Parrhesia

Etimoloxicamente o termo grego parrhesia vén de pan rhema e quere dicir «a actividade de dicilo todo». Parrhesiazesthai significa «dicilo todo» e o parrhesiastés é «quen di todo». Segundo Michel Foucault para que se poida falar de auténtica parrhesia «é mester que o suxeito, ao dicir unha verdade que marca como a súa opinión, a súa crenza, corra un risco, un risco que atinxe á propia relación que el mantén co destinatario das súas palabras» mesmo até facer perigar a propia existencia do que fala, polo menos, «se o seu interlocutor ten algún poder sobre el e non pode tolerar a verdade». Porén, non toda a responsabilidade nesta aposta pola verdade cae do lado do que asume o risco senón que a parrhesia pode desenvolverse por medio dun «xogo parrhestiástico» no que aquel que recibe a verdade (sexa «o pobo, o príncipe ou un amigo») debe, segundo recorda Foucault, aceptala, por ofensiva que sexa para as opinións manifestadas e «recoñecer que quen corre o risco de dicirlles a verdade ten que ser escoitado [...] de modo que se estableza unha sorte de pacto polo cal se o parrhesiasta mostra a súa coraxe para dicir a verdade con respecto a todo e contra todo, aquel a quen se dirixe esa parrhesia deberá mostrar a súa magnanimidade aceptando que se lle diga a verdade.»

A esquerda (ou as esquerdas) de hoxe non desconfían de que aqueles para os que falan

Non hai dúbida de que a esquerda (ou as esquerdas) de hoxe non só desconfían de que aqueles para os que falan, ou deberían falar,  —a xente do común — vaian comportarse, dada a minoría de idade que aquelas lles atribúen, do xeito magnánimo que prevía a ética grega senón que, ademais, están demasiado acostumadas a concibir a política como algo máis parecido a un asunto de prevención de riscos do que un compromiso moral, de aí a súa teimosía na mentira (e non falo da pequena mentira do regateo en curto institucional senón das grandes mentiras que nutren con alimentos contaminados os imaxinarios colectivos durante anos e que cortan o acceso a outras viandas máis frescas) malia saberen do mal negocio que, no longo prazo (e como agora está a ficar claro a golpe de desafección), supoñen estas prácticas.

Así, cando os últimos estertores da socialdemocracia espallaban a boa nova de que era posible manter o Estado do benestar a partir das migallas que ía deixando a vía libre outorgada ao movemento de capitais, ou cando —agora que o milagre financeiro murcha— esa mesma socialdemocracia arela o regreso dos bos tempos da redistribución nacional a partir dos impostos pagados polo sector industrial, non se está máis que inflar a burbulla da mentira.

Esa mesma socialdemocracia arela o regreso dos bos tempos da redistribución nacional a partir dos impostos pagados polo sector industrial

Outro tanto fai esa outra esquerda nominalmente non socialdemócrata —pero socialdemócrata de facto desde o momento en que tamén se converteu nunha maquinaria electoral— que avoga polo mesmo tipo de solucións económicas ao tempo que posterga a asunción de calquera outra  alternativa á nebulosa da liña do horizonte; que é, como se sabe, a liña á que nunca se chega.

Non estraña, xa que logo, que, cando aparece como evidente o papel que xoga a Unión Europea como superestrutura tecnocrática (velaí a Monti querendo gobernar Italia sen pasar polas eleccións) encamiñada a detraer as ferramentas que a soberanía popular —filtrada a través do estado-nación— tiña, mal que ben á man, para domar a voracidade do sistema económico (devaluación e impresión de moeda), nin a esquerda oficialmente socialdemócrata, nin a outra, son capaces de dicir claramente, e en todos os foros, que non hai camiño practicable para as políticas non neoliberais  —é dicir, para unha saída da crise que non leve aparellada a perpetración dun saqueo histórico— nin para independencias reais de país ningún (por moito referendum de autodeterminación que se convoque) permanecendo nesa samesuga boreal que chucha o sangue ao sur do continente.

 

Unhas esquerdas que, cada día máis, pasaron da xestión do existente á dixestión do que vai camiño de deixar de existir

 

Tampouco estraña que a cuestión do acaparamento de recursos enerxéticos escasos que hoxe tanto está detrás da maior parte das guerras do mundo como da sondaxe por parte das multinacionais de cada recuncho do planeta en busca de metais preciosos, terras raras ou shale gas (sexa en Corcoesto, Viana do Bolo, o monte Galiñeiro ou o predio que a Xunta teña a ben conceder a calquera empresa resolta a practicar no subsolo do noso país a agresiva técnica do fracking), así como a cuestión  da inviabilidade ecolóxica do modo de vida que consume todos eses recursos, nunca sexan mencionadas publicamente (ou o sexan partindo da retórica do anticolonialismo desenvolvimentista) por unhas esquerdas que, cada día máis, pasaron da xestión do existente á dixestión do que vai camiño de deixar de existir.

Para Cornelius Castoriadis na polis da antiga Grecia a parrhesia era a «obriga moral de falar con absoluta franqueza  e o compromiso que cada quen asume de falar realmente con toda liberdade cando se trata de asuntos públicos» e, segundo o filósofo, conformaba, canda a isegoria (o dereito de todos os cidadáns a tomar a palabra) e a isopsephia (o igual peso de todos os votos) un dos rasgos fundamentais e constitutivos do cidadán. Dificilmente poderán os nosos parlamentos lembrar, nin que sexa levemente, ás vellas polis gregas cando tan saudable obriga moral desapareceu mesmo daqueles chamados a exerceren de tribunos do pobo.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.