Nos tempos do meu avó non se vía unha criatura con homes na rúa. Avergonzaban. Tiveron que pasar dúas xeracións para que iso cambiara. E tivo que axudar a mecánica.
Sei que, cando menos en Vigo, onde eu vivía, cadrou no 1964 cando os homes comezaron a levar os carriños dos bebés. Eran carriños, unha cousa mecánica, con rodas. Non era levalos no colo. O avó da miña filla devecía por levar o carro, non sempre con bo tino. Supoño que era o primeiro obxecto con rodas que conducía.
Lembro como foron os inicios dos paseos paternos. Primeiro levaban o carro cunha soa man, como se aquilo non fose totalmente asunto deles. Sempre me daba un pouco de medo, non fosen dar co carro contra un bordo calquera. Teño a imaxe ben viva na mente. Seguramente porque a miña filla era bebé daquela.
O Feminismo tivo moita influencia no cambio. Antes os homes chegaban a casa cando as criaturas xa estaban durmidas. As mulleres fomos insistindo en compartir. Pero grazas á televisión, os homes volveron á casa. Sempre un aparato. A tele tamén sacou as mulleres da cociña, o seu habitat. Era necesaria unha sala con mesa para comer e mesiña para o televisor.
Anteriormente, o pai era unha figura con prestixio, que a familia enaltecía, pero tamén, ao ter poder, servía para intimidar. Dígollo á papá. Como o saiba o teu pai? E a criatura reaccionaba. O pai era unha figura apreciada e temida ao mesmo tempo.
A figura do pai cambiou. Comezou a compracerse con ser pai, coidar unha cría, darlle o biberón, os iogures, poñela a durmir. Estar presente no parto. Facerse partícipe. Pai de verdade. É preciso que recoñezan que llo deben ás mulleres. Aínda son poucos os quedan na casa cando é necesario e a muller sae traballar no mundo público. O home acostuma a ter mellor traballo. E esta é a pescadiña que se morde a cola.
De feito o que mellor aceptaron os homes compartir foron as criaturas.
Sempre van elixindo o mellor. Vímolo agora co permiso da saída da infancia á rúa. Eran moitísimos os pais paseando á filla ou os fillos. Un privilexio. Para quen?