PanzerVoz ou a banalización da corrupción

Cando Xosé Gago, redactor de La Voz, comeza un artigo intitulado “Un 'testigo primordial' de Pilar de Lara, en entredicho” co oracular “Se dice que fue Antonio Pérez Cribeiro el inspirador de que la Pikachu...”, talvez non sexa esta a fórmula máis rigorosa de tratar un asunto que está en proceso de instrución nun contexto no que a corrupción revélase sistémica con casos que atinxen até o pescozo a PP e PSOE en todos os chanzos da administración. Certo é que haberá quen alegue a presunción de inocencia de todos os encausados. Abofé que si. Concordo con Gago en visar presunción, mais non polas alegadas razóns de maldizer que debulla o redactor de La Voz, xornal que paira en todas as augas políticas deste país.

Se o estado da imprensa é infame é porque, agás algunhas excepcións, teima en divulgar sempre a mesma versión protocolar

La Fontaine dicía que “segundo sexas poderoso ou miserábel, os xuízos da corte hante pintar de branco ou de negro”. Se o estado da imprensa é infame é porque, agás algunhas excepcións, teima en divulgar sempre a mesma versión protocolar. A lavativa informativa que ten na utilización do estigma un elemento de desacreditación das persoas, sempre acaba punindo aos máis humildes e vulnerábeis como máquinas de envilecer e crebar no canto de serviren ao empoderamento e a liberación. E xa se sabe que as lavativas se aplican para provocar a defecación ou con outros motivos  hixenizantes e terapéuticos.  Por outra banda, non debemos desbotar o seu papel de autoconservación, é dicir, a función profiláctica que poida ter. Tony Judt defendía en Pensar o século XX "unha idea de sociedade como espazo  de responsabilidades partilladas". Certo é que esa arela de raiceira habermasiana precisa que se dean as condicións mínimas de igualdade entre os axentes sociais.

Fronte a ausencia de delito que pode facer o xornalismo mentres a instrución non sexa revelada? Convidar ao debate evitando caer na lóxica da criminalización

O asimétrico tratamento que vimos de fitar é mesmo perverso: mentres os cargos públicos  imputados  teñen cometido “presuntas irregularidades” (entre aspas no orixinal) na xestión do Acuario por parte de Vendex, o cidadán APC pasa a ser cualificado de “entusiasta”, ter “sufrido secuelas” ou “no tiene buena relación con parte del personal”(sen aspas no orixinal) para pasar a ignorar a súa versión dos feitos (quen seica ao ver que non viña o bus estaba a preguntar aos coches que paraban se ian en dirección a Freixeiro) e  acabar constatando ao final do artigo que “No hay delito, pero habrá que ver qué consecuencias tiene su arresto en Ferrol”. Curiosa obxectividade a do usurpador de palabras! Fronte a ausencia de delito que pode facer o xornalismo mentres a instrución non sexa revelada? Convidar ao debate evitando caer na lóxica da criminalización. A indixencia xornalística de quen procura valorar a credibilidade dos cidadáns clasificando a súa identidade (estado de saúde, afiliacións, sensibilidades...) é mesmo máis indigna cando se debruza na tentación da inocencia. Abonda facerse o naif! O acontecido é só a punta visíbel dun espazo de poder que entende que o poder democrático e a presunción de inocencia ou é deles ou de ninguén que mereza.

Insinúa é que, no preciso contexto de corrupción xeneralizada, máis digno de confianza é alguén presuntamente implicado nunha trama de corrupción que a integridade dun cidadán que colabora coa xustiza

Porén, a presentación dos feitos ben merecería algo mellor ca versión policial e un “se dice que fue”. Ao cabo, o que fica en causa con este tratamento é a credibilidade de quen así escrebe. Porque  o xornalista cualifica devagar a APC como “entusiasta”  e destaca  a “causa das baixas laborais” (ou referir neste contexto a suposta “historia psiquiátrica”) no canto de facelo, por exemplo, en termos de responsabilidade cidadá. Confundido con aquilo ao que apunta, o que o texto de Xosé Gago insinúa é que, no preciso contexto de corrupción xeneralizada, máis digno de confianza é alguén presuntamente implicado nunha trama de corrupción que a integridade dun cidadán que colabora coa xustiza ou quen simplemente se resiste á depredación e ao laxismo moral. A imparcialidade do árbitro non é tal cando fica en causa o concepto de responsabilidade na educación  que lle devolva o prestixio á idea de ben común. É desmoralizador ver que nun intre no que as elites dirixentes teñen abandonado a idea de responsabilidade compartida, usufrutuando os criterios morais de sustentabilidade democrática, haxa certa imprensa que banalice a corrupción, comprometendo a credibilidade colectiva e o equilibrio democrático do país ao teimar na deriva partitocrática, obviando as onerosas campañas publicitarias, a cultura do pelotazo urbanístico e a falla de control municipal.

O que prevalece, porén, é a sensación de que a imprensa hexemónica exerce de árbitro que non é imparcial

As formas resultantes da domesticación adoitan levar asociado o emboscamento da linguaxe. Así, o amor propio ou o entusiasmo poden devir afeccións punibles e sospeitosas cando se mantén a equidistancia no medio do xeral adormecemento: o corrupto acredita que  o “seu” é algo “normal” e cando aínda lle queda unha faísca de sentido de culpa, procura a complicidade da súa contorna. O que prevalece, porén, é a sensación de que a imprensa hexemónica exerce de árbitro que non é imparcial (o que non é máis do que outra manifestación de como se construíu a política local e autonómica no noso país).  No momento presente, o que é “legal” tornouse o marco liberalsocialista do que  é moral.  Porén, non hai lugar no texto para preguntarse e explicarlle á cidadania como é que o “testemuño primordial” dunha pescuda xudicial por corrupción levaba unha pistola de fogueo. Minimízanse así os compoñentes sociais, familiares e afectivos  dos problemas  pasando a seren enxergados só en termos legais, patolóxicos ou de racionalidade económica.

Móstrase unha fenda entre o sistema social político e o sistema social e entre este e a imprensa resultando unha sociedade despolitizada

Por iso, o tratamento informativo deste caso  axuda a entendermos mellor o que está a acontecer nos sumidoiros do que os autos xudiciais ou as estatísticas. Móstrase unha fenda entre o sistema social político e o sistema social e entre este e a imprensa, resultando unha sociedade despolitizada. Talvez todos facemos parte dos inocentóns que gostamos de abrir os xornais para ampliarmos a liberdade e non asistirmos á xenuflexión de quen se olla os pés ou garda o silencio do distraído perante o sistema de vixilancia xeneralizada. O que esta caste de imprensa subsidiada inocula é o pensamento do “por algo será...” ou o “érache visto...” . Cando funciona a presunción de inocencia o díxome díxome non debería ser ergueito a categoría valorativa, cando visto é que determinada imprensa monolítica non é dada á autocrítica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.