Sergio Fontegher Bologna

Sergio Fontegher Bologna

Nacido en Trieste (1937), é un dos máis coñecidos expoñentes do operaismo e unha das referencias máis salientábeis do pensamento de esquerda italiano pola súa traxectoria intelectual e política. En 1961 ingresa no grupo Quaderni Rossi e despois en 1963 participa na fundación (con Toni Negri, Mario Tronti e Romano Alquati) de Classe Operaia, organismo de referencia do operaismo italiano. Colaborador, a partir do mesmo ano, dos Quaderni Piacentini, Bologna dividiu o seu tempo nos anos 60 entre a militancia e a docencia na Universidade de Trento onde foi axudante do filósofo Umberto Segre. Está en París en maio do 68. Un ano despois está en Turín, ás portas de Mirafiori, seguindo as loitas obreiras co propio Daghini, Mario Dalmaviva e moitos outros. En setembro fundou Potere Operaio, un xornal de loita, con Negri, Alberto Magnaghi, Franco Piperno e outros, e uns meses despois o partido político co mesmo nome, do que foi o primeiro secretario xunto con Negri e Piperno. Abandonou o grupo un ano despois. Os anos setenta vírono recibir, grazas a Toni Negri, un posto docente na Universidade de Padua que ocupou durante aproximadamente unha década ata que, tras a operación 7 de abril de 1977, se viu na obriga de ser trasladar a Alemaña, entre Bremen e Hamburgo, de onde só regresará despois duns anos, mais sen a posibilidade de retornar á Universidade italiana da que xa fora expulsado. Dende entón continuou a súa actividade como ensaísta (con obras de recoñecido prestixio de temática moi diversa, mais sempre relacionadas con mundo do traballo e das transformacións do capitalismo), docente e consultor independente nos sectores da loxística e do transporte, alen de asumir a presidencia da Agenzia Imprenditoriale Operatori Marittimo (AIOM) de Trieste, entre outras moitas responsabilidades.