Escoitando os equilibrios discursivos que facían opinadores varios nunha emisora de radio "progresista" tras coñecerse os resultados do referendum grego para dar engulido o sapo, calquera podía imaxinar a heroicidade que acababa de levar a cabo ese pobo con todos os medios de comunicación e poderes fácticos, internos e externos, na súa contra e con medidas de extorsión como o corralito provocado por un BCE cuxa función teórica é asegurar a liquidez como prestamista en último lugar e non rematar con ela.
Calquera podía imaxinar a heroicidade que acababa de levar a cabo ese pobo con todos os medios de comunicación e poderes fácticos, internos e externos, na súa contra
Alén do que poida suceder de agora en diante, pois é imposible aventurar se o mandato popular impedirá que Tsipras acepte calquera acordo (mesmo o recomendado polos EEUU directamente, quita da débeda e continuación da austeridade e indirectamente a través da filtración do informe do FMI que recoñecía a insostibilidade da débeda grega desde hai anos) ou se lle permitirá librarse da súa oposición interna, moito menos amiga de permanecer na Eurozona a toda costa, ninguén pode negar unha realidade: a UE realmente existente non dispón de ningún tipo de mecanismo democrático que permita exercer a soberanía popular, tanto se con esta se pretende facer implosionar o mamotreto europeo, como se se pretende rexeneralo.
A UE realmente existente non dispón de ningún tipo de mecanismo democrático que permita exercer a soberanía popular
Como xa sucedeu nos referendums holandés e francés cando a mal chamada Constitución Europea e no referendum (repetido) irlandés cando o Tratado de Lisboa, no caso grego volveu ser a instancia estatal a que permitiu que, ante o abuso que se pretendía perpetrar contra ese pobo, houbese algún tipo de saída democrática para que o propio pobo dixese algo a respecto do seu futuro.
A UE é unha superestrutura antidemocrática e ese ornamento chamado Parlamento Europeo, un insulto á intelixencia
A UE, e isto compre telo claro dunha vez dada a abundancia de euroilusionismo en moita esquerda [A idea de Europa como entidade transcendental que é boa para todos nós e á que todos pertencemos. Esta gran ficción que xurdiu nos países dominantes e chegou a penetrar nos países máis fracos. (Costas Lapavitsas dixit)] é unha superestrutura antidemocrática e ese ornamento chamado Parlamento Europeo, un insulto á intelixencia. Canto antes vaiamos asumido isto, antes poderemos avanzar cara algures.