, dado o carácter moderado do electorado galego, non parece demasiado aventurada a hipótese de que, no noso país, as expectativas de éxito do ultranacionalismo español de Vox son máis ben modestas.