Un día, á beira do graffiti de Banksi no que unha nena voa grazas a uns globos, Iván Prado lanzou o seu nariz vermello contra o Muro. Foi o maior intento de Occidente por derrubalo
Para Iván Prado e pallasos en rebeldía
Un día, á beira do graffiti de Banksi no que unha nena voa grazas a uns globos, Iván Prado lanzou o seu nariz vermello contra o Muro. Foi o maior intento de Occidente por derrubalo.
Si: é o capitalismo serodio o que provoca iso (a espectacularización da morte), e non ten fronteiras, pero no caso palestino (coma no galego, noutro grao pero aí está) hai que engadirlle o condicionamento nacional e de clase, por dicilo á antiga.
Ou capitalismo tampouco, só capital, así, sen maiúscula. Se algo nos ensinou foi a medir a plusvalía do sangue dos pobres. Ferrín poetizouno, que xa é difícil, en Contra maquieiro. Mais se usamos termos e cifras cualitativas, sen baixar á area que ocupaban ata onte mesmo estudantes de todo o mundo, pois quedaremos na comodidade das páxinas do xornal do día.
Agora estamos na última fase da limpeza étnica e o problema, cando miles de mortos en Palestina son incapaces de conmover os mesmos estados-xuíces implacables da praxe rusa, por exemplo, xa non lle importa a ninguén
Agora estamos na última fase da limpeza étnica e o problema, cando miles de mortos en Palestina son incapaces de conmover os mesmos estados-xuíces implacables da praxe rusa, por exemplo, xa non lle importa a ninguén. Velaquí esta dolorosa solidariedade inútil que moitas sentimos. Se houbese Humanidade, Palestina e Israel serían dous estados vixiados polos cascos azuis e a parte forte desa nación xeminada viviría baixo a ameaza do boicot permanente á economía sionista.
A espectacularización da morte, si, por obra do capital. Un morto, cando é pobre, non aguanta moito en ningures. Logo é descatalogado, coma os libros. Cando son miles, e sen dar o salto desde un contexto colonial a outro que non o é, evidenciase unha industria mundial do esquecemento. Unha industria que vive tamén da novidade.
O capital aliméntase de todo, simultaneamente. Da túa risa e das miñas bágoas, da compaixón e dos sen escrúpulos, da bolboreta que che pousa na man e das naves que arden máis alá de Orión
O capital aliméntase de todo, simultaneamente. Da túa risa e das miñas bágoas, da compaixón e dos sen escrúpulos, da bolboreta que che pousa na man e das naves que arden máis alá de Orión. Ben está o recoñecemento do Estado palestino, pero cando aparece o fascismo, sexa VOX ou Forza Xudía, ás veces nin sequera pode ser garante da vida.
Para salvar a vida dos palestinos ninguén ordenará unha misión “humanitaria” como a que borrou Iugoslavia do mapa. Unha estratexia tan lexítima como acomodaticia. Gobernar para ninguén, ou para o futuro, dá moita liberdade. E culpar Hamas do contexto sociopolítico é tan absurdo como esixirlle que sexa o axente liberador de Palestina ou deixe de selo. Por agora a única estratexia pasa por agardar que Palestina se aguante por fíos de milagre, que de cando en vez dea sinais, coma un foguete, e volva á noite.
Palestina está soa. Non ten quen a defenda, só ten quen a chore. Temos o deber de ser críticos, responsabilizarnos e non laiarnos de máis. E temos ese deber sen esquecer que estamos coas vítimas
Palestina está soa. Non ten quen a defenda, só ten quen a chore. Temos o deber de ser críticos, responsabilizarnos e non laiarnos de máis. E temos ese deber sen esquecer que estamos coas vítimas. Coas ben alimentadas e coas que pretenden correr todas as probas atléticas cunha mao e ás veces cun pé atado ás costas.
E as nenas, os nenos. Que falta de respecto polos seres máis poderosos da humanidade!