Papaala. presente, pasado e Pei

Moncho Iglesias, coa súa maxestade Pei II © Moncho Iglesias Míguez

Nos próximos meses proclamarase un novo estado independente na illa máis oriental: Bougainville, e dentro dela seguirá a existir unha autoproclamada monarquía independente, un reino dirixido por un líder económico, espiritual e político: Noah Musingku

Panxea é o nome co que se coñece o único continente que existía na Terra hai uns 300 millóns de anos. Estaba rodeado por un inmenso océano que, ao se mover pola fricción das placas tectónicas, provocou que se dividise en dous: Laurasia ao norte e Gondwana ao sur. Unha nova fenda separou estes continentes e do último xurdiu Australia, que, atravesada polo mar que inundou parte do territorio, viu nacer a illa de Nova Guinea.

Papúa Nova Guinea emerxeu dun forte choque entre placas que pregou o territorio como un acordeón. Dese baile violento agromaron montañas e cordilleiras, entre as que abrollaron chairas, que logo se afundiron coa crecida do nivel do océano, xa ao final da era glaciar. Todo ese movemento formou grupos de poboación estables, illados uns dos outros, e en estados, cos séculos, elixidos por trazados humanos de poder.

Papaala © Moncho Iglesias Míguez

Papaala é unha aldea e á vez un reino agochada entre os atois e as illas que conforman a rexión autónoma de Bougainville, parte de Papúa Nova Guinea ata xaneiro de 2027, como moi tarde

Poderían reunificarse as illas oceánicas en 50 millóns de anos, mais antes de que iso ocorra aínda haberá novas friccións que, malia non seren xeográficas, senón políticas, mudarán os mapas dos vindeiros anos. Porque nos próximos meses proclamarase un novo estado independente na illa máis oriental: Bougainville, e dentro dela seguirá a existir unha autoproclamada monarquía independente, un reino dirixido por un líder económico, espiritual e político: Noah Musingku.

Papaala é unha aldea e á vez un reino agochada entre os atois e as illas que conforman a rexión autónoma de Bougainville, parte de Papúa Nova Guinea ata xaneiro de 2027, como moi tarde. Esta micromonarquía naceu tras a guerra civil e despois duns acordos de paz aos que se opuxo un grupo de rebeldes, entre os que estaba Francis Ona, dono dos terreos da mina de Panguna e líder do Exército Revolucionario de Bougainville.

Esta micromonarquía naceu tras a guerra civil e despois duns acordos de paz aos que se opuxo un grupo de rebeldes, entre os que estaba Francis Ona, dono dos terreos da mina de Panguna e líder do Exército Revolucionario de Bougainville

Panguna é unha inmensa mina de cobre e ouro a ceo aberto. Unha vez escavado un dos furados máis profundos da Terra, a explotación converteuse nunha das máis produtivas do mundo. Con todo, coa independencia de Papúa Nova Guinea, en 1975, todos os beneficios quedaron en mans do goberno central e da multinacional Rio Tinto. A poboación local sufriu a contaminación das augas e cultivos e só obtivo perdas económicas, amais de ter que vivir baixo o xugo dun proceso colonizador que a privaba da súa propia identidade.

Por volta da década de 1980, Francis Ona exixiu que se indemnizase a poboación de Bougainville por danos ambientais, así como polo peche da mina, e a redistribución dos beneficios que esta xerara. Ante a negativa, a campaña de sabotaxe, que incluíu a destrución de liñas eléctricas e de maquinaria pesada, levou á imposibilidade de operar de xeito seguro e a paralización das instalacións. Isto motivou o bloqueo total da illa de Bougainville e a declaración de independencia da República de Me’ekamui, Terra Santa ou Illa Sagrada en lingua nasioi. Malia a falta de recoñecemento internacional e ás diferentes sublevacións, o microestado conseguiu certa protección grazas a un revolucionario e descoñecido sistema financeiro.

Mina de Panguna © Moncho Iglesias Míguez

Coa independencia de Papúa Nova Guinea, en 1975, todos os beneficios quedaron en mans do goberno central e da multinacional Rio Tinto. A poboación local sufriu a contaminación das augas e cultivos e só obtivo perdas económicas, amais de ter que vivir baixo o xugo dun proceso colonizador que a privaba da súa propia identidade

Pei ii, daquela coñecido como Noah Musingku ideara un enredo bancario que prometía enormes rendementos aos inversores, con intereses mensuais de máis do 100%. O discurso anticolonial e relixioso, presentado como unha revelación de Deus para romper co demoníaco control bancario occidental, rodeouno de acólitos e mais poder. Grazas a eses primeiros investimentos, convenceu a novos discípulos, que non só creron na súa capacidade de ser a salvación económica, senón tamén no seu liderado como guía espiritual e político.

Prófugo dende o ano 2000, ao destaparse o colapso dun sistema incapaz de captar novos investidores que pagasen os xuros prometidos, Musingku refuxiouse nas Illas Salomón e despois na zona de exclusión de Bougainville, onde Ona construíra unha especie de paraíso revolucionario. Alí, tras a morte deste último, erixiuse rei e creou un estado con leis, un ideario detallado arredor da súa figura, unha moeda propia sen valor internacional e un exército privado co que protexer o seu complexo palaciano. 

Francis Ona exixiu que se indemnizase a poboación de Bougainville por danos ambientais, así como polo peche da mina, e a redistribución dos beneficios que esta xerara. Ante a negativa, a campaña de sabotaxe levou á imposibilidade de operar de xeito seguro e a paralización das instalacións. Isto motivou o bloqueo total da illa de Bougainville e a declaración de independencia

Proclamouse a si mesmo o redrollo do redrollo do redrollo, ata catorce xeracións atrás. Aseverou que fora o pai quen o animara a crear un sistema bancario alternativo e foi iso o que o levou a viaxar por Papúa Nova Guinea, Australia e os Estados Unidos na procura de modelos axeitados. Foi durante esa viaxe que experimentou a súa iluminación, ao aparecérselle Deus e revelarlle que el mesmo era a resposta e a solución. Daquela, Musingku resolveu regresar a Port Moresby, a capital de Papúa Nova Guinea.

Pei Mure, a lei do rei Pei, é a pedra angular da ideoloxía desta monarquía que, segundo a súa propia mitoloxía, xurdiu no lugar idílico de Papaala ao comezo dos tempos. Esta orixe mística xustifica que o calendario comece na nova era, en 1988, o moi un ou ano un da fundación do chamado «sistema». Dende ese primeiro ano, os meses levan o nome das doce pedras preciosas que forman os cimentos da Nova Xerusalén e comezan en xaspe, equivalente a xullo. Amais, segundo o Libro da Apocalipse, a semana comeza o Día da Luz, que equivale ao noso mércores, e reserva o martes como xornada de descanso, por ser o día no que naceu o elixido, o rei.

Mineiros en Panguna © Moncho Iglesias Míguez

Pei ii, daquela coñecido como Noah Musingku ideara un enredo bancario que prometía enormes rendementos aos inversores, con intereses mensuais de máis do 100%. O discurso anticolonial e relixioso, presentado como unha revelación de Deus para romper co demoníaco control bancario occidental, rodeouno de acólitos e mais poder

Papaala Airlines será a compañía que opere voos internacionais e que chegue á Lúa, segundo explica o ministro de finanzas, nun intento de amosar a grandeza dun monarca cuxo dominio aspira a se estender polo mundo. Amais, o propio ministro, voceiro do saber do monarca, argumenta que todo está na cabeza do líder. Aínda que haxa datos que o resto da humanidade descoñeza e malia carecer de descendencia, non hai motivo de preocupación, dada a súa esperanza de vida de mil anos, o que fai que haxa tempo para pensar nun sucesor do goberno terreal.

Prófugo dende o ano 2000, ao destaparse o colapso dun sistema incapaz de captar novos investidores que pagasen os xuros prometidos, Musingku refuxiouse nas Illas Salomón e despois na zona de exclusión de Bougainville, onde Ona construíra unha especie de paraíso revolucionario

Philip Mapa, ministro de finanzas, un soldado ou a curiosidade dalgunha das 200 persoas que viven no reinado son a porta de entrada ao país. Unha audiencia co rei require certo protocolo. A vestimenta debe ser respectuosa, o que implica que as mulleres cubran a cabeza e as pernas. Fóra do aspecto físico, é necesario abrir unha conta bancaria, amais de facer o pagamento das taxas de visado e de rexistro. Aliás, a garda real encárgase de revisar todos os obxectos persoais e de asegurarse de que antes do encontro real haxa un compromiso de lealdade á súa maxestade, á que hai que recibir de pé, sen poñer en dúbida o seu poder e orixe diviña nin as súas coroas de cunchas e latón ou os montes de documentos entre os que se amorean cartas oficiais de adheridos ao sistema, como presidentes e primeiros ministros ou, aseguran, do Papa, membro dende o 2002. Con todo, hai gobernos opostos á realidade deste novo organigrama. De feito, Mapa sostén que os israelís non entenden que o Mesías chegou e seguen na teima de esperar alí a súa chegada.

Extracción de ouro en Panguna © Moncho Iglesias Míguez

Papaala, en conclusión, é unha lenda de 5786 anos, dende a creación de Adán, convertida na realidade dun rei. Semella un conto inventado para desafiar a desesperación colonizadora, mais é a realidade da pegada que deixaron a cobiza e a historia no Pacífico

Parapetada por finos valados de arame e unha mesta vexetación tropical, a contorna de Papaala eríxese como un refuxio tan fráxil no físico como firme no ideolóxico. O paraíso de Pei está construído sobre promesas que logran esquivar minas antipersoa e ataques contra o líder. Tras esa liña defensiva, o silencio só o rompe o balbordo da selva e a actividade dos devotos fervorosos que coidan con esmero xardíns impolutos e vivendas tradicionais con tellados de palla. Alí, as ideas de Pei non se cuestionan; convértense en leis espirituais aceptadas por unha poboación disposta a illarse do mundo para protexer o seu mito. 

Papaala, en conclusión, é unha lenda de 5786 anos, dende a creación de Adán, convertida na realidade dun rei. Semella un conto inventado para desafiar a desesperación colonizadora, mais é a realidade da pegada que deixaron a cobiza e a historia no Pacífico. Mentres Bougainville camiña cara á súa independencia oficial, Papaala conseguiu inventar o seu propio tempo no medio do esquecemento mundial. 

Moncho Iglesias, coa súa maxestade Pei II © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.