Peace Day

Cada 21 de setembro, desde 1981, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas chama á cidadanía global, ás institucións públicas, e dun modo especial, a escolas e docentes, a celebrar o Día Internacional da Paz, máis coñecido como Peace Day (ver a Resolución 36/37). Foi en 2001 cando a ONU estableceu que ese mesmo día fose declarado de alto o fogo en todos os conflitos a nivel mundial (Resolución 55/282). Son dous magníficos documentos sobre os que reflexionar co noso alumnado.

A Cultura da Paz, é verdade, non vende periódicos. Tampouco chama pola publicidade. Ten moita máis audiencia a cultura da violencia, da forza, do músculo

Certo que a maioría dos medios de comunicación non dedican nin un pequeno espazo a estes asuntos. Cultura da Paz, é verdade, non vende periódicos. Tampouco chama pola publicidade. Ten moita máis audiencia a cultura da violencia, da forza, do músculo. Chega con ver o tempo que as teles dedicaron a promocionar as ventas do videoxogo máis caro da historia, violento e sexista, para comprender que a paz, a concordia, o entendemento, son valores que hoxe non cotizan en bolsa.

O movemento de educadores e de educadoras para a paz, por iniciativa de Llorenc Vidal, decidimos escoller o 30 de xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, como Día Escolar pola Paz

En Galicia e no conxunto do Estado, convimos hai xa case que 30 anos que o 21 de setembro non era a mellor data para celebrar o Día da Paz nas escolas xa que, neste barrio do planeta, estamos a comezar o curso, os cativos e cativas aínda andan a tomar contacto coas aulas, e o profesorado tamén. Parecía razoable buscar unha data máis acaida. Foi así que o movemento de educadores e de educadoras para a paz, por iniciativa de Llorenc Vidal, decidimos escoller o 30 de xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, como Día Escolar pola Paz.

En calquera caso, como lembra Nacións Unidas, todos os días do ano son bos para reflexionar e actuar a prol da tolerancia e o respecto mutuo, na procura dun mundo máis xusto e máis humano, máis pacífico, que valore positivamente a diversidade étnica, cultural, relixiosa, a nonviolencia, e a resolución pacífica dos conflitos.

O chamamento ao remate das hostilidades nas frontes de batalla, nas guerras de guerrillas e demais accións armadas, aínda que só fose por un día, probablemente non será escoitado, a pesares de que as demandas de paz universal son cada vez máis clamorosas entre a cidadanía e a sociedade civil en todo o mundo.

O secretario xeral da ONU, con ocasión deste día, fixo un novo chamamento no que lle pide á cidadanía que, a mediodía, hora local, gardemos un minuto de silencio en honor das vítimas que perderon a súa vida en situacións de conflito, tamén polas que teñen sobrevivido e sofren as consecuencias.

Nesta ocasión, Nacións Unidas quere resaltar o papel da Educación para a Paz, clave para fomentar a cidadanía mundial e construír sociedades pacíficas

Nesta ocasión, Nacións Unidas quere resaltar o papel da Educación para a Paz, clave para fomentar a cidadanía mundial e construír sociedades pacíficas, porque, como temos reiterado tantas veces, non hai paz sen educación para a paz.

Seminario Galego de Educación para a Paz leva -desde 1985- traballando nas aulas e na sociedade, para promover os valores cívicos e democráticos na escola, os dereitos humanos, a convivencia, a interculturalidade, a igualdade entre homes e mulleres..., impartindo cursos de formación do profesorado, organizando encontros e xornadas, publicando materiais e libros de texto, unidades didácticas sobre os contidos e as metodoloxías da Educación para a Paz, documentais, curtas de ficción sobre o acoso escolar, recursos, contos, teatro, teatro de sombras, xogos e dinámicas de aula, celebrando o Día Escolar pola Paz e, cada día, transversalmente, nas materias de Educación para a Cidadanía, de Ética Cívica, de Filosofía, nas horas de titoría, co Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, por medio da educación afectivo-emocional porque cremos firmemente que son os afectos e os sentimentos os mellores antídotos contra das violencias.

Cada un de nós, co noso comportamento, na nosa aula, na nosa casa, cos nosos fillos e fillas, dentro do noso propio corazón, poderemos empezar a construír un mundo diferente

Quizais non consigamos que o 21 de setembro rematen as hostilidades armadas, nin sequera que o minuto de silencio sexa maioritario ou significativo, ou que a Cultura da Paz teña maior presencia nos medios. Porén, cada un de nós, co noso comportamento, na nosa aula, na nosa casa, cos nosos fillos e fillas, dentro do noso propio corazón, poderemos empezar a construír un mundo diferente.

A paz é unha demanda universal cada día máis sentida. A oposición á guerra avanza. Contra todo prognóstico a Cultura da Paz medra. Somos moito máis sensibles e intolerantes coas violencias do que nunca antes na historia da humanidade. Aínda que non o pareza lendo os titulares cada mañá, somos moito máis pacíficos que os nosos antecesores. E serémolo moito máis aínda. Abolir a guerra estase convertendo nun imperativo ético do século XXI. Como dicía Newton, construímos demasiados muros e non suficientes pontes.

Abolir a guerra estase convertendo nun imperativo ético do século XXI. Como dicía Newton, construímos demasiados muros e non suficientes pontes

"Das súas espadas farán reixas de arados e das súas lanzas, fouces. Non levantarán a espada uns contra outros nin se exercitarán para a guerra", dicía Isaías, hai tantos anos. Hoxe os dereitos humanos e sociais, toda a arquitectura lexislativa construída a escala planetaria, a xustiza universal, con tanto esforzo, son un referente ético para a cidadanía.

Dicía María Zambrano que "a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, unha maneira de habitar o planeta, unha forma de ser persoa". 

Dicía María Zambrano que "a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, unha maneira de habitar o planeta, unha forma de ser persoa"

Educar para a Paz é, antes que nada, un acto de amor para co noso alumnado. O Manifesto de Sevilla (1986), feito propio pola UNESCO, afirma: "A guerra e a violencia non son unha fatalidade biolóxica. Podemos poñer fin á guerra e aos sufrimentos que conleva. Non con esforzos illados, senón con accións comúns. Se cada unha, cada un, pensa que é posible, entón será posible. Os nosos antepasados inventaron a guerra. Todos nós podemos inventar a paz".

A democracia é precisamente o único sistema político que non pode impoñerse desde arriba ou desde un centro. Erran quen pensan que a democracia pode promoverse a base de bombazos

Federico Mayor Zaragoza, ex-director xeral da UNESCO, dixo nunha ocasión que "a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz". Nada máis certo. Educando e practicando a democracia. Porque a democracia é precisamente o único sistema político que non pode impoñerse desde arriba ou desde un centro. Erran quen pensan que a democracia pode promoverse a base de bombazos.

Neste 21 de setembro, Peace Day, lembremos as vítimas, os máis de 100.000 mortos en Siria, os millóns de desprazados. Pensemos nos nenos e nenas, nas mulleres, nos anciáns, na poboación civil, a principal afectada polas guerras modernas. Saudemos o acordo entre Rusia e os EE.UU, se impide a intervención militar norteamericana. Destruamos o armamento químico, todo, o que existe en Siria e o que fabrican e venden os estados máis poderosos para beneficio do complexo militar industrial, o gran dominio. Paremos a guerra. Abramos negociacións multilaterais de paz. Promovamos o diálogo e o entendemento entre os pobos. Impidamos a venda de armas ás partes en conflito. Deixemos de alimentar a confrontación armada e as caldeiras de odio. Deamos unha oportunidade á paz. Fagamos as paces. Peace Day.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.