Persecución e exilio do bibliotecario Kosarevsky

Ata hai dous meses, Vladimir Kosarevsky era o máximo responsábel dun dos centros de lectura pública máis prestixiosos de Moscova, a Biblioteca Central Nº 197 CC-BY Abhi Sharma

Ata hai dous meses, Vladimir Kosarevsky era o máximo responsábel dun dos centros de lectura pública máis prestixiosos de Moscova, a Biblioteca Central Nº 197, fundada na década dos sesenta e, dende 1988, bautizada co nome da ilustra poeta Anna Ajmátova. Hoxe, o director é un exiliado máis da Rusia agresiva e militarista representada polo presidente Putin e as súas políticas discriminatorias. Kosarevsky fuxiu do seu país e na actualidade reside en Vigo, tras unha breve estancia na Coruña – iniciada o pasado 17 de xaneiro – nunha residencia xestionada pola ONG Accem.

Ata hai dous meses, Vladimir Kosarevsky era o máximo responsábel dun dos centros de lectura pública máis prestixiosos de Moscova, a Biblioteca Central Nº 197

O bibliotecario ruso, de 39 anos, dirixía un equipo de 18 persoas nunhas instalacións modélicas que dependen do Concello moscovita. O centro, integrado nun edificio residencial na rúa Krylatskiye Holmy, ocupa case tres mil metros cadrados e representa un exemplar esforzo modernizador en canto a instalacións (calefacción, sistemas de ventilación, mobiliario...) e fondos bibliográficos (case douscentos mil documentos). A Biblioteca Anna Ajmátova responde á nova concepción de biblioteca intelixente e multifuncional: todos os espazos teñen acceso a Internet, hai salas de conferencias, un estudo de produción de contidos en vídeo, lugares para exhibicións e exposicións, un taller de impresión e un centro educativo con cinco aulas onde a robótica camiña a carón da alfabetización dixital, a competencia socio-emocional, a xestión da información, a aprendizaxe das linguas estranxeiras, o pensamento creativo, as habilidades na colaboración virtual, o traballo en equipo... Todo isto e moito máis nun lugar amplo, ben iluminado, atractivo e cómodo.

Kosarevsky fuxiu do seu país e na actualidade reside en Vigo, tras unha breve estancia na Coruña – iniciada o pasado 17 de xaneiro – nunha residencia xestionada pola ONG Accem

Entón, como é posíbel que o director de semellante xoia se convertese nun exiliado? O Congreso ruso – a Duma – aprobou a finais de outubro de 2022 unha lei que prohibe calquera manifestación de apoio ao colectivo LGTBI, restrinxe todas as súas actividades e, por último, aspira defender as fronteiras da Federación ante o “satanismo de Occidente”, segundo declarou o presidente Putin que, ademais, advertiu sobre os perigos dos desfiles gays e outras “estrañas tendencias” que atacan “o mundo dos valores tradicionais”. A medieval lei discutida na Duma contou coa aprobación unánime de todos os partidos políticos con representación na Cámara baixa e o seu presidente, Viacheslav Volodin, falou da toma de decisión “en interese dos nosos cidadáns, en interese do noso país”. Todo este despropósito queda curto se atendemos ao comunicado oficial da propia Duma, redactado tamén a finais do pasado ano, malia que podería ser escrito no século XIV: “Debemos facer todo o posíbel para protexer aos nosos fillos e a aqueles que queren vivir unha vida normal (sic). O resto é pecado, sodomía, tebras (...)”. Alucinante, especialmente se observamos que un dos propósitos desta norma lexislativa resulta ser “protexer a natalidade”... dun Estado que segue a mobilizar milleiros de homes na invasión a Ucraína.

A Duma aprobou a finais de outubro de 2022 unha lei que prohibe calquera manifestación de apoio ao colectivo LGTBI, restrinxe todas as súas actividades e, por último, aspira defender as fronteiras da Federación ante o “satanismo de Occidente”

Resulta obvio que a norma rusa humilla e discrimina á comunidade LGTBI, un colectivo que pode ser cualificado como o pesadelo e a obsesión para as autoridades moscovitas. Así, a censura entra en escena. Quen escribe estas liñas tamén é bibliotecario, como Vladimir, en concreto na Biblioteca da Facultade de Física da USC e, nos últimos días, está pasando pola súa cabeza a seguinte pregunta: que faría e como actuaría se unha lei, de súpeto, prohibise os libros que traten de polímeros, coloides, electromagnetismo, física molecular ou física da materia branda? Porque algo semellante impulsa a nova lexislación rusa: a destrución e prohibición de cantos libros traten a cuestión LGTBI. Hai que ser moi valente ou apelidarse Kosarevsky para plantarse e dicir: Non. Basta!

Todo este proceder lembra a Comisión de Cultura e Ensinanza, ao señor Pemán e a todos aqueles que, en 1936, procederon á queima, espolio e depuración de bibliotecas e bibliotecarios

Recibiu o responsábel da Biblioteca Anna Akhmatova de Moscova unha listaxe cos nomes prohibidos e as obras obxecto de censura? Probabelmente, si. Negouse Kosarevsky a aplicar a depuración sobre autores e títulos? Sen dúbida. Comezaron entón as advertencias das autoridades – e mesmo dos compañeiros – sobre as consecuencias que a súa actitude lle podería reportar? Por suposto. De non ser así, nunca se convertería nun exiliado.

Todo este proceder lembra a Comisión de Cultura e Ensinanza, ao señor Pemán e a todos aqueles que, en 1936, procederon á queima, espolio e depuración de bibliotecas e bibliotecarios. A única diferenza atopámola con prontitude: estamos xa no século XXI e, con todo, hai que regresar á denuncia para dar visibilidade a actuacións que máis ben parecen do Medievo. Mentres, toda a miña admiración, afecto e solidariedade con Vladimir Kosarevsky, director da Biblioteca Anna Akhmatova.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.