Para que logo digan da mocidade

Sempre que se fala da xente moza, independentemente das épocas e das xeracións, o habitual é falar deles en termos negativos e globais, coma se todos fosen iguais, e polo xeral de maneira despectiva ou, peor, como se polo feito de ser novos fosen idiotas e inconscientes, incapaces de gobernarse e propensos a trabucarse. E cando deles se fala repítese, dun xeito acrítico e malvado, que a mocidade é un desastre, que non se pode esperar  nada dela, ou que  non teñen o valor da xente anterior. Ou o compromiso. Ou ganas de cambiar o mundo.

Repítese, dun xeito acrítico e malvado, que a mocidade é un desastre, que non se pode esperar  nada dela, ou que  non teñen o valor da xente anterior. Ou o compromiso. Ou ganas de cambiar o mundo

Esta letanía é unha constante sociolóxica e histórica. Ademais dunha inxustiza froito do prexuízo, a preguiza mental e a ignorancia

Leva sendo así dende que hai memoria e existen textos moi antigos, incluso da época dos romanos, nos que se avalía aos de menos idade desta maneira. Na estrutura profunda, quen di iso o que está a dicir é: nós si que eramos xente como debe ser, non estes que van escarallar o noso legado e non van loitar po nós. Polo xeral, como digo, o que se agocha é medo a perder posicións, temor ao descoñecido e, insisto, unha profunda ignorancia.

A única verdade é que xente moza é sempre máis ou menos igual: rapazada que ten que inventarse, atoparse, navegar polo seu propio camiño, sempre incerto

A única verdade é que xente moza é sempre máis ou menos igual: rapazada que ten que inventarse, atoparse, navegar polo seu propio camiño, sempre incerto. Polo xeral, como digo, non llo poñemos doado, reacios a ceder terreo, a perder territorios de poder.

Sen embargo, a xente nova, cando a ocasión o esixe, responde, está á altura, dá a talla. Ben sexa acampando na rúa para darlle un calote aos políticos, ben sexa para, como o outro día, doar o seu sangue para quen a necesitase das vítimas daquel tren infortunado. Porque iso foi o que fixeron: quedaran en Santiago para ir de festa, para gozar dos fogos, do riso e, por que non, do alcohol e a festa. Mais non o dubidaron. En canto se soubo do desastre eles foron os que lideraron, tamén dende as redes sociais, a mobilización para botar unha man.

A xente nova, cando a ocasión o esixe, responde, está á altura, dá a talla

A mocidade do noso tempo nin é mellor nin é peor que ningunha. Teno máis difícil ca outras xeracións en moitos aspectos. Incluso para rebelarse.  Pero son tan revolucionarios, activos, conscientes e responsables coma calquera outra xeración pasada. Arriman o ombreiro e batallan por unha sociedade mellor. Aínda que só sexa ofrecendo o seu sangue anónimo para salvar vidas. Demostrárono na noite do Día da Patria. Xenerosos. Coa lucidez marabillosa dos seus poucos anos pletóricos de luz e verdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.