Outras voces

En 2006 un grupo de vellas feministas de diferentes lugares e organizacións reunímonos para reflexionar sobre a orientación da grande actividade lexislativa do Goberno Zapatero en cuestións que afectaban moi directamente á vida das mulleres. En leis xa daquela publicadas (a integral contra a violencia de xénero ou o divorcio exprés e matrimonio homosexual) e noutras anunciadas, sobre todo as de dependencia e de igualdade.

Coincidimos na necesaria presenza dos feminismos na actividade de desobediencia civil ante as imposicións da ideoloxía conservadora dos gobernos e nas propostas de innovación social en elaboración

Compartíamos a necesidade de lexislar sobre esas cuestións e o desexo de igualdade que as promovía, porén preocupábanos o resultado final dunha excesiva tutela sobre a vida das mulleres baseada en concepcións coas que discrepabamos: o impulso masculino de dominio como factor único desencadeante da violencia de xénero, a filosofía do castigo que confía ao código penal a solución dos conflitos, a idea de que un divorcio sen causa deixa ás mulleres indefensas, ou que temos máis dereito ou mellores condicións para a custodia en exclusiva das fillas e fillos... Ideas que podían levar a unha vitimización das mulleres e poñer obstáculos ao empoderamento e a busca de autonomía. Elaboramos daquela un manifesto Un feminismo que tamén existe no que faciamos públicas estas cuestións e que aínda hoxe crea polémica.

Os días 8 e 9 de xuño celebramos o IV encontro do colectivo Outras Voces Feministas que creamos ao redor daquel manifesto, para reflexionar sobre as achegas que os feminismos podemos facer hoxe na resistencia e nas solucións a esta estafa social na que estamos mergulladas. Mulleres economistas do grupo da débeda de 15M, activistas que informan e acompañan ás que deciden abortar, mozas dos grupos polos Bos Tratos das universidades, deputadas da esquerda, teóricas e ensinantes, e (por primeira vez) un pequeno grupo de varóns, coincidimos na necesaria presenza dos feminismos na actividade de desobediencia civil ante as imposicións da ideoloxía conservadora dos gobernos (lesivas especialmente dos dereitos das mulleres) e nas propostas de innovación social en elaboración.

A reforma laboral e a precarización do acceso ao emprego para toda a poboación están a producir graves consecuencias na estrutura social e nas perspectivas demográficas

Aplicando ao diagnóstico da situación a perspectiva de xénero, podemos ver que somos mulleres as maiores afectadas da reforma educativa en todos os seus aspectos: no aspecto laboral pola feminización do profesorado, no recorte das becas e suba das taxas pola maior matrícula universitaria de mulleres, na eliminación de servizos de conciliación como comedores escolares ou transporte porque encarece o acceso ao deteriorado mercado laboral para quen realiza maioritariamente o traballo de coidado, que somos as mulleres. O mesmo sucede cos recortes e privatizacións nos servizos públicos que permitían externalizar parte do traballo doméstico substituíndo á falta de corresponsabilidade e liberando tempo de reprodución que se dirixía á produción. A reforma laboral e a precarización do acceso ao emprego para toda a poboación están a producir graves consecuencias na estrutura social e nas perspectivas demográficas: a tensión que podería expulsar ás mulleres do emprego, non ten hoxe o soporte ideolóxico da feminidade abnegada doutrora, por mais que lle pese a Gallardón, e probablemente do que as expulse é da maternidade. Parece que medra especialmente entra as mulleres o emprego informal e a produción doméstica nas estratexias de rebusque e regateo.

Na Galiza estamos a ver a construción dunha iniciativa social ao redor da Plataforma Galega Polo Dereito ao Aborto, que non ten igual no Estado

A ameaza da contrareforma da lei do aborto simboliza o retroceso en dereitos de cidadanía. A maternidade desexada garántese co dereito ao aborto, os datos mostran de forma clara que o número de abortos non depende das formas en que este se regule senón do acceso á educación sexual e á anticoncepción, a súa prohibición e restrición é unha estratexia falida para reducilos. Trátase dunha ofensiva ideolóxica da dereita que ten como lugar de combate o corpo das mulleres. Na Galiza estamos a ver a construción dunha iniciativa social ao redor da Plataforma Galega Polo Dereito ao Aborto, que non ten igual no Estado. Un espazo de encontro e elaboración de alternativas no que traballa o Movemento Feminista Galego na súa diversidade xunto a outros movementos sociais como SOS Sanidade Pública, sindicatos e partidos nacionalistas e da esquerda. A manifestación deste pasado domingo é unha pequena mostra do que pode xerar a unidade de acción, e do papel que o Movemento Feminista pode xogar na construcións de consensos que incorporen a visión de xénero.

Podemos achegar ao cambio social que queremos producir, esta visión de xénero, xunto con estratexias que combinan disidencia, resistencia e transgresión coa persistencia e a capacidade de convencemento que caracteriza a historia do Movemento Feminista

Podemos achegar ao cambio social que queremos producir, esta visión de xénero, xunto con estratexias que combinan disidencia, resistencia e transgresión coa persistencia e a capacidade de convencemento que caracteriza a historia do Movemento Feminista no mundo, tamén na Galiza. Cuestionamos a autonomía do sistema produtivo e a súa orientación ao crecemento que inevitablemente xera burbullas e crises e non cumpre a súa misión de garantir a reprodución social. Contribuímos, tantos anos falando de empoderamento, a superar a visión unidimensional das persoas como vítimas do sistema, que leva á depresión e á impotencia, o discurso que só fala de as mulleres peor que produce vitimismo e paternalismo, para constituírmonos en axentes construtoras do cambio.

Outras voces, voces diversas, con vontade de acordo, de construír novas maiorías sociais que eviten que finalmente este desastre se salde coa sociedade mais desigual á que nos queren dirixir. Seremos quen?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.