Para vir a Xunta a min

Galicia é un tupperware con artistas dentro. E á Xunta non lle gusta o que contén un tupper. Alega que non pode responsabilizarse de garantir os principios de calidade do que levan no interior. Ademais o envase mantén a cousa quente e iso acostuma a incomodalos. Incluso serve para conxelar, aforrar pasta e modernidades así. Hai actores e actrices –“os de sempre, bah”- que queren facer deste país un recipiente de plástico no que as verdades estean xa preparadas para ser consumidas. Ou conservadas contra a mentira, como Walt Disney.

O sector das artes escénicas tan só quere baixar da noria da incerteza. Respirar, algo tan práctico. Ten que ser abafante que a persoa que ten a posibilidade de reanimar os teus pulmóns pase por ti asubiando. O día que a Plataforma das Artes Escénicas decidiu pecharse na Cidade da Cultura todos sabiamos que naquel sitio non se vería por moito tempo tanta creatividade aboiando no aire. Pero a Xunta pasou asubiando, coma se nada; coma o Papa Francisco retando á puntería logo de deixar o papamóbil no garaxe.

Para a cultura galega, Oz é un despacho baleiro e un gabinete infranqueable. No camiño de baldosas marelas puxeron máquinas os de Audasa. Nunca hai mago

Para a cultura galega, Oz é un despacho baleiro e un gabinete infranqueable. No camiño de baldosas marelas puxeron máquinas os de Audasa. Nunca hai mago. Ninguén escoita os desexos razoables. Van á Xunta pero a Xunta non vai canda eles. Quizais para que a Xunta vaia haxa que facerlle un transplante de sensibilidade ao home de lata.

O título deste artigo expropieillo por un rato a Carlos Blanco. Outro actor. Escoiteillo un día sobre un escenario e arranqueillo. Coma un exorcista. Porque ir a ver actores e actrices traballar reconforta. Sempre saes con algo. Cando menos decátaste de que é posible que o método Stanislavski dera bos intérpretes pero tamén de que é evidente que dá insuficientes responsables de cultura. O seu papel sempre é excesivo.

A cultura parece que importa pouco. Este verán, todos valoraremos saltos de trampolín nas piscinas públicas. Antesdonte vin a unha señora que, por non ir ao teatro, fixo un “carpado con mortal hacia atrás” no lavadoiro. Que a xente non consuma cultura empobrece o futuro, é preocupante, mais se os que teñen a posibilidade de promovela non o fan, convértense en verdadeiros culpables de que esmoreza.

A cultura parece que importa pouco. Este verán, todos valoraremos saltos de trampolín nas piscinas públicas

Ás veces as verdades non fan o seu traballo. Hai días nos que bebes un exército delas e non se che soben á cabeza. En troques, ao día seguinte, sen meditalo, tomas un par de certezas e caes bébedo. Haberá que seguir convidando a rondas, entón. Seguir de pé para ser escoitado mentres se conservan as ilusións en tuppers contra a mentira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.