Philip Roth: o abandono da escrita

A obra de Philip Roth é a constatación de que para un escritor, a vida vivida devén irrelevante fronte á literaria. A existencia do autor, afincada na normalidade e en grande medida vinculada a unha mesa de escritorio, nunca atinxirá a quinta parte das vivencias dos insólitos e convulsos personaxes que creou: Portnoy, Zuckerman, Shylock, Silk, Kepesh,...

A obra de Philip Roth é a constatación de que para un escritor, a vida vivida devén irrelevante fronte á literaria

A construción da obra monumental – en dimensión e profundidade – do de Newark constitúe unha panorámica da transformación da sociedade norteamericana nos últimos cen anos, vivida de xeito directo ou indirecto, a través do substrato familiar. Abranguería deste xeito desde a consolidación da inmigración europea de finais do dezanove, a Grande Guerra e posterior crise económica até a revolución tecnolóxica e a irrupción da comunicación e o mercado como omnipresenzas na vida cidadán. Entremedias, a Segunda Guerra Mundial e o período de bonanza posterior co New Deal, a Caza de bruxas e a Guerra Fría, os corolarios de Corea, Vietnam e a revolución sexual. Unha época intensa.

Literariamente, sería un lugar común citar a condición de Roth de herdeiro de Nabokov, Bellow ou Dostoievski, dado que el propio ten recoñecido a miúdo a súa influencia. Con todo, o mérito do alumno ten transcendido en non poucas ocasións os vieiros transitados polos mestres. Unha aproximación ao seu traballo leva a salientar varios elementos na súa obra que a dotan dunha interesantísima singularidade:

A cuestión xudía. O peso específico do intelectual e o artista xudeu na tradición occidental é enorme, cualitativa e cuantitativamente. O ancestral espallamento xeográfico da comunidade e a condición de volubilidade inherente fixo da relixión e o idioma elementos esenciais na súa cohesión, na definición e conservación do elemento de vínculo, de pertenza. Nos EUA, onde a  presenza xudía é antiga e poderosa, o factor identitario conforma un latexante conflito. Por unha banda están a debida observancia da tradición, o respecto á familia, ao herdo. A obriga da súa preservación, a lembranza do horror e a defensa da identidade miúda e íntima. Por outra, a necesaria posta en cuestión que lle é esencial ao creador. A rebeldía, a individualidade, o neno que gabea o valo e olla o mundo que existe fóra dos marcos que lle foran dados.

Nos EUA, onde a  presenza xudía é antiga e poderosa, o factor identitario conforma un latexante conflito

As contradicións que abrollan na concepción do traballo, da economía, da cosmovisión tradicional que prové a cápsula familiar fronte á irresistíbel tentación de nadar no río dunha poderosa sociedade multicultural, inzada de referencias dunha riqueza heteroxénea e fascinante.

Desa dicotomía, desa dialéctica herética tan común nos autores desta orixe étnica, xurdirán non poucas das súas temáticas e algunhas das mellores páxinas de Roth.


  “...xudeus concidadáns da miña xerazón, servos da psicanálise con moi profundos vínculos    parentais, profisionais respectábeis non imposibilitados polo principio de xentilidade e cunha   ben desenvolvida tendencia á improvisación bufonesca, sobre todo a reciclar en vociferante    mitoloxía cómica os valores comúns que informaran a nosa irredutíbel xudeidade.”

  “Sen se avergoñaren das súas nada refinadas orixes xudeas, enchidos de confianza realista no   seu estatus igualitario norteamericano, sentíanse norteamericanos por mediación das    experiencias inmigratorias das súas familias, e non malia elas, e deleitábanse na descarada   exposición duns hábitos extravagantes que eran produto da propia vida na que nos criáramos.”

       (Os Feitos, Autobiografía dun novelista. 1988)


O conflito entre a identidade adquirida, entre a orixe que nos é legada e o encaixe da mesma coa identidade construída, produto da vontade e a determinación do individuo. A tensión entre o ser colectivo e a innata tendencia  á individualidade. Un interesante motor creativo.

A tensión entre o ser colectivo e a innata tendencia  á individualidade. Un interesante motor creativo

A condición e a sexualidade masculinas. A satiriase ten sido, desde as delirantes argumentacións acusatorias da Inquisición e en toda a panfletaxe antisemita histórica, outra das pecaminosas características atribuídas ao varón xudeu. Sen ningún tipo de demenciada complicidade, a sexualidade ten sido un elemento central na obra de Philip Roth. É doado identificala como deus ex machina da narración en non poucos casos. O logro manifesto do autor é ter creado un paradigma masculino occidental nos seus personaxes, carente de artificios. O aparello estrutural de Roth régase con sexo, un sexo que subxace nas relacións que se estabelecen entre os protagonistas, que preside vontades, condiciona traxectorias vitais e determina a evolución da historia en non poucas ocasións.

Con todo, nesa sexualidade tan identificada co desexo masculino, por veces de forma tan evidente que ten xerado barreiras na lectora feminina, é apreciábel unha interesante evolución, parella á dilatada existencia literaria do autor. Así, se a serie de Zuckerman amosa un poder totémico, unha virilidade convulsa e tribal, a transición do autor á madurez primeiro e logo a vellez teñen suposto ( os personaxes do autor adoitan ser sempre da idade cronolóxica do autor ), para alén dun enriquecemento da súa complexidade, unha exacta e fascinante recreación do solpor da virilidade.

A maneira na que Philip Roth define o declive da sexualidade, a invocación de todos aqueles cabos que desesperadamente permitan eludila, é extraordinaria

A maneira na que Philip Roth define o declive da sexualidade, a invocación de todos aqueles cabos que desesperadamente permitan eludila, é extraordinaria. O xeito salvaxe no que o individuo enfrontado ao declinio como inevitábel estación previa á morte se aferra á salvación da súa identidade sexual e por ende, da sua propia vida, é prometeica. Obras como O Animal moribundo, A Mancha Humana ou Elexía son elocuentes ao respecto.


  “Tanto ten canto saibas, tanto ten canto penses, tanto ten canto argalles, finxas e planexes. Non   estás por riba do sexo. É un xogo moi arriscado. Un non tería dous terzos dos problemas que ten   se non correse ao albur da fodenda. O sexo é o que desordena as nosas vidas normalmente    ordenadas.”

       “O animal moribundo” (2001)

Roth ten sido capaz de, mesmo facendo ciencia-ficción co what if...?, responder e reflectir acertadamente en cada unha das súas obras a sociedade na que se moven e padecen os seus personaxes

Unha extremada atención ao mundo do seu tempo. Un autor da súa lonxevidade creativa non pode ser identificado cun tempo concreto, neste mundo contemporáneo onde a historia sucede a velocidade de vertixe. Roth ten sido capaz de, mesmo facendo ciencia-ficción co what if...? que supuxo A Conxura contra América, responder e reflectir acertadamente en cada unha das súas obras a sociedade na que se moven e padecen os seus personaxes. A indómita furia xuvenil, a trampa da madurez, os complexos protocolos humanos do emparellamento e a convivencia marital, as espiñentas relacións paterno-filiais, a enfermidade, a relixión, a traizón, a familia, todas teñen lugar nun contexto histórico preciso e definido, plasmado con eficacia. As circunstancias do Sueco, protagonista de Pastoral Americana, diverxen absolutamente das do Profesor Coleman Silk de A Mancha Humana (esa magnífica recreación da xeira Clinton), e con todo, en ambos casos a terríbel dureza do encaixe das minorías no crisol social norteamericano é manifestada con toda crueza en dous momentos históricos diferentes.

Sabedores da súa espartana organización, da dedicación plena e absoluta á Literatura como oficio, das interminábeis xornadas de traballo, é doado entender que aos seus 90 anos resolva pousar a pluma

Philip Roth comunicou este ano o abandono da escrita. Sabedores da súa espartana organización, da dedicación plena e absoluta á Literatura como oficio, das interminábeis xornadas de traballo, é doado entender que aos seus 90 anos resolva pousar a pluma. Outra cousa é que o vexamos quen a deixar de plasmar por escrito o que ve. Quizá non de xeito sistemático, non co obxectivo inmediato da publicación, pero con certeza manterá algúns folios á man. Polo que poda pasar. Despois de todo, e tal como dicía aquela canción de Pearl Jam, Practiced are my sins, never gonna let me win.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.