Énchenos de ledicia falar da Ilustración no s.XVIII. Foi unha época decisiva para a humanidade. Pero non é tan agradable recoñecer que durante ese século aínda existía a tortura e a pena de morte. Os reos eran sometidos a horribles suplicios co pretexto de arrincarlle unha confesión.
Os aristócratas estaban exentos de tortura ou maltrato físico ou psíquico. Cando se condenaban a morte, eran decapitados. Os de clases populares, ante unha pena capital, eran previamente torturados, segundo a opinión do xuíz, con métodos máis ou menos brutais, desde a flaxelación, o tormento da Roda, coa ruptura de todos os ósos longos do corpo, ou o de arrincarlle anacos do corpo con tenaces.
Tendo en conta as ideas ilustradas, moitos xuristas e homes de letras denunciaron a tortura, as penas desproporcionadas e os privilexios dos aristócratas. Por exemplo Voltaire, “Tratado sobre a tolerancia” en 1763, e Cesare Beccaria “Dos delitos e das penas” en 1764.
A Asemblea Nacional Constituínte elabora un Código Penal acorde cos principios do dereito natural e foi neste contexto onde se promoveu o debate sobre a pena de morte.
En outono de 1786, o médico Joseph Ignace Guillotin, de 50 anos, propuxo un novo artefacto para que os reos fosen executados sen sufrimento, e que os delitos do mesmo xénero fosen castigados igual, sen ter en conta a diferencia de clase e anulando os privilexios da aristocracia. Así que a guillotina era un método de matar favorecedor na época.
O mecanismo da Guillotina non puña en cuestión a pena de morte, senón que todos morresen igual.
No marco dos debates sobre o Código Penal, en 1791, o deputado Luis Michel Lapeletier de Saint Fargeau, propuxo a abolición da pena de morte. O seu amigo Robespierre foi un dos poucos que ergueron o brazo para apoiar esta medida humanitaria.
Foi 2 anos máis tarde, cando o mesmo deputado alegou o principio de Igualdade para que a todo condenado a morte se lle cortase a cabeza. A solución final era quitar a vida pero non torturar. E así quedou instituída a infernal guillotina. O inventor estaba moi satisfeito polo tormento que ía aliviar o seu invento. Moito cismar en como aliviar os suplicios, en lugar e suprimir a pena de morte.
Como vemos, no Século das Luces, houbo aínda moitas sombras. Sairemos delas no futuro, dependendo do Goberno e o sistema político.
En 1974 restablécese a pena de morte en España. O sistema é o garrote vil, onde a vítima levaba un colar de ferro atravesado por un parafuso rematado nunha bola que, ao xirar, rompía o pescozo da vítima. Estivo vixente legalmente desde 1820 até 1978, onde queda abolido. Os dous últimos agarrotados en España foron Salvador Puig Antich, militante anarquista do MIL, e Heinz Chez, apátrida polaco, vagabundo, delincuente común, que cometeu un delito grave. Matou, e matou un garda civil. Tiveron dous Consellos de Guerra e foron condenados a morte. No mesmo ano, o ditador Franco indultou a un exgarda civil, condenado polo homicidio dun capitán do mesmo Corpo.
O ditador Franco asinou varias sentencias de morte antes de morrer. As derradeiras ao final de ditadura en 1975. Militantes de Eta e do Frap, como Ramón García Saez, José Luís Sánchez Bravo, que coñecín e participei en mitins con el, no Colexio Universitario de Vigo, e José Humberto Baena, vigués, dunha familia coñecida na cidade, a quen lembramos cada ano no cemiterio de Pereiró onde está enterrado. Foron fusilados, ao alba, esa alba na que boa parte da poboación estivo esperta e que despois lembramos na canción, Al Alba. Son os últimos deste horrible relato, e creo que temos motivos para afirmar que serán os derradeiros do criminal recorrido que veño de facer.