Outro goberno é posible (se a oposición non se empeña a conciencia en evitalo)

Repasemos os datos de conxunto dispoñibles: nas últimas décadas, dende unha posición de partida na que a dereita era hexemónica, mesmo dun modo esmagador, a suma da oposición –PSdeG e BNG- igualou ou superou en apoio electoral ao PP. A finais dos noventa foi cando se produciu esa equipotencia, ás veces virada en sorpasso. A crecente urbanización e modernización do país constitúe o obvio pano de fondo desa transformación electoral. Que iso non dese lugar a un novo ciclo político en Galicia haino que atribuír non só ás circunstancias obxectivas, senón á pertinaz incapacidade de socialistas e nacionalistas, cada un á súa propia maneira, evidenciada  no período do goberno bipartito, pero tamén, anos antes, en grande número de concellos. Non repetirei agora os motivos desa incapacidade, que é simultaneamente intelectual e moral. Fatiga facelo. Quede consignado, no entanto, que a responsabilidade desta nova frustración de Galicia –tal vez a súa consunción como suxeito político- está tamén na ribeira esquerda e nacionalista do parlamento.

As bases para outra Galicia están, por tanto, dadas dende o punto de vista da estrutura social. Nos últimos lustros, segundo o CIS, a autoubicación dos electores en Galicia xirou á esquerda, ao tempo que se reducía a súa conciencia nacional. Unha observación fría parece confirmar ese dato. Dedúcese de aí que se se quere defender o estado do benestar e ao mesmo tempo evitar a consunción da identidade do país hai que abrir paso a outras dinámicas sociais e políticas. A ninguén se lle escapa, polo demais, que a recente crise-estafa está reducindo, outra volta, a influencia e a lexitimidade da dereita no poder. Que, no medio de semellante tormenta, sexa pensable que o PP siga a gobernar demostra a inanidade do que ten enfronte. Que o descrédito alcance non só aos dous partidos do que se da en chamar o réxime do 78, senón tamén ao BNG debería dar que pensar a quen corresponda facelo. Por outro lado, Anova, a grande esperanza de hai dous anos está partida e desorientada. O experimento AGE, con EU, veuse ultrapasado  polo fenómeno Podemos. Aínda que non é o lugar para desenvolver o asunto é obvio, ou así mo parece a min, que o nacionalismo terá que enfrontarse á disxuntiva entre implosión ou recomposición. Ao tempo.

Que, no medio de semellante tormenta, sexa pensable que o PP siga a gobernar demostra a inanidade do que ten enfronte

A hexemonía da prensa conservadora foi, e segue sendo, un dos datos relevantes. Mesmo hoxe, no que a prensa vive unha crise que a fai tan vulnerable, ninguén é capaz de sentar os alicerces de medios que dean voz á parte do país que non se recoñece nos tradicionais ou de deslexitimar a perniciosa influencia que exercen, como secuaces que son do poder que lles paga. Ao contrario, a prensa convencional é mimada con raro masoquismo por aqueles con puntos de vista que se supón distintos e distantes.

Durante os anos nos que Francisco Vázquez foi a alma innoble dos socialistas La Voz, expresión do lobby de intereses de certos empresarios coruñeses, serviu fielmente ao entón alcalde coruñés, compartindo esa lealdade coa de Fraga. Ese triangulo era o poder establecido en Galicia, con algún que outro engadido de xeometría variable. Polo seu lado, os nacionalistas, tan clásicos e decimonónicos eles, nunca entenderon o papel dos media nas sociedades contemporáneas nin a súa función decisiva á hora de conformar opinións, mentalidades e valores, unha vez que a hora dos vellos partidos de masas e mesmo dos de cadros xa soou. Non só iso, cando tiveron ocasión tampouco retaron a influencia do xornal coruñés, nin a daqueles outros -o Faro de Vigo, sobre todo- que no país están. Por certo, compróbese documentalmente para que conste en acta, quen e cando fixo ou fai hoxe explícita esta crítica aberta aos medios maioritarios no país: constarase a xeneral e calculadora acomodación á súa hexemonía, por non falar, tantas veces, da directa adulación aos amos da finca.

Pode dicirse, en definitiva, con certa acritude, que a prensa e os dous partidos forman parte tanto do problema como da solución. Se non se reformulan os dous campos –a saber de que maneira podería suceder iso, pero agora Podemos introduce outro factor na ecuación, o mesmo que a fragmentación nacionalista- non haberá nin a mera esperanza de que algo tan modesto e de caixón como unha modernización alternativa á que propón a dereita e o centralismo suceda. 

Que o PP en solitario alcance o 40% dos votos semella difícil. Feijóo&co deberían de quedar, por tanto, fóra da circulación. E iso pon sobre a mesa, unha vez máis, a responsabilidade da que hoxe é oposición

Pero pese a todo Feijóo debería perder as eleccións de 2016. Iso sería o lóxico e natural dadas as circunstancias, sobre as que non hai que insistir, e que son extremadamente graves. Antes terán lugar as municipais e as xerais que previsiblemente debilitarán a súa forza. Que o PP en solitario alcance o 40% dos votos semella difícil. Feijóo&co deberían de quedar, por tanto, fóra da circulación. E iso pon sobre a mesa, unha vez máis, a responsabilidade da que hoxe é oposición. Se non son capaces de fraguar un programa común e de conformar maiorías alternativas pode ocorrer outra vez unha derrota moral e, como consecuencia dela, a progresiva desaparición de Galicia non só como suxeito político senón, mesmo, como singularidade étnica, por non falar da estrutura económica e social, de tan pouco prometedoras perspectivas. Galicia precisa desprenderse dese ferrollo que son as maiorías absolutas do PP, máis aínda dende que este virou a ser un puro subproduto da dereita madrileña, baixo o comando dun presidente que se por un lado ten as súas miras postas no goberno central carece polo outro da máis mínima emoción galega. Fraga era un españolista, un fascista e todo o que vostedes queiran, pero non un acomplexado.Non creo que poda dicirse o mesmo de Feijóo e da súa troupe.

Cos datos das enquisas hoxe dispoñibles, se a fragmentación do Parlamento non lle ofrece a vitoria unha vez máis ao PP, ese goberno alternativo será previsiblemente tri ou tetrapartito. PSdeG e Podemos marcarían a pauta, co BNG e AGE en posición subordinada. CxG quedaría fóra. Por suposto, dado o ámbito da convocatoria pode que a relación de forzas variase en beneficio das forzas nacionalistas, pero a foto seguiría a ser extremadamente fragmentada e a tendencia de fondo a apuntada.

Un goberno así sería un crebacabezas, caso de que chegara a nacer, pois cabe que fose frustrado de antemán polas luces curtas usuais no país ou polas dinámicas políticas estatais. Sería máis que probable que as leas internas deixasen as do bipartito en asunto menor.

O mellor modo de garantir unha gobernación que non se suicide outra vez, se sobrepasa os graves obstáculos previos, é definir as grandes liñas de actuación e, ata diría, os nomes, que poden ofrecer confianza ou actuar de modo disuasorio

Considerada a experiencia pasada, o mellor modo de garantir unha gobernación que non se suicide outra vez, se sobrepasa os graves obstáculos previos, é definir as grandes liñas de actuación e, ata diría, os nomes, que poden ofrecer confianza ou actuar de modo disuasorio. Sen consensos previos non só sobre os contidos, senón tamén sobre os modos, un goberno alternativo pode estoupar ás primeiras de cambio.

Con obxecto de poñer sobre o tapete ese escenario posible e a necesidade de adiantarse ás circunstancias para evitar que, ao final, todo quede en nada -cousa máis que posible, coñecendo o pano- propoño, totalmente gratis, de balde, for free, uns posibles puntos mínimos, non exhaustivos, para un programa de goberno. É evidente que hai sectores obvios que nin se mencionan, e moi importantes, pero abonde con propoñer uns puntos para mostrar que sen un mapa claro e unha xerarquía de obxectivos non hai nada que facer, tampouco á hora de xerar consensos non só entre as forzas políticas, senón coa sociedade mesma.
 

1) Programa  para  favorecer  a  natalidade  -tómese en consideración mesmo o exemplo  portugués, dado que Suecia queda moi ao norte-. Reducións  no  IRPF, no IVA, no  IBI,  aumento  do  tempo  de  baixa  por  maternidade,  programa  de  garderías,  etcétera.

2) Activar  o  Eixo  Atlántico  con  forte  vontade  política. Racionalizar  as  redes  transeuropeas  de  transporte  -o corredor  atlántico,  etc-  dende  a  óptica  dos  intereses  galegos. Impulsar  a  conectividade -ferroviaria,  etcétera-  co  norte  de  Portugal e  máis  alá,  con  Lisboa. Hai  que  falar  co  goberno  lisboeta  directamente,  favorecendo  todas  as  formas  de  intercambio. Tamén:  colocar  a  Vigo  como  autoestrada  marítima. Formas  transmodais  de  comunicación  e  transporte. Liñas de pasaxeiros-mercadorías  de  transporte  ferroviario. Especialización  dos  aeroportos. Pensar  a  escala  continental,  favorecendo  a  relación  con  América  Latina,  Brasil  nomeadamente,  e  África,  especialmente  a  lusófona. Por suposto, impulsar a rede de trens para comunicar as areas urbanas do país.

3 ) Aproveitar  o  período  de  estancamento  económico  para  tecer  as  areas  urbanas  e  periurbanas,  densificalas  de  modo  ordenado,  e  para  establecer  unha  rede  galega  de  cidades  favorecendo  a  súa  conexión e  cooperación. Acabar  co  localismo,  na  medida do  que  se  poida. Atención:  iso  non  significa  non  valorar  e  promover  o  sentimento  e  os  intereses  locais,  sempre  que  non  entren  en  competición  co  interese  xeral  galego,  tal  e  como  se  poida  precisar  de  modo  explícito. Definir,  con  grupos  de  expertos  e axentes  sociais,  as  grandes  liñas  de  acción  en  cada  grande  cidade   na  perspectiva  da  integración. Interpelar  á  concesionaria  para  baixar  as peaxes  da  AP-9  na  perspectiva  de  acurtar  os  prazos  de  amortización,  etcétera. Denunciar  a  concesión, se é o caso. Desenvolver  o  uso  do  ferrocarril  como  transporte  de  cercanías  e  en  xeral  do  transporte  público,  particularmente  nos  intercambios  entre  as  grandes  cidades  coas  súas  entornas.

4 ) En particular, a través  dos  concellos  identificar  as  bolsas  de  pobreza  e  as  necesidades  de  recursos  e  abordar  medidas de  protección  social. Nunha época de crise este tería que ser un eixo de actuación prioritario.

5) Forte  programa  de  I+D+i. O  labor  do  bipartito  neste  campo, por certo, foi prometedor.

6 ) Medidas  económicas. Desenvolver  esta  cuestión  con  detalle  elaborando  unha  política  industrial  e  definindo  un  modelo  produtivo. Non pode vivirse do mero ciclo económico español sen tomar medidas proactivas. Tomar en consideración aos expertos, evitando a arbitrariedade das decisións.

Pero, en todo caso, aspectos posibles a desenvolver: Papel  do  Igape. Facenda  galega. Crear algún  tipo  de  Instituto  de  crédito ou banco público. Cluster  do  automóbil. Entender  Citröen.Turismo. Marca  Galicia:  en  viños,  pizarra,  etc. Atraer  investimento  exterior  non  pirata. Tomar en consideración o papel de Abanca e esixirlle –dado que foi produto de rescate público- políticas de crédito reflexivas, evitando o clientelismo.

Hai  que  combater  o  paro  no  posible  -outros  deciden  o  principal  do  ciclo  económico-  pero  mirando  máis  alá. Promover  unha  política  fiscal  que,  a  diferenza  da  actual,  non  constitúa  un  roubo  aos  pobres  para  regalarllo  aos  ricos. Esa  política  está,  no  fundamental,  en  mans  do  estado: pero  é  posible  sentar  bases  discursivas. Por suposto  defensa  da  xoia  da  Coroa:  o  sistema  sanitario  público. Busca  de  maior  peso  da  investigación  sanitaria  e  da  modernización  tecnolóxica  intentando  acordos  con  Ongs,  fundacións   e  empresarios  relevantes –Amancio Ortega-. Tamén  da  educación  pública.

7 ) Aprobar  unha  nova  Lei  do  Galego,  non  só  no  ensino,  despois  de  ser  discutida  socialmente. Non  pode  ser,  nin  moito  menos  percibirse  como  unha  imposición,  nin  coma  un  uso  forzado  do  DOG. Sacar  o  galego  de  calquera  intento  de  patrimonialización. Incorporar  a  organizacións médicas,  colexios  de  avogados,  asociacións  profesionais  de todo  tipo. Discutilo  socialmente  respectando  a  diversidade  de  contextos  sociais  e  urbanos,  etcétera. Un  timing  pensado  e  reflexivo. Dende  logo:  unha  canle  de  programación  infantil  atractiva. Promover  a  cultura  popular:  deportes,  corais,  música  pop.. Evitar  o  elitismo  e  o  culturalismo, salvo, claro, no ámbito da elite cultural.  Favorecer  as  iniciativas  de redes  de  ensino  concertado  e  privado  en  galego. 

8) Política  de  comunicación  definida  e  compartida:  especialmente tanto  en relación  ao  grupo  Voz,  como  en  relación  á  Prensa  Ibérica. Nada de sostelos con diñeiro público. O mercado é para todos. Axudar, ou polo menos non boicotear,   á  creación  dun  medio  galego  de  referencia,  con  realismo,  distancia  e  prudencia  que  contribúa  a  crear  unha  axenda  diferenciada  da  dos  grupos  conservadores. Fiarse  de  Santiago  Rey  é  como  se  EU  ou  Podemos  fiaran    en  Madrid  no  El  Mundo  ou  no  ABC:  unha  estupidez  e  un  delirio. Pero  hai  que  ser  cauto,  ademais  de  firme. No  terreo  dos  símbolos  promover  o  uso  dos  galegos  compartidos:  a  bandeira  azul  e  branca,  etcétera. Fuxir  do  que  sexa  ou  poida  aparecer  como  sectario.
 
9 ) Unha  visión  de  Europa  que,  sen  arrefriar  a  crítica  ao  proxecto  neoliberal,  entenda  que  Galicia  teno  máis  fácil  con  Europa  que  si  só  fora  co  Estado  Español. Non  confundir  as  críticas á austeridade coa  impugnación  da  UE. Desenvolver  unha  política  internacional  consistente,  por  máis  modesta  que  sexa. Dialogar  coas  autoridades  europeas.

10 ) Con toda  conciencia  favorecer  a  remuda  das  elites  locais,  empresariais  e  profesionais  promovendo  novas  xeracións  intelectualmente  formadas  e  máis  favorables  a  unha  política  galega  e  progresista. Nada de seguir premiando, como o fan os gobernos do PP, á parte máis arcaica do país, favorecendo as empresas “amigas” nin de practicar políticas de tribo para aumentar a clientela dependente do erario público.

11 ) Unha  Lei  electoral  que  favoreza  o  pluralismo  e  prime  a  igualdade  do  peso  dos  representados.

12) Naturalmente, definir  o  papel  de  Galicia  ante  un  previsible  cambio  constitucional:  este  probablemente  abra  paso  cara  algunha  forma  de  federalismo  asimétrico. Definir  un  Estatuto  que  teña  en  conta  esa  posibilidade  ou,  se  os  tempos  se  precipitan,  esa  realidade.

Se foran como é debido deberían ter na cabeza os nomes clave dunha política alternativa e, mesmo, un goberno na sombra, para non improvisar

Esta modesta proposición define uns eixos posibles de actuación, sobre os que pode estarse de acordo ou non, pero, sobre todo, indica que unha certa xerarquía de actuacións ten que ser definida con precisión e que non podemos volver a contemplar a deplorable imaxe dun goberno que se devora a si mesmo. É evidente que esa xerarquía ten que ser compartida por todos aqueles que formen parte do goberno. Teñen que significar, polo tanto, un mínimo común denominador.

É máis, se foran como é debido deberían ter na cabeza os nomes clave dunha política alternativa e, mesmo, un goberno na sombra, para non improvisar. Xa se sabe que un goberno formado por PSdeG, Podemos, BNG, AGE, vai a ser difícil,  pero non convén aumentar a súa complicación innecesariamente. Ter claro qué facer axudaría. Por non dicir que, en ausencia dun programa común compartido, non sería de estrañar ata que o PP gobernara en minoría. Todo é posible en Galicia. Ao fin e ao cabo, xa o estamos vendo: acaso haxa –é o máis probable- unha reforma constitucional: de ser así nada se fará sen tomar en consideración o peso –político, demográfico, económico- de Andalucía ou Valencia. Galicia, que era antes unha “nacionalidade histórica”, cos dereitos adquiridos que dimanaban da aprobación do Estatuto no período republicano, apenas ten hoxe nada que dicir, está desaparecida despois de case corenta anos de democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.