Paduanos

A min fíxome galegofalante a Universidade. Non o ensino infantil nin a EXB nin o BUP. Foi na Universidade á que cheguei no ano 1984 con todos os meus prexuízos sobre o galego e a súa condición noxenta (“de paduanos” dicía un meu tío). Alí, para a miña sorpresa, a Ciencia falaba en galego. Señores que asinaban libros gordísimos, falábanme nas aulas en galego sempre. Non eran paduanos. Eran sabios, estudosos, científicos, investigadores, que o facían así e sen dar explicacións.

Alí, para a miña sorpresa, a Ciencia falaba en galego. Señores que asinaban libros gordísimos, falábanme nas aulas en galego sempre. Non eran paduanos. Eran sabios, estudosos, científicos, investigadores, que o facían así e sen dar explicacións

A min “normalizáronme” dende arriba.

Cando falamos de Normalización entendemos que ese traballo hai que facelo nos primeiros anos de escolarización, mais eu creo que non debemos desbotar a importancia que teñen outros momentos do ensino

Cando falamos de Normalización entendemos que ese traballo hai que facelo nos primeiros anos de escolarización, mais eu creo que non debemos desbotar a importancia que teñen outros momentos do ensino. E non adoitamos pararnos neles. Pero son fundamentais e por iso tócame chamar a atención sobre a continua, progresiva e semella que imparable desgaleguización da Universidade. Os estudos que analizan a presenza do galego indican que está a producirse unha alarmante caída no seu uso na docencia dende hai dez cursos académicos (a pesar de que os Estatutos da Universidade falan do galego como a lingua propia da USC). Concretamente, dende o curso 09-10 a caída foi de case que un 22 % e a proporción é 75 % castelán-25%  galego. Por carreiras, nas de Ciencias da Saúde (onde hai máis alumnado!) é onde o galego está máis desaparecido. Algo mellor é a situación, pero tampouco aí o galego é maioritario, nas que adoitamos chamar de “Humanidades” (fonte: O Cartafol dixital, web da USC).

Dende o curso 09-10 a caída foi de case que un 22 % e a proporción é 75% castelán-25% galego

Coido que é moi importante que suliñemos isto que conto aquí. Porque como digo, cando falamos de mecanismos para a Normalización Lingüística, sempre se nos vai o pensamento aos primeiros instantes. E pensamos na música infantil en galego, e en asociar a lingua a algo lúdico e positivo (Campañas, Xeración Xabarín…xa sei todo iso), pero non adoitamos pararnos a reflexionar sobre o importantísimo papel que xoga, ou mellor dito, que debería xogar, a Academia, así, en maiúsculas e no senso máis grego da palabra. Se somos educados en galego, se facemos a primaria en galego e ata a ESO e Bacharelato (supoñendo que tal cousa puidese acontecer, que non), de nada serve chegar logo á Universidade, a ese sitio onde empezamos a Xogarnos as Patacas, onde empezamos a recibir a formación necesaria para Ser Algo Na Vida (imos imaxinar que xa non somos un país de emigrantes, como volvemos ser) non ten lóxica chegar aí, “á parte seria”, digámolo así, para comprobar que no Templo da Sabedoría, na Casa da Ciencia, na Sapientísima Nai Protectora do Coñecemento, aí, do galego pásase.

Trinta anos despois a situación é peor que cando eu entrei. E así, a Normalización, que tamén ten que ser asumida polos de arriba, queda para setembro

Estou certo de que se a situación fose normal dende un punto de vista lingüístico, sería moito o alumnado que poderían (a)chegar(se) ao galego como me pasou a min. Porque os docentes encargados de me acompañar na carreira fixérono case que ao cento por cento en galego. As materias que aprendín. As conferencias. Os seminarios. As conversas con eles e con elas na cafetería da facultade. Foi todo en galego.

Trinta anos despois a situación é peor que cando eu entrei.

E así, a Normalización, que tamén ten que ser asumida polos de arriba, queda para setembro.

Parecemos paduanos.

Así que vai sendo hora de, para deixar de selo, esixirlle á Universidade que asuma a súa responsabilidade, tamén, na cuestión lingüística.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.