Para Toni Negri

Toni Negri CC-BY-SA opensourceamsterdam

Resúltame difícil escribir un obituario. Talvez porque teño escrito demasiados neste horribilis 2023. Demasiados, desde o de DANILO MONTALDI en Primo Maggio (1975). Ou talvez porque TONI sigue vivo. A enerxía que desatou e acumulou ten producido unha forza inercial que quen sabe cando se extinguirá.

Resúltame difícil escribir un obituario. Talvez porque teño escrito demasiados neste horribilis 2023. Ou talvez porque TONI sigue vivo. A enerxía que desatou e acumulou ten producido unha forza inercial que quen sabe cando se extinguirá.

Cada vez que morre un compañeiro ábrese un novo capítulo da «política da memoria», ferramenta indispensábel para protexer a continuidade. O primeiro que quero dicir é: ceibemos a figura de TONI NEGRI do uniforme de preso do 7 de abril! Mesmo que a continuemos a evocar para borrarmos a máscara do «mal mestre [cattivo maestro]» (orgullábase de que así o chamasen), ou para derrubar o teorema de CALOGERO, non deixa de ser unha forma subordina de falar del, é o terreo en que nos fai caer o adversario e aí sempre seremos perdedores, sempre estaremos á defensiva. Comprendeuno CACCIARI, que falou, coas súas propias palabras, dos escritos de NEGRI, evitando caer no demasiado frecuente xénero «devocional».

Mais ben paga a pena descubrir o lado vitorioso da acción militante de TONI NEGRI. Debemos lembrar que o «obreirismo [operaismo]» viu cumpridas as súas predicións durante algún tempo e saboreou a vitoria, polo menos durante uns anos. TONI NEGRI tivo a sorte de ver encarnada a súa imaxe da «multitude»: unha forza que non está masificada senón composta por innumerábeis individualidades que un día converxen nun único berro, que é de protesta mais tamén de programa, que converxen nunha única vontade de viviren contra un modo de produción que xa só é capaz de morte e destrución. TONI tivo a satisfacción de a ver pasar baixo as súas xanelas, a multitude, durante as grandes manifestacións francesas da primavera de 2023.

Hai unha palabra no léxico político que non encaixa moi ben coa figura de TONI NEGRI: «resistencia». TONI sempre estaba ao ataque. E por iso polo que algúns se burlaban del, chamándolle tolo. Mais iso non era unha postura, era unha necesidade. Era a condición para saber. Coherente coa mensaxe do obreirismo. Para TRONTI a clase obreira é impensábel fóra do conflito e do antagonismo, para ROMANO ALQUATI o mesmo e tamén para NEGRI, quen dos tres —os pais do obreirismo— foi o que máis lonxe chegou na superación do concepto de clase obreira, primeiro co obreiro social, logo coa multitude, perseguindo sempre a idea dun suxeito colectivo. Estar ao ataque significaba privilexiar a subxectivación. Significaba reconfigurar continuamente o perímetro do suxeito colectivo a medida que a loita de clases por parte do capital introducía innovacións no modo de produción e no proceso de valorización.

Hai unha palabra no léxico político que non encaixa moi ben coa figura de TONI NEGRI: «resistencia». TONI sempre estaba ao ataque. E por iso polo que algúns se burlaban del, chamándolle tolo. Mais iso non era unha postura, era unha necesidade. Era a condición para saber. Coherente coa mensaxe do obreirismo

«Análise fría», outra expresión que lle é totalmente estraña. Non hai frase no seu estilo de escrita que non estea impregnada dun lume de paixón, de rabia, que sempre vai «máis alá». O mínimo, se se pensa ben, se queremos medirnos co capital e coa súa capacidade para abrir continuamente novos campos de guerra desde os que atacar a liberdade humana, unha capacidade que foi capaz de crear un novo universo, dixital, virtual. Perante unha desproporción tan grande de forza, como é que se pode aínda imaxinar ser libre sen esa furiosa vontade de desafiar a Leviatán? Tense escrito que TONI NEGRI estaba posuído polo demo da revolución. É certo, para el sempre estivo na orde do día. Mais el non era o tolo, somos nós, en todo caso, os que non comprendemos que é a forma mentis necesaria, indispensábel, a que nos permite pensar libremente, a que nos permite gozar aínda dun espazo de liberdade e autonomía. A súa non era unha tolemia, fomos nós os incapaces de sacudirmos o que SPINOZA chama as «paixóns tristes». Queremos chamalo utopía, porque é máis politically correct? Podemos facelo, sempre que recoñezamos que o demo de TONI lle permitía ter unha visión realista da insaciábel voracidade do capital. Véxase o caso de Amazon. Que modelo de empresa foi capaz de organizar unha forma máis sofisticada e máis implacábel de dominación e control sobre o traballo? Ten unhas marxes de beneficio tan altas que pode permitirse o luxo de perder no negocio da distribución, é dicir, no sector onde traballa a gran maioría dos seus traballadores. Non podería estar satisfeito? Non podería relaxarse? Mais non. Necesita roubar sesenta segundos do descanso dos traballadores dun dos seus almacéns da zona de Nova York. E eles tiveron que organizar unha protesta para recuperar o seu minuto de descanso. Sesenta segundos en comparación con preto dos 10 millóns de horas traballadas ao día en todo o mundo a tempo completo e parcial!

Operai e stato ©

Que acouguen os seus detractores: o obreirismo ten que ver co presente, non co pasado. E para ser «obreirista [operaisti]» fai falla unha boa dose de irredutibilidade. Lémbrome da sinxela frase, incluída nun documental (Oltre il ponte: le trasformazioni di un quartiere di Milano), de ANTONIO COSTA, un dos líderes da gran folga da electromecánica milanesa de 1960, inicio do ciclo de vinte anos de loitas que remataron en outubro de 1980: «a loita de clases nunca remata, nunca remata». E onde hai loita de clases, hai obreirismo. Mais precisamente porque só se fala de obreirismo no tempo presente, non debe ser considerado unha gaiola. NEGRI, mais tamén TRONTI, foron moito máis alá do obreirismo, que é un sistema de pensamento, non unha ideoloxía. É un instrumento, non un fin. Por iso, pode ser usado ou non, a caixa de ferramentas pode conter tantas como quixermos, se foren necesarias.

Razoar arredor da forma do Estado, revelando na multiplicidade de solucións constitucionalistas o mantemento e a protección do poder burgués, foi a súa gran contribución á doutrina

No obreirismo había dúas almas: unha comunista e outra anarcosindicalista. TONI pertencía claramente á primeira, repetía continuamente que era comunista, mais aquí eu non podía seguilo, precisamente porque do pensamento comunista, bolxevique, a táctica é inseparábel, esa que tamén sabe usar as armas do adversario, a táctica do tren de LENIN. E TONI nunca me pareceu un gran táctico, porque para o ser é preciso deterse, calcular, cómpre prudencia, unha virtude (sedicente) que lle era visceralmente estraña.

A menos que se considere a súa carreira universitaria como táctica.

Aos trinta anos accede a unha cátedra, conta cun poderoso apoio mais tamén cunhas cualificacións científicas moi respectábeis. Inmediatamente comprende as regras do xogo e na mesa de póker dos poderes académicos revélase extremadamente hábil. En pouco tempo consegue unha praza de axudante, catro prazas de titular, tres prazas de investigador/técnico. E escolle os membros dun equipo que non se desfiguraría diante de ningunha comisión examinadora. Un nome, por citar só un, MARIAROSA DALLA COSTA, hoxe quizais tan coñecida no mundo como o propio TONI. E despois persoas como ALISA DEL RE, LUCIANO FERRARI BRAVO, GUIDO BIANCHINI, FERRUCCIO GAMBINO, SANDRO SERAFINI. Un grupo compacto e unido que colabora na redacción de textos como Operai e Stato (1972) e Crisi e organizzazione operaia (1974), textos que deixaron pegada nunha determinada xeración. Foi un unicum no panorama da academia italiana, difícil de reproducir e, polo tanto, historicamente determinado. Mais todo, de principio a fin, é obra súa. Eu tamén formei parte del e, polo tanto, estou entre aqueles cuxa vida estivo marcada polo encontro con TONI NEGRI, primeiro a través do meu papel en certos xornais e revistas, despois polo meu ingreso na academia sen pasar por ningún concurso, chegando a atoparme nun posto que calquera outro catedrático consideraría xerarquicamente subordinado, mentres que para o prof. NEGRI foi simplemente unha forma de integrar o seu coñecemento, el que nunca asumiu a postura de pensador solitario, senón sempre a de quen pensa e actúa dentro dun colectivo.

Tampouco debemos, recoñecendo o seu talento e os seus méritos, impedirnos criticar os seus erros, porque en todo o asunto da década dos anos 70 hai que distinguir o fracaso da derrota

Razoar arredor da forma do Estado, revelando na multiplicidade de solucións constitucionalistas o mantemento e a protección do poder burgués, foi a súa gran contribución á doutrina. A progresión do seu pensamento, dende as lecturas formativas de COSTANTINO MORTATI ata os primeiros descubrimentos teóricos, onde combina dispositivos xurídicos con filosóficos —e así naceron L'Anomalia Selvaggia, (1981) e Il Potere costituente (1992), para chegar a Impero (2000) e Comune, oltre il privato e il pubblico (2010)—, fai que pase do horizonte totalmente occidental ao dos estudos poscoloniais. As súas catro conversas con GERALD RAUNIG datan de 2022, cando a súa voz xa se debilitaba, nas que explica con grande clareza tanto o seu concepto de poder constituínte como o camiño a través do cal deixou atrás o problema dun suxeito activo socioloxicamente determinado de acordo coas categorías «obreiristas [operaiste]» (obreiro masa, traballador precario) para se concentrar no esforzo de definir a abstracción concreta do general intellect ou da multitude. E pecha esas conversas cun longo excurso sobre as experiencias revolucionarias en América Latina, dende a revolución bolivariana ata o Brasil de LULA, dende o México zapatista ata Colombia, que quere poñer fin a unha guerra civil heterodireccionada de corenta anos. E podería pensarse que este desprazamento do eixo do seu pensamento desde o Occidente centro do mundo á dimensión global e multipolar se produciu en paralelo ao desenvolvemento dos estudos filolóxicos sobre o pensamento de MARX, que ao mesmo tempo sacaron á luz a un MARX que era ben consciente de que a concentración exclusiva na revolución industrial inglesa non era en absoluto suficiente para definir a esencia do capitalismo senón que era necesario ampliar a ollada aos países coloniais, ao que durante moito tempo no léxico común se chamaba despectivamente Terceiro Mundo. Así TONI NEGRI puido dialogar coa xeración de Xénova e do May Day Parade, coa mocidade da gig economy e coas persoas inmigrantes, cos movementos no-global e no-logo, que hoxe choran por el con recoñecemento conmovedor. Medíase coa teoría e práctica da forma de Estado contractual, cos proxectos constitucionais dos termidorianos e dos xacobinos, coa forma keynesiana do «compromiso socialdemócrata» na transición do Estado liberal ao Estado do benestar, que postula a mediación entre intereses (entre salarios e beneficios) como condición para a continuidade do poder estatal; mediuse coa forma schmittiana do Estado como administración, gobernado por burócratas profesionais con competencias específicas, e coa forma do Estado da modernidade. Sempre perseguindo as variacións do enlazamento entre o político e o social e atopando finalmente a correcta relación entre os dous polos nos escritos de MARX. Todo isto para propoñer un marco xurídico na definición dos movementos, xa non unha expresión de valores e desexos para alén da representación, contra a delegación, senón, precisamente, do poder constituínte, a verfassunggebende Gewalt. De aí a súa exaltación do 68 como alargamento da percepción da explotación, que pasa do terreo das relacións laborais ao das relacións de xénero, das relacións coloniais e, engadiría eu, das relacións entre civilización e natureza. É a través da loita que un movemento se torna nun poder constituínte, nunha nova orde social. En 1992, cando escribiu Il potere costituente. Saggio sulle alternative del moderno, non imaxinaba que o propio capitalismo abandonaría tanto a forma contractualista do poder estatal (e un proceso similar tería lugar nas relacións laborais) como a forma administrativa, baseada na competencia dunha tecno-burocracia, para seguir un camiño onde as elites políticas non son o resultado da selección senón que son produto da manipulación comunicativa, onde liderado e entretemento son a mesma cousa. E atopámonos así con moitos primeiros ministros que son cómicos, prestixiosos presentadores televisivos, e quizais algún día tamén atopemos unha estrela porno no goberno, sexa home ou muller. Aquelas pasaxes históricas e lóxicas de TONI NEGRI convertéronse en anticipacións proféticas e, como tales, deron coraxe a aquela mocidade desanimada, humillada, illada no individualismo, á que non lle berrou outra cousa que: «Es unha forza, tes unha forza, emprégaa!». Iso era ser un «mal mestre». Mais isto xa era suficiente para ser unha alternativa aos que, quizais con esforzo, simplemente recoñecen o dereito da mocidade a se manifestar, para despois non abrir a boca cando esa mocidade é golpeada, denunciada, posta baixo arresto domiciliario ou encarcerada.

O poder constituínte dos movementos evoca a democracia directa, e NEGRI, na última fase da súa andaina, semella achegarse á matriz anarquista do obreirismo, como é evidente (talvez me equivoque) no seu discurso sobre os bens comúns.

Traballou nunha cela de illamento dunha prisión especial coa mesma organización do día que cando escribiu a súa tese ou cando vivía no exilio viaxando polo mundo. Días rexidos por unha disciplina férrea, que asombraba ata os que estaban ao seu carón todo o tempo. Nesa disciplina atopou a liberdade de producir ideas.

O poder constituínte dos movementos evoca a democracia directa, e NEGRI, na última fase da súa andaina, semella achegarse á matriz anarquista do obreirismo, como é evidente (talvez me equivoque) no seu discurso sobre os bens comúns

Non obstante, ao subliñar estes aspectos, é preciso ter coidado para non construír clixés positivos arredor da súa figura, simétricos aos negativos que se debuxan sobre el. Coidado de facer del o Mestre con M maiúscula en contraposición ao mal mestre. Coidado de facer del unha icona e estampalo en camisetas como aconteceu co pobre CHE GUEVARA. Sobre todo porque ambos estaban dotados dunha sorprendente physique du rôle. TONI era, como moitos de nós, unha persoa normal cun elevado nivel de estudos que se poñía do lado dos explotados, dos marxinados, dos sen palabras e estaba ben con eles, nunca intentando educalos nin orientalos, senón axudándoos a recoñecer o seu potencial, o seu poder de negociación. Seguramente non viña ensinar aos traballadores da petroquímica de Marghera o mortífero que era o monómero de cloruro de vinilo, senón para dicirlles, se acaso, que deter a morte estaba nas súas mans e só nelas. Así puido exercer un papel recoñecido nunha gran comunidade obreira, un caso pouco común, dígase o que se diga, en toda a historia dos movementos extraparlamentares italianos.

Tampouco debemos, recoñecendo o seu talento e os seus méritos, impedirnos criticar os seus erros, porque en todo o asunto da década dos anos 70 hai que distinguir o fracaso da derrota. Ambas deben ser sopesadas e abordadas, pois do contrario entregaremos unha testemuña envelenada aos que veñan detrás de nós. Os seus erros, xa que NEGRI sempre pensou e actuou no seo dun colectivo, son tamén os erros dos que, téndoos recoñecido a tempo, non fixeron todo o posíbel para evitar que os cometese e se retiraron en silencio.

Vímonos por última vez en Venecia antes do verán e unha vez máis quedei abraiado ao descubrir canto cariño quedara vivo entre nós, a pesar de percorrermos, a partir dunha data determinada, camiños completamente diferentes. Por unha estraña reviravolta do destino, a miña primeira recordación del, poucas horas despois da súa morte, ocorreume no Cox18 —o centro social que é un referente da cultura underground milanesa, unha guarnición da campaña contra o 41 bis e moito máis—, no ámbito dun evento de poesía e música onde tamén foi convidado un autor estadounidense de 80 anos, amigo e compañeiro de PATTI SMITH, JANIS JOPLIN, JONI MITCHELL e outros desa xeración. Aí, aí dentro vexo a TONI, sorrindo. Nese espazo, nesa comunidade, fundada por PRIMO MORONI. Non, como unha estatua, nun pedestal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.