Plácido Castro en Catoira

XXV Conferencia Anual Plácido Castro, este xoves 35 de xaneiro en Catoira © Fundación Plácido Castro

Un dos valores máis vehementemente defendidos por Plácido Castro ao longo da súa vida foi a defensa do noso patrimonio natural como referente máis valioso, significando o valor do propio e a súa revalorización, xa nos refiramos á paisaxe, a gastronomía ou a propia historia

Un dos valores máis vehementemente defendidos por Plácido Castro ao longo da súa vida foi a defensa do noso patrimonio natural como referente máis valioso, significando o valor do propio e a súa revalorización, xa nos refiramos á paisaxe, a gastronomía ou a propia historia. Todo iso que entra do que poderíamos considerar como o propiamente “noso”, dicía, debe ser por iso conservado, dignificado e elevado á condición de arte.

Plácido expresou tamén a súa devoción polas romarías populares, acertando a diferenciar claramente entre a celebración lúdica e a propiamente litúrxica. A reivindicación e promoción das festas populares formou parte desa conciencia acerca do elevado valor da nosa cultura e da beleza da nosa terra e paisaxe. Reivindicou, cando case ninguén o facía, a importancia do camiño de Santiago.

Se en 1955, dende a capital británica, colaboraba con Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e outros, na realización da 1ª Festa do viño albariño na vila de Cabanillas e Asorey, en 1961, xa de volta, con Luís Bouza Brey, a quen lle unía unha fonda amizade, e Máximo Sar, promovía a realización da Romaría Viquinga de Catoira. 

Plácido Castro andaba a cavilar sobre a orientación literaria que cumpría dar á conmemoración viquinga co obxecto de asegurar a perpetuación das Torres do Oeste. Ata rememoraría cancións viquingas a modo de himnos para a ocasión. © Fundación Plácido Castro

En 1961, xa de volta, con Luís Bouza Brey, a quen lle unía unha fonda amizade, e Máximo Sar, Plácid Castro promovía a realización da Romaría Viquinga de Catoira

O propósito consistía en rememorar un dos mais sinalados feitos da historia local, a chegada ao lugar onde se elevan as Torres do Oeste duns viquingos invasores había dez séculos, capitaneados polo temible Ulfo, e a milagrosa conversión de tan feroz pirata pola elocuencia do Bispo Cresconio.

Reunidos no “Ateneo del Ullán”, en plena cantina da estación de Renfe, organizaban conferencias e outras actividades de carácter literario. Hipólito de Sá comentou que uns meses antes do seu pasamento, Plácido andaba a cavilar sobre a orientación literaria que cumpría dar á conmemoración viquinga co obxecto de asegurar a perpetuación dunhas ruínas, as Torres do Oeste, tan vencelladas á historia medieval da Sede compostelá. Ata rememoraría cancións viquingas a modo de himnos para a ocasión. No pregón da romaría de 1967, celebrada unhas semanas despois do seu pasamento, Otero Pedrayo faría unha sentida lembranza da súa persoa e figura.

Plácido Castro tiña fondo coñecemento das linguas nórdicas e incluso dos seus dialectos, e coñecía tamén as lendas e mitos daquelas culturas. Foi por iso clave na formulación desta iniciativa da Romaría Viquinga e o seu selo persoal e intelectual marcouna de principio e de forma moi destacada

Plácido Castro tiña fondo coñecemento das linguas nórdicas e incluso dos seus dialectos, e coñecía tamén as lendas e mitos daquelas culturas en razón da súa ampla e distintiva formación no Reino Unido dende idade temperá. Foi por iso clave na formulación desta iniciativa da Romaría Viquinga e o seu selo persoal e intelectual marcouna de principio e de forma moi destacada.

Da súa man regresamos a Catoira para pensar un futuro para esa Galicia na que o seu ideal ben podería servir de referente mesmo nos tempos actuais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.