Parabéns, profesor Mayor

Quen o diría!, como pasa o tempo! Ou mellor dito, pasamos nós por el, case sen darnos conta. En moitas ocasións preguntáronme pola idade do profesor Mayor Zaragoza. Cando contestaba, a incredulidade do interlocutor víaselle nos ollos, moi difícil de ocultar. A el mesmo tentei sacarlle o segredo que, como catedrático de bioquímica, sospeitaba que gardaba celosamente. Non fun quen. Algún antioxidante natural, en doses pequenas, coa comida. Pouco máis. A verdade, sempre pensei que era a vainilla…

En moitas ocasións preguntáronme pola idade do profesor Mayor Zaragoza. Cando contestaba, a incredulidade do interlocutor víaselle nos ollos, moi difícil de ocultar

Líao con puntualidade nos números de O Correo da Unesco, nos seus editoriais, sabía da súa biografía, da fundación, con Severo Ochoa, do Instituto de Bioloxía Molecular, da promoción do Plan Nacional de Prevención da Subnormalidade, e da súa carreira política, ministro, deputado, eurodeputado… e coñecino persoalmente no ano 2000. Viña de rematar, por vontade propia, o seu segundo mandato como Director Xeral da UNESCO.

Deixara unha pegada extraordinaria na institución que el cualificaba, con frecuencia, como a intelectualidade da ONU. Pero, sobre todo, deixaba unha responsabilidade que o cambiou a el para sempre

Volvía a Madrid. Deixara unha pegada extraordinaria na institución que el cualificaba, con frecuencia, como a intelectualidade da ONU. Pero, sobre todo, deixaba unha responsabilidade que o cambiou a el para sempre. A súa maneira de entender o mundo, de achegarse ás persoas, ós educadores e ás educadoras, ós grandes problemas da humanidade, xa non foi o mesmo, logo do seu paso pola Praza de Fontenoy en París. No 2000, precisamente, fundou a Fundación Cultura de Paz, e asinou un Convenio de Colaboración co Seminario Galego de Educación para a Paz. En 2004, decidiu que foramos a súa delegación en Galicia, xunto con Madrid e Barcelona. E a partir de aí, unha amizade crecente, gratitude e xenerosidade a mans cheas.

Probablemente o seu logro máis coñecido ten que ver coa Declaración Universal da Cultura da Paz, a que conseguiu aprobar, por sorpresa, na Asemblea Xeral en 1999

Probablemente o seu logro máis coñecido ten que ver coa Declaración Universal da Cultura da Paz, a que conseguiu aprobar, por sorpresa, na Asemblea Xeral en 1999. Un tema que viña de longo, desde Yamoussoukro, en Costa de Marfil, no corazón de África, dez anos antes, aquel congreso internacional sobre a paz na mente dos homes, que desenvolvía a extraordinaria Carta Constituínte da UNESCO, aquela que cita ó profeta Isaías cando di: “Das súas espadas farán reixas de arados e das súas lanzas, fouces. Non alzarán a espada uns contra outros, nin se prepararán para a guerra…

Conta o profesor Mayor que cando chegou a Oxford por primeira vez para traballar co Premio Nóbel de Química, Hans Krebs, atopou que o lema daquel Condado era Sapere aude, atrévete a saber. Cando regresou descubrira que, tan importante como atreverse a saber era saber atreverse porque, efectivamente, saber sen atreverse a contalo, calar, a procesión dos caladiños, o silencio dos que podendo (e debendo) falar calan é, como dicía o Mahatma Gandhi, aínda máis atroz que as persoas malas.

Para Federico Mayor, a expresión suprema da cultura é o comportamento cotián, e os dereitos humanos o noso referente ético universal

Para Federico Mayor, a expresión suprema da cultura é o comportamento cotián, e os dereitos humanos o noso referente ético universal, porque a guerra e a violencia, como afirmaba o Manifesto de Sevilla de 1986, logo asumido pola UNESCO, non son fatalidades biolóxicas. Para o profesor Mayor, a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz.

Calquera estado democrático, respectuoso coas persoas que como Federico Mayor Zaragoza acadaron o máximo nivel electivo no ámbito internacional, debera ser un ben a protexer, a ter en consideración, a escoitar, a coidar, a promover. Nada máis lonxe da realidade. O actual goberno, como o de Aznar no pasado, o consideraron como un inimigo, alguén a quen ocultar, un estorbo. Obsesión banal tendo en conta a súa grandeza humana, profesional e política.

O actual goberno, como o de Aznar no pasado, o consideraron como un inimigo, alguén a quen ocultar, un estorbo. Obsesión banal tendo en conta a súa grandeza humana, profesional e política

A UNESCO, polo contrario, faralle unha homenaxe, polo seu 80 aniversario, o vindeiro día 3 de febreiro en París, nun Simposio Internacional sobre Cultura de Paz, coa participación da actual Directora Xeral, Irina Bokova, de Amadou Mahtar M’Bow, o predecesor de Mayor Zaragoza no cargo, de Lula da Silva, Mary Robinson, Kofi Annan… entre outros dos máis grandes.

Hoxe trasladareille os nosos parabéns e o desexo de que cumpra moitos máis, coa mesma lucidez e grandeza. Parabéns a voçé, profesor Mayor, e moitas grazas por permitirnos gozar da súa sabedoría e amizade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.