Pactos ás costas do pobo, que xa non son de recibo...

As vellas Cortes Franquistas, dunha España en branco e negro, aprobaron (18/XI/76) a Lei para a Reforma Política (Lei 1/1977 de 4 de xaneiro), contando co apoio de 435 dos 531 procuradores. Dita lei foi sometida a referendo (15/XII/1976), contando cunha participación do 77% do censo e un 94,17% dos votos a favor, segundo os datos da época. Unha época moi ben retratada por Manuel Lueiro Rey (1916 - 1990) no seu libro: Crónicas de una transición intransigente. Abril 1977 - Abril 1978, e que tiven a sorte de presentar, no ano 1985, xunto a Méndez Ferrín e Gustavo Luca de Tena, en O Grove. Un libro de crónicas ao pé da actualidade, onde o autor reflexa -de xeito preciso e con grandes doses de prospectiva- o acontecer do hoxe mesmo, nunha viaxe de ida e volta en escenas dun arrepiante déjà vu. Lembrar agora aquela lei que tiña o carácter de Ley Fundamental, e que foi a última das Leis Fundamentais do Reino do franquismo, non é un exercicio que ún faga por casualidade, cando en Vigo chove namentres escribo e penso, matinando detidamente no acontecido naqueles tempos e cos de hoxe confrontados, para pensar e repensar en mans da crase de políticos que estamos. 

Os políticos que hoxe nos representan non son quen de rachar o cordón umbilical que nos mantén atados a un pasado de pesadelo que non deixa de ir tras de nós, impedíndolle ao pobo soberano exercer seu dereito a decidir -no presente- o seu futuro modelo de estado e goberno

Transcorridos 38 anos dende aquela, os políticos que hoxe nos representan non son quen de rachar o cordón umbilical que nos mantén atados a un pasado de pesadelo que non deixa de ir tras de nós,  impedíndolle ao pobo soberano exercer seu dereito a decidir -no presente- o seu futuro modelo de estado e goberno, acorde ao establecido na Carta Magna, é dicir, na C.E. de 1978, que sinala ben ás claras, no seu artigo 1.2., o seguinte: "La soberanía nacional reside en el pueblo español, del que emanan los poderes del Estado". De súpeto penso, entón, nun modelo de goberno, poñamos por caso, como un terreo ou campo de xogo cunhas regras iguais para todos, e máis alá de ideoloxías, partidos e bandeiras, que nos fagan esquecer petos e sacos de moreas de promesas incumpridas, cando nestes días soubemos de acordos entre dous partidos, e tamén das súas xuntanzas denantes da data do 25-M, e outras mantidas -logo do 2 de xuño- polos máximos mandatarios deses mesmos partidos para que todo siga atado e ben atado a prol dun bipartidismo de peineta e pandeireta, e que nalgúns tics nos trasladan aos tempos dunha ditadura e longa noite.

E, sendo así, cando tales representantes pactan entre eles silenciar ao pobo, xogando as bazas do seu poder e oportunismo -social e politicamente desprezables- ás costas dos cidadáns, que é como os covardes deseñan os seus horizontes de miserias e traizóns, é polo que un sente aínda unha meirande desazón, logo de vendernos hai anos que poderíamos elixir nosos representantes para os postos de poder e goberno, e que os tales asumirían tan "grave responsabilidade de dirixir a un pobo sen corrupcións nin privilexios", para lembrar novamente ("El lenguaje de las urnas") ao amigo Lueiro, de cando no Diario de Pontevedra eran publicados os nosos artigos nun aparente ar de liberdade. 

Todo iso dá noxo e lévanos a rememorar as vivencias de Don Fabrizio Corbera na obra Il Gattopardo, a novela de Giuseppe Tomasi di Lampedusa

Reparando agora polo baixo, nestes tempos de tolemia institucional e mediática, no que fixeron os procuradores franquistas daquela, e non son quen de facer os supostos deputados demócratas de hoxe, é para deterse un anaco e non dar creto, namentres teñamos con nós o dereito á memoria. Moi lamentable toda esta festa da confusión e revoltallo, mais, polo que imos vendo, moi certa e a todo vento, cuns pactos ás costas do pobo, que xa non son de recibo. E todo elo dá noxo e lévanos a rememorar as vivencias de Don Fabrizio Corbera na obra Il Gattopardo, a novela de Giuseppe Tomasi di Lampedusa, onde atopamos a famosa frase "Se vogliamo che tutto rimanga come è, bisogna che tutto cambi", o paradoxo que mellor define o xogo dos poderosos de sempre, cando hoxe xa non todos son -ou somos- títeres, monicreques ou bonecos movidos ao seu antollo. Porque, amigos meus, a Democracia representa xustamente todo o contrario das mordazas e do silencio, todo o contrario dunha imaxe en branco ou negro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.