Fíxose poeta e publicou O silencio do orballo, primeiro poemario que o sitúa entre os que aman a terra, a fala e as xentes, non sen apreciar a desolación que acompañou de sempre ao ser humano, por moito que nas festas e nos bares conxure para escondela
Daquela tiñamos pouco e pasabamos frío, só abondaba a beleza … por iso as lembranzas están inzadas dela. Isto pensaba cando analizaba porqué os recordos da miña nenez están cheos desa beleza que os poetas describiron, comezando pola da propia lingua, falaron tamén con encanto das necesidades e dos desexos inalcanzables, tanto dos que lles afectaban persoalmente como dos que adoecía a sociedade.
Un deles é Xesús Trashorras, home de seu e aberto ao mundo, quen devece pola vida, o humor e a liberdade. Ten a paciencia do que se fixo amodo, como se fai un río que nace e agarda ata ir acollendo auga dos diferentes regos. Así, acollendo, fíxose poeta e publicou O silencio do orballo, primeiro poemario que o sitúa entre os que aman a terra, a fala e as xentes, non sen apreciar a desolación que acompañou de sempre ao ser humano, por moito que nas festas e nos bares conxure para escondela. Esta desolación pariu outro libro de versos inda non publicado e que chama Xeometrías asimétricas. En verdade que estes poemas se apoderaron da miña alma, que presa deles, engaiolada, chorou en silencio de orballo. Chorou e aprendeu a mirar, algo moi necesario nestas urbes en que os desherdados son transparentes para todo aquel co que se encontran.
A súa ansia por viaxar e deixarse traspasar polas xentes e os lugares permitiulle escribir A chamada de Brigid, 50 poemas de pedra e néboa acolados na vella terra irlandesa
A súa ansia por viaxar e deixarse traspasar polas xentes e os lugares permitiulle escribir A chamada de Brigid, 50 poemas de pedra e néboa acolados na vella terra irlandesa. Alí e algures onde queira que vaia sempre sintoniza frecuencias que os outros nin imaxinamos, cun respecto e un facer empáticos que o achegan a persoas moi diferenciadas, portadoras do dereito á diferenza que Manuel Rivas aludiu cando me dedicou e asinou un exemplar de O último día de Terranova, sen sospeitar na repercusión que isto ía ter. Este dereito e os portadores del, sempre con humor e liberdade, son evocados por Trashorras nun feixe de relatos curtos que acaba de publicar Medulia co título de Paseando canguros. O paseador, que foi mestre, coñeceu a María no “Café de La Habana”, obsesionada con Salvador Dalí; descubriu o diario de Ataúlfo, que conta como o seu neto Elifaz quedou atrapado na cova da Valiña, sita na croa da freguesía de Bolaño en Castroverde, e como Arturo Belano, “o chileno”, intervén de xeito decisivo. A posterior conversa entre o nomeado avó e este forasteiro, acende inda máis algúns misterios en relación a un famoso autor de natureza inmortal, tal como conto no prólogo da obra. Explican estes dous exemplos porqué digo que é home “de seu” e porqué aseguro que está “aberto ao mundo”, algo raro nestes tempos de estandarización e repregue social.
O libro agarda polos lectores para contarlles como o narrador coñeceu a Janis Joplin, casualmente, nunha casa de baños en Ankara, e o que máis lle chamou a atención dela foron os seus lentes
O libro agarda polos lectores para contarlles como o narrador coñeceu a Janis Joplin, casualmente, nunha casa de baños en Ankara, e o que máis lle chamou a atención dela foron os seus lentes. Nin o físico nin a forma de ser, nada, os seus lentes. Páxinas que conteñen alcohol, sexo e outros libros, un cortexo fúnebre nas ramblas, un inesperado encontro no museo d’Orsay, infinidade de acontecementos e, sen previo aviso, a realidade crúa e desolada aparecerá, exposta co coidado con que Trashorras trata aos marxinados, e a curiosidade que o achega aos diferentes.
Por tanto, este é un libro para xente intrépida que se atreva a camiñar polo lado salvaxe da vida, paseando canguros e aberta á diversidade.