Outra desvergoña do goberno

A sixilosa pero veloz reforma das taxas xudiciais, unha de entre as varias acometidas polo goberno, foi ''empaquetada'' por Ruiz Gallardón como necesaria para poder financiar os gastos que supón o mantemento da Xustiza gratuíta. Mais desde cando as taxas teñen a finalidade de financiar outra institución que non é o seu feito impoñible? As taxas, no noso país, existen para financiar un determinado servizo público e páganas quen reciben ese servizo, mentres que a Xustiza gratuíta se paga a través dos impostos de todos.

Desde cando as taxas teñen a finalidade de financiar outra institución que non é o seu feito impoñible?

Este extremo está a ser moi criticado no ámbito xudicial, como xa puidemos ver con manifestacións como as ocorridas na coruñesa Praza de Galicia, na que só nos atopábamos avogados e procuradores. Con todo, este é o verdadeiro problema: a sociedade non é consciente do que significa esta reforma, de que estamos ante a degradación do tan apreciado art. 24 da Constitución. Xa que, sen ningún tipo de proposición nin consulta, a partir da entrada en vigor desta reforma, un cidadán que acuda á Xustiza pagará unhas taxas que se destinarán a soster, segundo o ministro, o dereito de acudir aos tribunais que teñen os cidadáns sen medios económicos. "Algo que resulta exótico ás taxas como tributos no noso país", adiantan o Consello de Estado, que engade: "A taxa non debe financiar a Xustiza gratuíta".

A sociedade non é consciente do que significa esta reforma, de que estamos ante a degradación do tan apreciado art. 24 da Constitución

Supostamente un ministro debería dar exemplo. Daquela, primeiro que lea en calquera libro de bacharelato o significado dunha taxa, e despois que nos devolva todo o diñeiro que se recadou a partir desta medida, unha dose dun virus alemán inxectada sixilosamente mentres nos manteñen absolutamente anestesiados.

Defenden que as taxas deben cubrir o custo do servizo ou actividade que constitúa o seu feito impoñible, que é o funcionamento da Administración de Xustiza, e "non o sistema de asistencia xurídica gratuíta". O que pasará cando esperte a vacina do 15-M? Seguiremos aparvados pola losqueada da querida Merkel e a fatigosa dose do noso ministro? Será tarde e esta inconstitucional medida estará tan instaurada que non teremos forza para levantarnos e así perder a esencia da xustiza nun Estado de dereito do que presumíamos até hai uns meses?

Agora quero mostrarvos algunhas cifras para poder levantar o veo ás políticas tan novas como supostamente próspreras. Escangállome de rir só de pensalo: se tan boas son, por que non as aplican nas súas familias, casas, empresas...?  Na verdade, por que malgastar o seu se poden malgastar o noso? É moita cara lavada e moita desvergoña –e quen se dea por aludido, por algo será.

Imos coas cifras. A Xustiza gratuíta dá servizo a máis de un millón de cidadáns sen recursos, o que supón o 6,5% do gasto en Xustiza das Administracións Públicas. É dicir, 250 millóns dos máis de 3.800 millóns que gastaron o Ministerio de Xustiza, as Comunidades Autónomas e o Consello Xeral do Poder Xudicial, segundo datos da Avogacía Xeral.

A Xustiza gratuíta dá servizo a máis de un millón de cidadáns sen recursos, o que supón o 6,5% do gasto en Xustiza das Administracións Públicas.

Os ingresos totais previstos polas taxas, segundo o impacto económico previsto na Memoria do anteproxecto, serían de máis de 400 millóns, co que "parece que existirá un importante excedente" e suxire ao ministro que se a motivación da súa lei é –como el di– manter o servizo xurídico gratuíto, "debería acometer melloras no propio servizo e non integrar sen máis o excedente no Tesouro Público".

Insisto: por que malgastar o propio se se pode malgastar os impostos dun cidadán medio coa escusa de que se vai axudar os pobres? É unha desvergoña.

Se a alguén lle parece lóxico, é un estúpido. E se non vos parece lóxico, daquela somos un fato de pringados, pois seique non nos estamos a dar conta de que nos están fodendo e só nos decataremos cando xa esteamos fodidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.