No Congreso tivo lugar a votación das emendas á totalidade que distintas forzas políticas presentaron aos Orzamentos Xerais do Estado acordados polos socios do Goberno Progresista. Un total de sete emendas presentadas por PP, Vox, Coalición Canaria, Foro Asturias, as CUP, e o BNG, cuxa presenza nesta relación causaba onte certa sorpresa en redes, sobre todo en perfís de usuarios de fora de Galicia. En Galicia a sorpresa é menor, posto que o BNG leva preparando dende fai días esta posta en escena e, como aquí ben sabemos, a escenificación é unha porcentaxe importante da estratexia (en consumo de tempo e de recursos) dos de Ana Pontón, nos últimos anos con moi bo resultado (se entendemos como resultado aquel que devén do estritamente electoral).
Pero para realizar unha análise respecto ao motivo da presentación da emenda á totalidade por unha forza política que moitos sitúan á esquerda do PSOE, primeiro debemos entender que é o que se está a debater e votar nas sesións do Congreso de estes días. Como dicíamos ao comezar este artigo, votáronse as emendas aos PGE e votaranse de maneira conxunta (lembremos: PP, Vox, Coalición Canaria, Foro Asturias, as CUP e BNG) posto que o que acontecerá en caso de aprobación será a devolución dos orzamentos ao Goberno. Isto só aconteceu dúas veces na historia da nosa democracia: a primeira en 1995 sendo presidente Felipe González e a segunda en 2019 con Pedro Sánchez. Ante a imposibilidade de sacar os orzamentos adiante, ambos se viron na obriga de disolver as cortes e convocar eleccións. Isto debería darnos unha idea da verdadeira dimensión política da decisión tomada polo BNG, en medio dunha pandemia e unha crise económica de enormes consecuencias, e xustifica a dura intervención onte de María Jesús Montero por parte do Goberno.
Como xustificar entón a presentación da emenda á totalidade por parte do BNG? Dicíamos antes que para o BNG a escenificación ocupa unha porcentaxe importante da súa estratexia política. Falabamos que levan días escenificando o veto (posto que unha emenda á totalidade é en realidade un veto), pero, en realidade, a posta en escena comezou moito antes: o 12 de febreiro de 2019 cando o Congreso aprobou as emendas á totalidade presentadas por distintas formacións políticas, tombando así os PGE cos únicos votos en contra do PSOE, Compromís e Unidas Podemos, grupo do que formaba parte En Marea. Foi aí cando o BNG colocou o relato de que En Marea votara a favor duns orzamentos “lesivos” para Galicia. Ese relato aínda colea a día de hoxe e foi resucitado en Galicia durante a campaña das últimas eleccións autonómicas, o que nos da unha idea do apoio mediático e o aparato comunicativo e militante co que conta o BNG, posto, como acabamos de argumentar, nunca se chegou a producir esa votación, polo que En Marea nunca votou a favor deses presupostos.
O que si sabemos é que, tal e como afirmaba en declaracións a medios durante eses días a agora Ministra Yolanda Díaz, En Marea contaba co compromiso do PSOE para continuar negociando, unha vez superada a votación das emendas á totalidade, o que esta organización denominaba como “Axenda Galega do cambio”. Quizais as mentes pensantes do BNG, máis fieis á súa estratexia comunicativa que a medir o momento político, entenderon que non presentar unha emenda era en realidade emendar o seu discurso dos últimos dous anos?. Retorcido, si, pero estou tratando de entender o que dende fóra parece un movemento político torpe e, non esquezamos, que estamos a falar dun partido que fai unhas semanas saíu a reivindicar a inclusión da baixada das peaxes da AP9 no acordo dos PGE entre o PSOE e Unidas Podemos e agora presenta unha emenda á totalidade a ese acordo e, polo tanto, á baixada de peaxes da AP9.
Pero, seguindo a argumentación do BNG para xustificar a presentación dunha emenda á totalidade dos PGE, son estes orzamentos lesivos para Galicia? Para ler os orzamentos 2021 para Galicia no plano dos investimentos é preciso ter en conta o efecto que supuxo o AVE, acaparando unha porcentaxe moi significativa do conxunto dende o inicio das obras, e como foi determinando a evolución dos mesmos durante os anos segundo a súa execución. Comparativamente, os orzamentos de 2018 eran de 926 millóns de € fronte aos 817 dos PGE do 2021, pero a partida para as obras do AVE baixa de 411 a 62 millóns o que supón que a partida do resto de investimentos de 515 a 755 millóns.
E a parte social dos orzamentos? Podemos afirmar que no apartado social son malos para Galicia? Estamos falando duns orzamentos que supoñen o maior gasto social da historia. Con incrementos nas pensións, en dependencia, en coidados, permisos de maternidade e paternidade, becas e erradicación das violencias machistas. Que apostan polo emprego xuvenil e a formación, a modernización económica e a transición ecolóxica. Cuestións todas que afectan a unha Galicia envellecida, precaria e cunhas pensións entre as máis baixas do Estado.
Recordemos ademais que a negociación de verdade comeza a partir de hoxe, era necesario que o BNG presentara unha emenda á totalidade para poder negociar estes orzamentos co Goberno? Non, pero en Galicia sabemos que a única carta que xoga o BNG é a de venderse como a única forza que leva a voz de Galicia e Congreso, aínda que as súas propostas sexan calcadas ás da “Axenda Galega do Cambio” da antiga En Marea, agora Galicia en Común e estean previamente contidas nos acordos do goberno de coalición, como aconteceu ca AP9.
Se atendemos ás palabras de María Jesús Montero, o Goberno non se sentará a negociar coas forzas políticas que presentaron emendas á totalidade dos orzamentos do 2021, o que deixaría ao BNG na posición de non poder negociar nada para Galicia. Presentar unha emenda á totalidade ten unha implicación política que non soubo ou non quixo medir. Mesmo C’s decidiu manterse ao marxe nun xesto, probablemente estéril, que quere significar a súa vontade de negociar, algo básico en calquera negociación. Non parece moi intelixente por parte do BNG comezar esta negociación cun veto á totalidade da proposta de aquel a quen queres convencer.
Teñamos en conta, ademais, que en fronte temos un PSOE que xa viviu esta película en 2019. Un Goberno que se atopou unha pandemia apenas estaba constituído e que sufre o esgotamento da xestión de meses de continuas dificultades e un país sumido na incerteza e que cada vez se sinte máis lonxe da contenda política. Isto é algo que souberon ler forzas como ERC e, incluso, Bildu, mentres o BNG se entregou á estratexia que tan bo resultado lles deu noutras ocasións.
Se o Goberno se mantén firme e só negocia coas forzas que non presentaron emendas á totalidade e, tal e como se presume hoxe, con estes apoios ten suficiente para sacar os PGE, o BNG queda fóra de xogo. Entón, retratarse nesta foto, xunto a PP ou Vox, non vai supoñer ningunha contrapartida. O BNG quixo botar un órdago sen esperar a que se repartiran as cartas e parece que se pasou de freada. Esta vez, o Goberno decatouse de que só era un xogo de trileiros e se abstén de participar.
BONUS TRACK: Cóntase polos dominios de O Hórreo que a actitude dos parlamentarios e parlamentarias do BNG polos corredores do Parlamento de Galicia é ben diferente á que mantiveron durante a pasada lexislatura. Tamén que a tensión de traballo dos actuais 19 baixou respecto á dos 6 anteriores. A presenza de En Marea puxo o listón alto para o BNG durante os últimos catro anos (si, aínda que os medios só puxeran o foco nos problemas, os parlamentarios e parlamentarias de En Marea traballaban). Se alguén pensou que a expectativa dos de Ana Pontón era a de gobernar a partir do 12X xunto a PSOE e Podemos, acompañados pola escisión do BNG, ANOVA, quizais debería facer unha relectura.