Para conectar-nos

Non somos nada sen as outras CC-BY Pixabay

Hemeroteca

A nivel global, estamos a vivir tempos ácedos, tempos duros, de moitas inxustizas e desigualdades. A nivel local, estamos a vivir unha pandemia moi invisible: a soidade non desexada

A nivel global, estamos a vivir tempos ácedos, tempos duros, de moitas inxustizas e desigualdades. A nivel local, estamos a vivir unha pandemia moi invisible que ten alto impacto na saúde física (enfermidades cardíacas, presión arterial, problemas de insomnio e debilitamento do sistema inmunolóxico), mental (depresión, ansiedade, maior deterioro cognitivo), e mesmo na economía do estado (14.141 millóns de euros anuais segundo unha investigación do Observatorio Estatal de la Soledad no Deseada): a soidade non desexada.

Nos últimos meses estou a prestar atención a como as persoas nos relacionamos no máis inmediato e no máis cotiá. Vivimos en comunidades sen habitar a comunidade. Miramos sen ver. Oímos sen escoitar. Dinámicas tremendamente habituais e deshumanizadoras. Xestos que se repiten desde as relacións máis íntimas de amizade e/ou parella, ás relacións máis instrumentais como pode ser con quen nos serve un café ou atende no supermercado. Xuntanzas con amizades nas que os teléfonos están na mesa, parellas que conviven pero non se miran aos ollos mentres se contan algo de como foi o día, persoas que non se inmutan o máis mínimo (non levantan a vista do teléfono) cando lles poñen a consumición na mesa, persoas que comparten vagón durante horas un día tras outro e non se recoñecen.

Estamos no mundo como se fosemos illas esquecendo a idea de que todos os seres estamos interconectados e ninguén pode facerse a si mesma en soidade. Existe unha necesidade urxente de tecer pontes

Estamos no mundo como se fosemos illas esquecendo a idea de que todos os seres estamos interconectados e ninguén pode facerse a si mesma en soidade. Que non somos tan autosuficientes como queren vendernos como símbolo de valía, de valentía, de intelixencia e de fortaleza. Existe unha necesidade urxente de tecer pontes. Como? Escoitarnos, vernos, recoñecernos. Como ese bebé que busca a ollada das adultas que a acompañan para saberse, como esa crianza que precisa da ollada adulta para sentirse segura na súa exploración do espazo, como esas dúas persoas que están a seducirse mutuamente e tecen un xogo cómplice de miradas.

Hai xa uns anos descubrín un concepto africano que é un agasallo en si mesmo: “Ubuntú”. É un proverbio que se emprega en diferentes linguas ao longo de todo o continente que podería traducirse como “unha persoa é a traves das demais”. Non somos nada sen a as outras

Temos na nosa man un gran poder: a atención. Non de prestar a nosa atención, se non de dala do xeito máis xeneroso a quen temos diante. A nosa atención é limitada no momento, mais é infinita. Non teñamos medo de compartila! A través de habitar os espazos e as interaccións con atención plena podemos mudar significativamente o ser e o estar de quen nos acompaña. A neurociencia demostra que despois dun encontro no que houbo apertura, no que nos miramos aos ollos, os corazóns e os cerebros chegan a sincronizarse; isto é: hai un cambio non só no estado de ánimo, senon que chega a haber unha influencia orgánica, moito máis profunda e significativa en min e nas outras.

Hai xa uns anos descubrín un concepto africano que é un agasallo en si mesmo: “Ubuntú”. É un proverbio que se emprega en diferentes linguas ao longo de todo o continente que podería traducirse como “unha persoa é a traves das demais”. Non somos nada sen a as outras. A través da ollada que recibimos das outras, sabémonos. A través de como somos vistas, confórmase a nosa identidade. As outras fan de espellos nos que vernos, nos que validarnos como seres vivintes.

No momento no que conectamos, que nos re-coñecemos, pechamos a porta a moitas violencias. Xa non somos diferentes, xa somos un ser vulnerable diante doutro ser vulnerable

No momento que nos vemos, podemos sentirnos. No momento no que nos sentimos, pode darse un proceso de empatía que xa abre portas a que conectemos de ser a ser. Unha ventá á compaixón e á humanidade compartida. No momento no que conectamos, que nos re-coñecemos, pechamos a porta a moitas violencias. Xa non somos diferentes, xa somos un ser vulnerable diante doutro ser vulnerable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.