Talvez o 11 de novembro sexa un día tranquilo, pero en absoluto se pode descartar que aparezan grupos violentos que forcen a policía a intervir. Os disturbios, retransmitidos en directo, poderían escalar, con funcionarios da policía e manifestantes feridos, importantes danos materiais e mesmo pillaxes
Tras o desafiuzamento e morte en Madrid da anciá discapacitada Maricarmen Abascal, os movementos sociais pola vivenda lanzaron a idea de convocar unha folga xeral o 11 de novembro. No medio dun ambiente moi cargado emocionalmente, os sindicatos asumiron a iniciativa e convocaron a folga para reivindicaren políticas públicas que garantan o dereito a unha vivenda digna e axeitada e, a maiores, a mellora das condicións laborais e mais o reforzo dos servizos públicos. Conscientes da vulnerabilidade residencial que afecta moitos cidadáns, así como da necesidade de políticas de vivenda ambiciosas, os partidos da esquerda amosaron a súa identificación cos obxectivos da folga xeral.
Ampliemos o foco e situemos esta folga no seu contexto xeral. Por unha banda, agora mesmo é razoábel esperar que a dereita obteña a maioría absoluta no Congreso tras as eleccións ás Cortes Xerais do 29 de novembro. As enquisas levan meses prognosticando este resultado de maneira consistente. Para a democracia, a perspectiva do acceso ao Goberno dunha dereita conservadora radicalizada e dunha dereita reaccionaria dificilmente disociábel do ecosistema neofascista é extremadamente preocupante. Por outra banda, están a ter lugar manifestacións multitudinarias en varios países de Europa protagonizadas sobre todo por xente moza frustrada e desconfiada, desesperada pola incerteza do seu futuro, furiosa contra as implacábeis políticas neoliberais de desmantelamento do Estado do benestar e de degradación dos servizos públicos que non fan máis que ensanchar a desigualdade e agravar a precariedade. Estas mobilizacións, que tamén aluden ao núcleo dos problemas da nosa mocidade, van a miúdo acompañadas de episodios violentos, tanto por parte de manifestantes como por parte da policía. Ás veces, os disturbios son exactamente o que parecen ser: a linguaxe de quen non é escoitado.
É indiscutíbel que as políticas públicas de vivenda en España son unha calamidade, incumpren de maneira flagrante o previsto no artigo 47 da Constitución e esixen, como todo progreso social, un esforzo colectivo e unha decidida acción institucional. Pero o momento elixido para a folga xeral –a dúas semanas e media das eleccións!– é desconcertante. Talvez o 11 de novembro sexa un día tranquilo, pero en absoluto se pode descartar que aparezan grupos violentos que forcen a policía a intervir. Os disturbios, retransmitidos en directo, poderían escalar, con funcionarios da policía e manifestantes feridos, importantes danos materiais e mesmo pillaxes. O delirante wishful thinking expresado por algún dirixente da esquerda de que esta folga se convoca contra a oposición vai esnafrarse contra o tratamento que lle van dar á xornada os medios máis importantes, maioritariamente conservadores e prestos para ignorar ou deslexitimar as reivindicacións da esquerda, para amplificar o alcance dos enfrontamentos e para criminalizar os manifestantes. A dereita sairá decontado a condenar o caos nas rúas, a atribuírlle a responsabilidade da desorde ao Goberno e a insistir nas súas ofertas de seguridade, autoridade e medidas contra a inmigración. Será así como a confusión e o desánimo se espallarán entre un segmento, posibelmente decisivo, dun electorado da esquerda que, pola contra, cumpriría mobilizar.
De haber unha mínima posibilidade de evitar a vitoria do bloque da dereita, pode que o 11N acabe con ela. A patronal decidiu finalmente non recorrer a convocatoria de folga. Por algo será
Esta, obviamente, non é máis que unha hipótese. Pero non parece tan disparatada, non si? De feito, seguro que foi seriamente considerada polos sindicatos e polos partidos progresistas, que, porén, non puideron canalizar as demandas dun movemento que apela tan directamente aos valores da esquerda; non puideron, concretamente, conseguir que esta folga xeral se adiase para despois das eleccións. Agora, de haber unha mínima posibilidade de evitar a vitoria do bloque da dereita, pode que o 11N acabe con ela. A patronal decidiu finalmente non recorrer a convocatoria de folga. Por algo será.