Paralos e facerlles frente

Verdadeiramente o conxunto dos recortes principiados por Feijóo en abril do 2009 e seguidos  no nivel estatal por ZP, dende maio do 2010 e por Rajoy, dende decembro do 2011, xerou unha terríbel espiral de menos actividade, máis desemprego, menos recadación fiscal, máis recortes e menor cantidade e calidade dos servizos públicos. Unha espiral suicida como a xerada pola política de austeridade do presidente Hoover nos USA dende fins do 1929 até fins do 1933 e que só salvou Roosevelt coa súa acción decididamente socialdemócrata do New Deal.

Diante desta suicida política da dereita conservadora o PSOE, campión canda Feijóo na xeración de desemprego, fai parte do mesmo problema e carece de credibilidade para liderar ningunha política alternativa

Diante desta suicida política da dereita conservadora o PSOE, campión canda Feijóo na xeración de desemprego, fai parte do mesmo problema e carece de credibilidade para liderar ningunha política alternativa, porque non foi quen a desenvolvela cando podía. Porque, en realidade, ZP asumiu as mesmas receitas ca o PP ao reformar os dous xuntos a Constitución hai un ano, coa finalidade de priorizar o equilibrio orzamentario sobre a creación de emprego, o crecemento económico e o benestar. PP e PSOE demostraron preferir o balanceo do budget á creación de jobs, en afortunada comparanza de Obama. É dicir as contas sobre a creación de emprego e riqueza.

A reacción do BNG e da coalición de IU e Beiras fronte esta enxurrada de empobrecemento e recesión inducida é facerlles frente e paralos. Resistencialismo xustificado na gravidade do momento histórico, mais que non achega, en ningún dos dous casos, propostas en positivo

A reacción do BNG e da coalición de IU e Beiras fronte esta enxurrada de empobrecemento e recesión inducida é facerlles frente e paralos. Resistencialismo xustificado na gravidade do momento histórico, mais que non achega, en ningún dos dous casos, propostas en positivo cara á construción dunha Galicia do futuro. Porque semella que a alternativa ás receitas da dereita non serán vellos modelos fracasados no Leste de Europa, Cuba ou Corea do Norte nin ocorrencias antisistema. A alternativa pasará por defender propostas eclécticas e mixtas, que faciliten o financiamento aos pequenos e medianos empresarios e o propio emprendemento empresarial, canda a blindaxe dunha sanidade, educación e servizos sociais universais e de calidade. É dicir, reformar e mellorar o sistema de economía mixta que xerou, na nosa Europa, a meirande concentración de riqueza e mellor reparto da mesma  da historia do mundo contemporáneo.

A alternativa pasará por defender propostas eclécticas e mixtas, que faciliten o financiamento aos pequenos e medianos empresarios e o propio emprendemento empresarial, canda a blindaxe dunha sanidade, educación e servizos sociais universais e de calidade

Velaí que non exista alternativa política a esta espiral de empobrecemento e recortes sen propostas en positivo e centradas que vaian moito máis aló ca de paralos e de facerlles frente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.