Como contermos a proliferación dos Wutbürger? Para empezar, cómpre estudarmos o fenómeno da extrema dereita e espallarmos o coñecemento acumulado, tamén mediante o uso das ferramentas que nos fornece a internet. Este labor atinxe igualmente as institucións. A Axencia Federal para a Educación Política (a Bundeszentrale für politische Bildung), dependente do Ministerio do Interior da República Federal de Alemaña, sería un excelente modelo para nós. Alén disto, co que sabemos sobre a etioloxía do nacionalpopulismo é posíbel que atopemos algunhas directrices de actuación que apunten na dirección correcta.
A irrupción da extrema dereita é sempre un fracaso dos partidos democráticos, sobre todo dos sistémicos. Ou logo non era de esperar, nun contexto de erosión da democracia liberal, que un segmento do electorado moderado se desmobilizase ou mesmo se radicalizase? Daquela, é responsabilidade dos partidos sistémicos revisaren criticamente a súa adhesión á gobernanza neoliberal do capitalismo globalizado. Porque se algo demostraron as políticas públicas de austeridade é que son un erro enorme e carísimo. Isto hai que llo endosar tamén á socialdemocracia, que ignorou olimpicamente a degradación dos vínculos sociais buscada polo neoliberalismo.
Temos que detectar os medos e as desconfianzas da cidadanía. Son reais e, en consecuencia, politicamente relevantes e merecedores dunha resposta. O Estado debe velar de novo polos dereitos dos traballadores, polo benestar e pola seguridade. E isto só é posíbel cunha reorientación do capitalismo que volva recoñecer que a política si que importa e poña outra vez o acento no papel das institucións como garantes da calidade democrática, da fortaleza do Estado do benestar, dos dereitos laborais, do poder sindical, dun sistema tributario xusto e da protección do medio. O problema non é que non haxa prosperidade, senón que a prosperidade se xestiona dun xeito tan ineficiente e inxusto que xera desigualdade e desincentiva a participación cidadá nos procesos de toma de decisión.
Non será na laminación do Estado democrático e social onde hai que buscar a causa da actual crise institucional? Ou é que pensamos que a banalización da Constitución, cuxa lectura tende a facerse en clave clasista e regresiva, non ía ter conscuencias? Podemos enfrontarnos ao populismo reaccionario sen unha vinculación emocional á carta magna? E como superarmos a actual desafección política sen tocarmos a lei fundamental? O discurso circular de políticos e analistas que afirman que non queren reformar a Constitución porque non hai consenso para cambiala é gravemente irresponsabel, porque é precisamente agora, cando a extrema dereita está a armar un relato moi potente, enriquecido con recursos discursivos e simbólicos moi efectivos no plano emocional, cando precisamos deseñar un proxecto colectivo ilusionante.
A deriva autoritaria é unha realidade e só pode ser contrarrestada, non simplemente coa refutación racional do discurso do odio –que, sendo irrenunciábel, pode amosarse impotente fronte á efectividade da propaganda nacionalpopulista–, senón cun novo contrato social cuxo alicerce non pode ser outro que o postulado da igualdade. Como é posíbel que sigamos a anatematizar as políticas redistributivas? Precisamos un contrato social inspirado no vello consenso socialdemócrata adaptado á nosa época. Con outras palabras: para asegurarmos unha orde social razoábel e xusta é preciso reforzarmos o Estado de dereito e mais o Estado do benestar. Quizais sexa este o modo de acabarmos coa crise de representatividade da democracia e de deixarmos o populismo de dereitas sen osíxeno ideolóxico.
Neste sentido debemos prestarlles atención ao choque entre nacionalismos, ao dano institucional causado pola corrupción e mais á xenofobia. Resulta rechamante o desprezo con que se rexeitan os enfoques federalistas e o cinismo con que se aborda a perentoria asfixia da ruinosa e perversa sangría da corrupción e do clientelismo. Tampouco podemos deixar o debate sobre a inmigración nas mans da ultradereita. Precisamos combater a xenofobia cun discurso rigoroso e cunha política de inmigración sensata e viábel. É falso que os estranxeiros fagan medrar a nosa (baixísima) taxa de criminalidade e parasiten o Estado social. De feito, estas persoas fan traballos que moi a miúdo non queren facer os españois, e ademais pagan, como lle corresponde a toda a cidadanía, os seus impostos e as súas cotizacións á Seguridade Social. Pero para neutralizarmos a xenofobia no seu propio terreo é preciso tamén que os argumentos en contra teñan unha carga emocional. Acaso os galegos esquecemos que somos un pobo emigrante?