Para que serve un químico?

Para que serve a profesión química? Que fai un químico? Cal é a súa actividade na sociedade de hoxe? Somos sabedores da súa importancia para garantir o noso benestar futuro? Todo é química e precisamos da química. Esa é a resposta. E aí radica a relevancia da nosa profesión. Sen a química non seriamos os mesmos, nin o noso ámbito sería igual. A química está nas nosas vidas. Os químicos ocupámonos, por exemplo, de garantir a calidade da auga que precisamos día a día. A química tenta compaxinar progreso e ámbito sostible. Os químicos tentamos que as instalacións industriais, mesmo as refinarías, respecten o medio. A química analiza os efectos dos incendios sobre o solo e procura solucións para que o bosque volva a enverdecer. Os químicos traballamos na área da saúde e tamén tentamos salvar vidas. A química e os seus profesionais somos protagonistas na descuberta de novos fármacos que alivien ou curen enfermidades.

Nós tamén traballamos no sector da alimentación e, entre outras cousas, tentamos que a poboaciónteña á súa disposición produtos de calidade para a súa vida diaria. Son pequenos exemplos, pero significativos. Hai moitos máis e a lista sería interminable. E agora, se me volvesen facer as preguntas iniciais, coido que a miña resposta sería máis clara e convincente. É esencial a presenza dos químicos na vida diaria? Diriamos, sen dubidalo, que a profesión química é mesmo tan necesaria como a medicina, unha profesión na que a química xoga un papel esencial. Moitas especialidades médicas non son quen sen a química.

Tras saber que fai a química por nós e polo noso futuro, non parece lóxico que a profesión química reciba o trato que recibe no anteproxecto de Ley de Colegios y Servicios Profesionales. A nosa folla de servizos á sociedade non merece un trato discriminatorio fronte a outras profesións. O Goberno central no seu anteproxecto marxínanos e sitúanos na segunda ringleira das profesións. O ministro de Economía e Competitividade, competente na súa redacción, quizais só entenda de números. Pero a un servidor público debe esixírselle algo máis. A ignorancia non é desculpa. Alguén tería que dicirlle que o químico asume a diario, nas súas distintas áreas de actuación, funcións de relevancia no ámbitos da saúde, a seguridade das persoas e o medio.

Os químicos non somos menos que médicos, avogados ou farmacéuticos. Só pedimos que se nos trate igual que aos demais

Os químicos non somos menos que médicos, avogados ou farmacéuticos. Só pedimos que se nos trate igual que aos demais. O esforzo intelectual para formarse como químico é mesmo superior ao requirido noutras profesións universitarias, e non por iso cremos estar por enriba de ninguén, pero tampouco por debaixo. Só esiximos, e con tódalas nosas forzas, igualdade de trato a tódalas profesións universitarias. E que os colexios profesionais que as representan, e en concreto o de químicos, sexa o encargado de garantir a unha sociedade cada vez máis desamparada, o bofacer dos profesionais químicos acreditados e formados e que cumprenun Código Deontolóxico. Os cidadáns, sen a presenza dos entes colexiais, estarán máis desprotexidos, serán máis vulnerables. E iso, malia que haxa un ministro que non sexa capaz de entendelo. Pelexaremos por facer ver que os profesionais da química somos máis que útiles e achegamos valor á economía do país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.