Partidos e sociedade civil

A depresión económica decatounos das grandes feblezas do noso sistema político-institucional. De que o emperador ía espido. Grande parte destas gravísimas disfuncións teñen a súa orixe na ocupación das institucións polas elites populares e socialistas, nunha caste de bipartidismo dinástico, xa que foi reforzado pola complicidade da Monarquía borbónica. Esta crise viuse amplificada polo espallamento en tempo real das novas, resultado das novas tecnoloxías mais tamén da lóxica da Grande Depresión: no malestar xeral é moi difícil agachar as evidencias e calar as protestas.

Isto explica a extrema falla de adaptación do PP e PSOE ao novo paradigma. E a súa desesperada loita lampedusiana para tentar aparentar reformas cando en realidade queren que nada mude

Isto explica a extrema falla de adaptación do PP e PSOE ao novo paradigma. E a súa desesperada loita lampedusiana para tentar aparentar reformas cando en realidade queren que nada mude. Porque compre enxergar  os signos dos tempos. A loita antifranquista non é máis ca unha curiosidade histórica para todos os que non puidemos votar esta Constitución. A cidadanía espertou e quere incorporar na axenda reformas institucionais inaprazábeis: máis proporcionalidade, candidaturas abertas adoptadas coa participación da cidadanía, candidaturas limpas, esixentes regras de transparencia, novos xeitos de participación. A onda mesmo lle chegou, no noso país, a Anova, que houbo seguir a rota de CXG e asumir  candidaturas abertas reais, que abren os órganos partidarios ás minorías e evitan o dirixismo das burocracias partidarias.

A sociedade civil vai levar por diante, tamén, algúns dos seus axentes supostamente representativos. Como a CEG. Alguén pode pensar que esta representa verdadeiramente aos empresarios deste país? Mais os sindicatos tampouco ficarán á marxe deste “tsunami” cidadán, que ten a virtude de nos lembrar que ninguén pode gardar o viño novo nos pelexos vellos.

 

O .gal, o dominio da Galicia

O .gal abre grandes posibilidades de promoción cultural e exterior para a noso país e cultura e, xa que logo, moitas posibilidades económicas e empresariais

O ICANN, organismo regulador da Internet, ven de abrir a porta para o dominio galego (.gal). Foi un traballo apartidista, estruturado precisamente no seo da sociedade civil. Un proxecto de país. O .gal abre grandes posibilidades de promoción cultural e exterior para a noso país e cultura e, xa que logo, moitas posibilidades económicas e empresariais. Ogallá avaliemos este instrumento polo que custou e polas súas potencialidades. O .gal é o recoñecemento mundial por sermos diferentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.