Patadas israelís ao cadáver da ONU

Non é necesario repasar os crimes de guerra cometidos polos dirixentes de Israel nas últimas catro décadas, abondaría co feito nas últimas semanas, incluíndo os bombardeos calculados a hospitais e escolas da ONU, para que ese Estado fose expulsado desa organización internacional, pero todos sabemos que iso non ocorrerá. Porque a ONU está morta, acábana de rematar EEUU e Israel precisamente.

Hoxe o mundo é completamente distinto e o que acaban de facer EE.UU. e Israel, rematala con aleivosía, era inevitable, pois xa non tiña alento

O edificio da ONU en New York sempre foi unha anomalía e as visitas de gobernantes estranxeiros a esa sede, moitos deles con políticas contrarias aos intereses norteamericanos, é un absurdo.

A ONU é unha idea benéfica en si mesma pero o modo en que se realizou estivo condicionado polas circunstancias da II Guerra Mundial e a posguerra. Hoxe o mundo é completamente distinto e o que acaban de facer EE.UU. e Israel, rematala con aleivosía, era inevitable, pois xa non tiña alento. Ese edificio en Manhattan é un cadáver baleiro.

Cando Alemaña desencadeou tal tormenta sobre Europa que se destruíu a si mesma e destruíu o continente enteiro, a Sociedade de Nacións en Xenebra quedou fóra de lugar e foi EE.UU. quen ditou a nova orde internacional. Tras a guerra, o Reino Unido cos acordos de Bretton Woods asinou a súa despedida como potencia imperial, o aristocrático Keynes pola parte británica tívolle que entregar a coroa ao discreto funcionario do Tesouro americano White. O dólar pasou a ser a divisa imperial. Pola súa banda a Unión Soviética era unha potencia que perdera máis de vinte millóns de persoas e fora arrasada, o Xapón vencido e catatónico tras a segunda bomba nuclear... Era a quenda para unha nova Roma con capital en Washington.

Igual que Zeus seduciu a Europa, así a nova potencia imperial arrebatou para si a nova sociedade de nacións, a ONU, e levouna ao seu solo.

Sería o fin da Historia, pero paradoxalmente foi o comezo dunha nova era mundial. Xa non existirían dúas superpotencias, claro, pero tampouco unha soa e os órganos de goberno da ONU quedaron completamente obsoletos

O seu dominio planetario pareceu absoluto ao esfarelarse a Unión Soviética, sería o fin da Historia, pero paradoxalmente foi o comezo dunha nova era mundial. Xa non existirían dúas superpotencias, claro, pero tampouco unha soa e os órganos de goberno da ONU quedaron completamente obsoletos: hoxe é un absurdo completo que Francia teña dereito de veto aos acordos e que non o teñan India ou Brasil, por exemplo. Os clubes dos grandes estados, "G-7", "G-8"..., son un apaño e unha confesión de impotencia da ONU para resolver conflitos de intereses entre potencias.

Bush pai maltratou publicamente a ONU e Bush fillo acabouna de ferir e arrastrar coa invasión de Iraq; o que está a facer agora Israel coa protección de EE.UU. é burlarse dese morto. En lugar de ser expulsado da ONU, Israel dálle patadas a ese cadáver e cóspelle á opinión pública internacional. Curiosamente é unha xestualidade moi característica tanto da cultura xudía como árabe. E faino para que o vexamos claramente todos por un único motivo: porque pode. Comete un xenocidio á vista do mundo, mata impunemente nenos e maiores en hospitais e escolas da mesma ONU e comete ese crime obscenamente por ese único motivo: porque pode.

Comete un xenocidio á vista do mundo, mata impunemente nenos e maiores en hospitais e escolas da mesma ONU e comete ese crime obscenamente por ese único motivo: porque pode

Como cidadáns da Unión Europea, xa non falo do Estado español, só podemos sentir vergoña. Europa cometeu grandes crimes, desde o colonialismo ao antisemitismo cristián que conduciu á "solución final", pero o que está a cometer agora como cómplice do xenocidio palestino non é dos menores.

Esa é a realidade internacional e o secretario da ONU non merece o noso pésame nin a nosa conmiseración, non. Merece o noso desprezo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.