Paz, pan e terra

Se hai un ano alguén dera un peso por un novo goberno do PP con Rajoy de presidente tomaríamol@ por tol@. Porén, hoxe temos un PP triunfador, unha España triunfadora. Despois de 4 anos de recortes de liberdades, de servizos públicos e prestacións sociais, crise económica e retorno ao nacional-catolicismo, volve gobernar o estado español o PP. Iso sí, sen maioría absoluta e co derrocamento do Secretario Xeral do PSOE por parte dos poderes reais deste país para colocar ao mediocre de Rajoy de novo na Moncloa. Todo isto cando maiores eran as expectativas xeradas na poboación de botalos do goberno.

Falsas expectativas cando a alternativa sería un PSOE-Podemos, un recambio estético para continuar coas políticas ditadas pola UE e de negación do dereito das nacións a súa autodeterminación. As reiteradas eleccións xerais, e o posterior golpe de timón, deron como resultado un reforzamento das forzas políticas que defenden a unidade de España: PP, PSOE, CS e Podemos.

O asalto ao ceo quedou en tentativa fracasada, en pequeno salto para caer no charco. Ese era o resultado esperado, o obxectivo real das novas forzas políticas non era outro que reconducir a mobilización e o malestar da sociedade e debilitar o nacionalismo, como así aconteceu en Galiza e Euskal Herria. Da desmobilización podemos pasar á frustración.

Cada día máis linda, mais linda, cada día mellor e mellor?

Pimpinela canta a unha Galiza cada día máis linda, máis linda, cada día mellor e mellor. A canción non ten nada que ver coa realidade, os problemas de Galiza, do pobo galego, continúan ano tras anos, elección tras elección.

Falamos e seguimos falando dos mesmos (e poderíamos acrecentar a lista):

  • Recortes e privatizacións dos servizos públicos: sanidade, servizos sociais, etc.
  • Despoboamento do rural como consecuencia da eliminación dos servizo públicos (garderías, transporte público, sucursais bancarias) e a aplicación da PAC para liquidar o sector agrario, sector lácteo, etc.
  • Desmantelamento gradual, pero constante, do noso sector pesqueiro. Aplicación da Política Pesqueira Común: recortes de costas de pesca e subvención do despezamento e a exportación de buques.
  • Reforma das pensións para recortalas e dificultar o aceso e así promover o negocio dos plans de pensións dos bancos.
  • Reformas laborais que traen precariedade laboral, facilitan o despido e a capacidade de explotación dos empresarios sobre os traballadores.
  • Perda de postos de traballo na industria.
  • Incremento da emigración
  • Desprotección as mulleres vítimas do feminicidio.
  • Proceso de destrución da nación galega. Aculturación e liquidación progresiva do idioma, o que dificulta a asunción do feito nacional galego.
  • Espoliación dos nosos recursos naturais, eucaliptización do monte, etc.

A Galicia de Feijoo é cada día peor e peor. E o que é peor, cun PP reforzado e lucindo unha maioría absoluta que hoxe non ten alternativa. Non hai proxecto alternativo con credibilidade para tumbar un partido enquistado como un alíen no interior da sociedade galega, que aos poucos vai coméndoa por dentro para que finalmente o pobo galego deixe de ser galego.

Temos unha PSOE en guerra fratricida, unha Marea dividida xogando a aniquilar o nacionalismo galego, e un BNG salvado institucionalmente por uns resultados que ninguén esperaba. Pero chégalle con salvar os móbeis? A ilusión cortopracista non levara o barco contra as pedras de novo?

O PP gaña por que non ten rival e, ademais, dispón dunha organización presente en todos os concellos. Chegan a todas partes e non teñen escrúpulos en xogar saltándose as regas. A renovación do contrato ao PP por 4 anos vai dar continuidade á aplicación das directrices políticas e económicas da UE e de España. Aínda que Feixoo fale de recuperación económica seguirán coa contención de déficit, os recortes, a liquidación de sectores produtivos, a desgaleguización, e o espolio dos recursos públicos para poñelos en mans privadas. Galiza está en venda.

Con todo, sendo o PP o partido maioritario no parlamento galego, non é o partido maioritario do pobo galego, hai unha gran parte da poboación que non votou ou non o fixo por eles. Se queremos rematar con esta situación temos que traballar máis, convencer e mobilizar a maioría do noso pobo para que confíe nas potencialidades que ten Galiza.

Precisamos parármonos a reflexionar, como dicía o Che: “Temos a obriga imperiosa de pensar”. Libres do lastre dos procesos electorais que condicionan os debates na busca dun resultado a curto prazo, debemos redefinir o instrumento que nos leve pola senda do soberanismo face a nosa independencia nacional e social.

@s bolxeviques fixeron unha revolución cun lema moi simple, “Paz, pan e terra”, o BNG medrou co “Mercado común europeo, ruína do pobo galego”, cando non estaba de moda cuestionarse a entrada neste club de mercadores.

Galiza necesita un programa sen ambigüidades que marque o camiño sen medo a tomar posición contra a UE e a Otan, demandando a recuperación dos nosos recursos enerxéticos, criando unha banca pública ao servizo do pobo, apostando pola reversión das privatizacións de servizos públicos, garantindo unha educación pública galega e en galego de calidade ou sendo solidarios cos pobos que sofren as agresións imperialistas.

Neste 2017 que vai comezar debemos poñer os alicerces do noso 1917 recollendo o legado que deixaron fai cen anos as Irmandades da Fala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.