Paradoxos

Viaxe oficial de Trump a China © The White House

Donald Trump non parece disposto a iniciar guerras. A caterva de extremistas venezuelanos partidarios de que EEUU invada o seu país están enfadados coa súa política

Donald Trump non parece disposto a iniciar guerras. A caterva de extremistas venezuelanos partidarios de que EEUU invada o seu país están enfadados coa súa política. Expresan publicamente o enfado e distáncianse del. Non merece máis comentarios unha xente que soña con ver os estranxeiros arrasando o seu propio país, con que comecen a matarse os seus compatriotas, con que o horror e a morte campen nas rúas das súas casas. Non se pode superar tanta infamia.

A contención de Trump, polo menos de momento, polo menos aparente, e non só en Venezuela, senón tamén con Irán e Corea do Norte, transcendeu a partir dunha conversa súa con James Carter, ex presidente norteamericano. En parte podería explicala:

Tes medo de que China nos adiante e levas razón, dille Carter, pero sabes por que nos vai adiantar? Porque desde 1979 eles nunca entraron en guerra con ninguén, mentres nós sempre estamos en guerra. Somos a nación máis guerreira da historia da humanidade. China entrementres inviste recursos en camiños de ferro de alta velocidade, en troca de gastalo en armamento. Se os tres billóns de dólares que van dedicados á industria bélica foren para pontes, trens e ensino, teríamos unha grande infraestrutura, da que carecemos, e o noso sistema educativo sería tan bo como o de Corea do Sur ou Hong Kong.

"Tes medo de que China nos adiante e levas razón, dille Carter, pero sabes por que nos vai adiantar? Porque desde 1979 eles nunca entraron en guerra con ninguén, mentres nós sempre estamos en guerra"

É verdade que a baza última de China en caso de enfrontamento nuclear permanece intacta desde que a configurou Mao Ze Dong. Poderían arrasar China, pero con semellante poder demográfico e territorial, e sendo tamén unha potencia nuclear, sinxelamente non podería ser derrotada, porque sempre tería reservas humanas e armamentistas para vencer. “É posíbel que perdamos máis de trescentos millóns de persoas nunha guerra nuclear. E que?” Iso lles dicía aos negociadores soviéticos en 1957. A guerra comercial que agora se desenvolve entre as dúas potencias está activando na prensa chinesa e nos medios propagandísticos de Beijing un aumento da temperatura patriótica e da disposición para o enfrontamento armado.

Hai máis novidades. É a primeira vez que un presidente dos Estados Unidos denuncia o poder do complexo militar- industrial e o seu afán de provocar máis guerras. Só Eisenhower o fixo no curso da Segunda Guerra Mundial, cando as industrias químicas, bélicas, de automoción, entre elas a Ford, continuaban comerciando con Hitler e impedían acelerar a súa derrota.

É a primeira vez que un presidente dos Estados Unidos denuncia o poder do complexo militar- industrial e o seu afán de provocar máis guerras

Non se trata agora de entusiasmarse con Donald Trump ben claro está, un individuo impredicíbel, pero hai datos que se deben ter en conta. O seu entorno afirma (segundo Vox, un medio de comunicación) que desexa destituír a John Bolton o principal promotor da guerra contra Irán. Hai que ir vendo. Ao cabo Hillary Clinton desexaba arrasar a nación persa, e así o ten declarado.

El di que non desexa a guerra con ninguén e nese contexto coméntase pouco que EEUU vai ben, baixou o paro, medra a riqueza e viven un tempo economicamente feliz. Habería que saber canto pesa todo iso na suposta contención de Trump.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.