Output – Input = Game Over

No contexto do balbordo ocasionado polas continuas decisións políticas que arrasan co xa feble estado de benestar presentouse o anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), sobre o que o ministro Wert tivo unha reveladora intervención no Campus FAES.

O calado da reforma requirirá ir afinando análises sobre múltiples aspectos. Só pretendemos agora situar algúns puntos de partida para o contraste de opinións diante dun previsible revival das posicións que en 2002 xerou a LOCE.

Parte o documento do recoñecemento dos avances experimentados nas últimas décadas, para sinalaren que a duplicación do esforzo investidor non ten o seu correlato nos resultados educativos. Pola contra, sosteñen que o elevado fracaso escolar, as altas taxas de abandono educativo temperán e as baixas taxas de alumnado excelente esixen unha mellora do nivel educativo como aposta polo crecemento económico e a competitividade. Cómpre, xaora, introduciren cambios substantivos na propia estrutura do sistema e noutros elementos nucleares para aumentar a súa calidade.

E advirte que esta debe medirse en función do “output” (resultados dos estudantes) non do “input” (investimento, nº de profesores, unidades, recursos). Na súa alocución na FAES, o ministro engade outro indicador, o “outcame”; a tradución destes resultados en empregabilidade, as súas vantaxes en termos de salario e estabilidade.

A reforma prevé a medición deses resultados a través de avaliacións externas ao remate de cada etapa, comezando xa pola primaria. Non oculta tampouco a intención de “compactar” o currículo escolar arredor das áreas instrumentais, coa idea de puntuar mellor nas avaliacións internacionais, sinaladamente no PISA, e como medida de aforro para sustentar o custo da propia reforma.

Non se atopa ningún obxectivo ou finalidade relacionadas co desenvolvemento integral das persoas, a mellora da convivencia ou o desempeño da cidadanía democrática

O conxunto do documento, tanto no tocante á diagnose como ás propostas de mellora, vincula estreitamente a educación coa empregabilidade. Non se atopa ningún outro obxectivo ou finalidade relacionadas co desenvolvemento integral das persoas, a mellora da convivencia ou o desempeño da cidadanía democrática. Se acaso, algunha referencia á igualdade de oportunidades e ao talento. Arrimándolle algo de poesía, o ministro invita a que “cada quen xogue co seu talento a onde o leve; talentos distintos que o sistema debe canalizar polas traxectorias máis axeitadas e ingresar con éxito no mercado laboral”, a terra prometida cuxa conquista resulta tan esquiva.

Se para a valoración no desempeño de calquera actividade o sentido común esixe ponderar as condicións de partida, a súa ignorancia nos escenarios educativos carece de lexitimidade e convértese no primeiro elemento para a sospeita do que esta reforma nega: o seu carácter ideolóxico e involucionista.

Medir a calidade do sistema educativo só polos resultados dos estudantes supón considerar que son os únicos responsables dos seus éxitos e fracasos

Medir a calidade do sistema educativo exclusivamente polos resultados dos estudantes supón considerar que son os únicos responsables dos seus éxitos e fracasos. ¿Nada teñen que ver as condicións sociais, educativas etc que facilitan ou impiden o estudo e a formación? Estas condicións ¿non gardan sequera unha mínima relación cos investimentos en educación, cos recursos dispoñibles e/ou coa súa organización e xestión?

Ignorar o contexto social (a clase social, as condicións de vida do núcleo familiar, o desigual acceso aos recursos educativos e culturais…) orienta a ollada da análise e da responsabilización cara ao alumnado, e por derivación, ás súas familias e ao labor pedagóxico que centros e profesorado desenvolven. De aí a necesidade de avaliacións externas “con efectos na sinalización dos centros, para saber como se porta o centro respecto do seu entorno e doutras comunidades, coa intención de estimular o seu rendemento” en palabras do ministro. Mentres a lupa da opinión pública se centre nestes obxectivos restrinxidos e descontextualizados –alumnado, familias, profesorado e centros– quedará fóra do foco todo o relacionado coa acción política sobre o sistema, nun momento no que a letra das normas está suspendida baixo a coartada deste estado de excepción económica. E desde aí compararémonos cos países da contorna, nun contexto internacional cada vez máis desigual.

As políticas neoliberais evitan admitir o peso dos condicionantes ou, no seu caso, aproveitan as estatísticas para inferencias imposibles, de maneira que mesmo os números xa se queixaron de que non son responsables dos datos que transmiten. Nesa liña, a doutrina Wert defende que a calidade do sistema non se altera a pesar dos recortes que afectan ao “input”. Velaí as razóns para desconsiderar as entradas e os procesos; abonda cos resultados académicos dos estudantes. O debate xerado arredor do aumento da ratio e as súas consecuencias é un significativo exemplo.

Para o ministro o Informe PISA resulta “unha beizón” porque nos di onde estamos e porque “nos informa da posición mala de España nas tres dimensións -competencia lectora, científica e matemática- e de que temos bastantes alumnos malos, moitos mediocres e, sobre todo, moi poucos alumnos excelentes, un 3% fronte a 8% dos países da OCDE. Dato especialmente malo desde a perspectiva da empregabilidade e do poder dunhas elites ben formadas que poidan tirar do resto da educación para a empregabilidade”. Aí parece que é onde aperta o zapato, logo haberá que mudar a forma.

Porén, e aínda que ao ministerio lle interesa axitar este Informe ao estilo no que Moody’s Corporation descualifica a solvencia da economía española, PISA si considera imprescindible a consideración do “input” nas súas diferentes dimensións. Entende que “a variación do rendemento do alumnado pode deberse a diversas causas relacionadas con factores propios de cada sistema educativo: dos recursos humanos, materiais e financeiros postos a disposición dos centros; dos procesos educativos derivados das diferentes formas de organizar os centros e as ensinanzas dentro deles; do funcionamento dos equipos docentes ou do traballo nas aulas; e da traxectoria académica do alumnado, da súa actitude e esforzo diante da aprendizaxe e da confianza que nel depositan a súa familia, o seu profesorado, o centro e o propio sistema”. Tamén observa a relación entre os resultados e o PIB per cápita, ou o investimento público de cada país en educación; e aí non hai cor. A propia OCDE, organismo pouco sospeitoso de veleidades ideolóxicas censurables polo neoliberalismo, alerta sobre as liñas vermellas que non se deben superar, nin sequera en tempos de crise; precisamente porque a educación resulta fundamental para saír dela.

A OCDE alerta sobre as liñas vermellas que non se deben superar porque a educación é fundamental para saír da crise

Este conxunto de consideracións permítenlle ao Informe PISA referirse á equidade. Un modo de medir a capacidade dos sistemas para contrarrestar o efecto do estatus social, económico e cultural (ESCS) é valorar en que medida se ve afectado o rendemento do alumnado pola súa variación. Pois ben, o Informe PISA 2009 permite concluír que nos niveis máis modestos os alumnos obteñen mellores resultados cós da media OCDE e cá maioría dos países seleccionados; o que indica que, nos centros que escolarizan este alumnado, o sistema educativo español ofrece mellores resultados relativos ca nos equivalentes da OCDE; e, pola contra, tamén constata como nos niveis socioeconómicos máis favorecidos os resultados españois son máis modestos que os da OCDE. Datos que evidencian que o traballo desde a rede pública de centros ofrece aspectos positivos que a administración educativa prefire obviar, aplicando unha política de restricións inédita, mentres coñecemos o crecemento dun 30 % de subvención pública ao ensino privado experimentado nos últimos cinco anos.

Da alocución de Wert na FAES pode inferirse a súa visión elitista e clasista da excelencia, que orienta boa parte das medidas da reforma proxectada en sintonía con algunhas das xa executadas, como a introdución dunha maior esixencia académica para conseguir unha bolsa universitaria ou a ameaza de devolución da bolsa para aqueles que non acaden os niveis académicos requiridos.

Porque, non nos enganemos, hai diferentes maneiras de promover a excelencia, pero nos termos en que a concibe o ministerio, a máis barata e a curto prazo consiste en deixar atrás un número maior dos que estaban chegando superando condicionantes de partida e as esixencias do sistema educativo. Por iso, na súa argumentación enlea mediocridade, comprensividade –a que cualifica de letal para o sistema– e equidade. Son constantes os dardos e ameazas que tanto el coma o seu equipo disparan sobre distintos aspectos que afectan os procesos do ensino-aprendizaxe, apelando á segregación dos máis lentos, ao ser un lastre para o sistema, ou reclamando un maior elitismo para o ensino superior.

Tanto é así que unha primeira versión do anteproxecto ofrecía a posibilidade de segregar a través de determinados itinerarios alumnado con “dificultades de adaptación de aprendizaxe ou en situación económica desfavorable”. Unha errata, segundo o ministerio.

O ministro pretende flexibilizar o sistema, na medida en que este “non lles permite saídas aos que se desinteresan del no momento en que se produce ese desinterese, e iso afecta aos propios desinteresados e aos que teñen vontade de progresar”. Desde a perspectiva de inculpación ao alumnado, sitúa a necesidade de comezar as medidas de segregación de maneira precoz, no momento en que o fracaso escolar e o abandono temperán son máis evidentes; isto é, en plena adolescencia, período de fortes cambios, caracterizado pola desorientación e a falta de maduración emocional. Sorprende que o ministerio ignore e mesmo contraveña algunhas cautelas que a propia OCDE reclama cando vincula calidade e equidade como garantes da xustiza social e como elementos de rendibilidade económica.

Desde a perspectiva de inculpación ao alumnado, sitúa a necesidade de comezar as medidas de segregación de maneira precoz

O documento ministerial sitúa agora como referente a países como Alemaña para avalar algunhas das medidas propostas, como a elección temperá de itinerarios -que nese país comeza aos 11 anos- relacionándoa cunha menor taxa de abandono educativo, ou para asociar a taxa de paro xuvenil co desenvolvemento da formación profesional. Non imos discutir agora os termos desas relacións causa–efecto, a todas luces simplificadoras, pero temos algunha dúbida. ¿É mellor modelo Alemaña ca Finlandia? En termos de equidade Finlandia ostenta o primeiro posto, encabezando tamén a excelencia. Alemaña, pola contra, está no grupo de países con peores puntuacións en equidade; é dicir, no daqueles cuxo sistema educativo menos contribúe a compensar as desigualdades sociais. Dentro do estado é Madrid a referencia confesa de Wert, dato ben elocuente.

É ben certo que os oasis educativos son referenciais cando hai outros elementos -económicos, sociais, culturais e educativos etc- que admiten algunha identificación para a comparanza. Cada sociedade fai a súa propia travesía do deserto, na que non sempre se aproveitan as reformas e as tensións que as xeran para un debate social sobre a educación que precisa a sociedade que se quere construír. As orientacións pendulares das reformas evidencian igualmente que as mudanzas en educación esixen unha alta dose de complicidade social e cambios noutros ámbitos. A reflexión sobre os graves problemas dos países que conseguiron en pouco tempo estar á cabeza dos ranking pode ser útil para pensar a educación desde coordenadas máis abertas. É o caso de Corea do Sur que compite con Finlandia polo primeiro posto, sendo tamén un país que consegue bos resultados en equidade. Porén, a enorme insatisfacción detectada entre a poboación surcoreana actúa agora de revulsivo, amosando que nin sequera a consecución de resultados espectaculares pode marxinar a importancia dos procesos. Estes, a modo de microrrelatos, reflicten a carga de posibilidades ou de limitacións que a educación pode conter. Nese universo do cotián xógase a nosa responsabilidade docente para procurarmos oportunidades e facermos realidade dereitos fundamentais, sobrepoñéndonos ás cartas marcadas da macropolítica neoliberal. Outros tempos virán se somos quen de mantelos no horizonte, para todas e para todos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.