Pintor Colmeiro como exemplo

Temos indicado noutro lugar a importancia da pictórica galega. Unha produción artística de tradición, nesta a nosa terra, e que tivo excelentes representantes ao longo dos séculos. Non se trata dunha exaltación chauvinista de quen non quere mirar alén do embigo senón da lectura dos estudos arredor da transcendencia das obras e dos seus autores por parte dos especialistas. Pero aquí, como noutro lugares, parece que o propio non chega a posuír tanta relevancia se non nolo di un de fóra.

A infravaloración do noso parece un mal endémico que podería ter a orixe en dúas razóns: o descoñecemento ou a estupidez

A infravaloración do noso parece un mal endémico que podería ter a orixe en dúas razóns: o descoñecemento ou a estupidez. Hai algún tempo lin o artigo dun recoñecido escritor onde afirmaba que se Fraga e Franco eran galegos tería algunha explicación. Unha tese tan gratuíta como esencialista que deixou orfa de argumentos. Hai na xenética dos galegos un factor conservador? O dito resulta ou unha parvada supina ou un claro exercicio de amnesia. Sen remontármonos ao abrente do XIX, Pablo Iglesias era de Ferrol e fundou o socialismo no Estado español; Ricardo Mella era de Vigo e foi pioneiro na difusión do pensamento libertario; Enrique Líster era de Teo e foi o gran rival militar dos feixistas na guerra... Poderíamos dar exemplos a eito para esborrallar afirmacións insostíbeis como a devandita.

Porén non se trata de recoller aquel anaco da historia que nos veña ao pelo para sacar peito pero tamén é certo que non imos recoller aqueles anacos funestos para autolapidarnos. Todos os pobos do mundo teñen heroes e traidores, seres admirados e repudiados, amados e odiados.

Existe un descoñecemento da pintura galega motivado por diferentes causas: fórmulas ineficaces de promoción, exposicións con reducida difusión, desinterese xeral, limitada demanda social... Un exemplo é Manuel Colmeiro

Existe un descoñecemento da pintura galega motivado por diferentes causas: fórmulas ineficaces de promoción, exposicións con reducida difusión, desinterese xeral, limitada demanda social... Un exemplo é Manuel Colmeiro.

O Círculo das Artes de Lugo vén de inaugurar unha mostra da obra de Colmeiro, comisariada por Carlos L. Bernárdez. Unha exposición, titulada Paisaxe que sabe a pan, que debería traer á actualidade a figura do pintor e a súa xeración: Carlos Maside, Urbano Lugrís, Laxeiro, Maruxa Mallo, Luís Seoane, Arturo Souto etc. Aquela xeración situou a arte galega nun lugar elevado no escenario internacional.

Mais de xeito infeliz sabemos que a exposición estará aberta menos de un mes e non será itinerante. Redúcense, pois, as posibilidades de socializar a Colmeiro e, con el, a todos eses pintores que expresaron a galeguidade inherente, que foron quen de internacionalizar a nosa cultura, de globalizar a nosa nación.

Ante a desidia xeneralizada de certas institucións por fomentar a arte (enténdena como un despilfarro de cartos sen comprender o valor humano, social e mesmo económico) atopámonos coa responsabilidade de darlle unha resposta ou facilitar o escurecer do noso tempo. A segunda opción é a axeitada para os pobos derrotados, cos brazos baixos e entregados ao incerto futuro. 

O pasado ano dous colectivos socioculturais da Coruña e Vigo lanzaron unha serie de actividades arredor de Urbano Lugrís, no contexto do Día das Artes Galegas

O pasado ano dous colectivos socioculturais da Coruña e Vigo lanzaron unha serie de actividades arredor de Urbano Lugrís, no contexto do Día das Artes Galegas, procurando a mestura de diferentes artes (música, literatura e pintura). O resultado foi proveitoso e xurdiron novos azos para continuar nesa xeira que debe arrexuntar máis colectivos, máis actos, máis promoción do acervo cultural.

Unha actitude rebelde ante o convite ao suicidio cultural que, á sazón, é o convite ao suicidio dun pobo. Atopemos receitas innovadoras e petemos na acción solidaria. Abramos canles de comunicación e tezamos sociedade. A cultura galega é unha tarefa da cidadanía galega e unha obriga coa cultura universal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.