Hai anos que coñezo a Paul Ríos, na actualidade o voceiro de Lokarri, Rede cidadá vasca polo Acordo, a Consulta, a Reconciliación e a Paz, un movemento social, moi activo, con 2000 asociados, nada menos. Con eles vimos colaborando mesmo desde que o seu anterior portavoz, Jonan Fernández, pasou a dirixir Baketik, o Centro pola Paz de Arántzazu, esa magnífica institución que combina paz e ética, iso significa, precisamente, Baketik.
Paul Ríos é moi mozo, pasa pouco dos trinta, e síntese un privilexiado por ter contribuído a que chegara o remate definitivo das accións armadas de ETA. Non todo o mundo pode decilo. El si tivo un papel protagonista, coa súa organización, nos cambios profundos que teñen acontecido na sociedade vasca para que a paz fose posible.
Estivo en Santiago de Compostela para recoller o PREMIO PORTAPAZ 2011, en recoñecemento da súa labor, nun acto organizado polo Seminario Galego de Educación para a Paz que tivo lugar no Auditorio da Cidade da Cultura de Galicia, abarrotado de público, con nenos e nenas dos colexios de Vite, López Ferreiro e Fontiñas, acompañados dos seus pais e nais, entre Paraugas de Paz vistosamente decorados, coa música do alumnado do IES Antón Fraguas e de Xoan Curiel.
Hai persoas que para acadar os seus obxectivos necesitan facer ostentación de forza ou de poder. Non é o caso de Paul Ríos. A súa fortaleza está precisamente no contrario. O seu aspecto reflicte vulnerabilidade, febleza, fraxilidade. A súa maneira de ser non amenaza. Quen o coñece descobre, de inmediato, modestia, discreción e permeabilidade, empatía. Aquí reside a súa grande forza, na humildade, unha humildade natural, auténtica, a flor de pel.
Esta forma de ser, o insistencialismo, como acostuma a dicir, permitíulle superar momentos complicados, moi duros, no persoal e no social, crear equipo, pequeno pero potente en Lokarri, moi ben levado, aspecto fundamental nun proceso de paz como o que está a vivir Euskadi.
Coa súa fortaleza e persistencia foise facendo unha referencia no mundo 2.0 e nas novas tecnoloxías, profesionalmente as coñece ben. O seu blog estase a converter nunha mirada imprescindible. Paul Ríos ten amosado que a forza non está sempre do lado dos poderosos. El representa, polo contrario, a fortaleza dos febles, dos sen voz, dos silenciados. O éxito da última parte do dilatado e complexo proceso de paz en Euskadi foi posible, en grande medida, porque entre a soberbia e a ostentación, tan habituais, ten mediado a sobriedade inequívoca, sen pretensións., de Paúl Ríos.
A paz en Euskadi , sabémolo ben, está por construír, faise cada día, e necesita moitas aportacións. Unha das máis destacadas, sen dúbida, é a de Paul Ríos. Por iso mereceu o recoñecemento do Premio Portapaz que concedemos a persoas ou entidades que destacan na consolidación dos valores da nonviolencia, a xustiza e a paz. Con el pasa a ser Socio de Honra do Seminario Galego de Educación para Paz, aínda que a honra sexa toda nosa.