Plácido Castro: Un persoeiro inxustamente esquecido

Plácido Castro Dominio Público Praza Pública

O 25 de xaneiro a Fundación Plácido tivo a ben chamarme para impartir en Rianxo a conferencia anual encol do Galeuzca e Plácido Castro, honor que lle agradezo con sincera gratitude.

Debo confesar publicamente que a figura de Plácido Castro era para min vagamente coñecida. Sabía do seu labor de tradutor, da implicación no Galeusca de 1933 e da participación no IX CNE. Mais despois da lectura de varias das súas obras, dos estudos elaborados sobre el, sobre todo polo amigo Xulio Ríos, e da súa multifacética personalidade, a súa figura agrandouse de tal xeito que na constelación das estrelas dentro do nacionalismo galego pasou a ocupar un lugar sobranceiro, a mesma altura que Bóveda, Castelao e outros. Plácido Castro del Río lémbrame o que din en Quiroga do río que serpea e adorna o val:”O Sil leva a auga e o Miño a fama”.

Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro de 1902 e finado en Cambados o 17 de xullo de 1967 foi un persoeiro polifacético: escritor, xornalista, profesor, músico, pintor, tradutor, sobranceira figura do galeguismo e un activo persoeiro da cultura galega no interior e na diáspora.

Cando tiña seis anos os pais trasladáronse ao Reino Unido e en 1911 estaban establecidos en Cardiff. O pai era empresario do carbón e naquel intre Gales era unha das grandes rexións mineiras. No Reino Unido proseguiu os seus estudos, primeiro en Cardiff e posteriormente na cidade de Scarborough, onde estudou até secundaria. Logo mudouse a cidade escocesa de Glasgow, onde estudou Arquitectura naval na súa universidade entre 1918 e 1922. Durante esa etapa universitaria comezou o seu labor como tradutor. Esporadicamente visitaba Galicia, pasando temporadas en Cambados. 

Máis tarde asentouse en Londres, dende onde, en 1927, comezou a súa colaboración cos xornais El Pueblo Gallego, en ANT e en Céltiga.

En 1930 retornou a Galicia, e ao pouco empezou a colaborar coas Irmandades da Fala. En decembro de 1931 foi elixido membro da Asemblea Fundacional do PG e votado para o Consello Permanente. O seu peso no Partido Galeguista era tal que na III Asemblea de 1933 foi o membro que máis votos recibiu, 1.654, para as eleccións á executiva do partido.. 

No verao de 1933 participou activamente no Galeuzca e en setembro do mesmo ano foi nomeado representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna, onde Galicia foi recoñecida como nación.

Co gallo do alzamento militar contra de 1936 detivérono en Muxía e procesárono. Salvou a vida grazas a influencias e pagos económicos, pero foi condenado á inhabilitación durante 15 anos, ao desterro de máis de cen quilómetros e a unha cuantiosa multa de 25.000 pesetas. A raíz disto, instalouse en Coruxo (Vigo), onde se adicou á tradución de poesía inglesa. En 1944 casou con Jesusa Sineiro, en Cambados, e do matrimonio naceron oito fillos. A súa filla máis nova, penúltima da prole, Dona Susi Castro, está empeñada no labor de manter o seu legado e recuperar a súa figura, inxustamente preterida. Meritorio labor, pos o meirande inimigo da memoria non é o paso do tempo, senón o silencio.

A causa da inhabilitación, do ambiente irrespirable e da persistencia infame da ditadura, exiliouse en 1948, primeiro en Portugal e despois outra vez no Reino Unido, asentándose en Londres. Alí traballou como locutor-redactor da BBC, onde realizou o Galician Programme, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega. Neste período colaborou tamén con xornais como Jornal de Notícias, de Porto, La Nación, de Bos Aires, e Galicia Emigrante (1954-59), tamén de Bos Aires, dirixida por Luis Seoane.

Despois de superar a inhabilitación, volveu a Galicia, residiu en Cambados e traballou no Instituto Laboral de Vilagarcía, onde exerceu como profesor de inglés. Nesta época colaboru cos xornais, Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e El Faro de Vigo.

A revista Grial publicou en 1963 a súa tradución de Rubáyiát, de Omar Khayyaam, vertida ao galego desde a versión inglesa de Edwuad Fitzgerald e, en 1967, un ensaio póstumo sobre W.B. Yeats.

Plácido Castro aportou ao galeguismo un amplo bagaxe intelectual, especialmente en tres facianas. O tema da saudade, fronte a unha concepción pesimista, sentimental e inhibidora de saudade, que debullaron Ramón Piñeiro e García Sabell, para Plácido Castro, a quen cita no SEG Castelao, era unha forza dinámica, inmensa, activa, característica dos pobos célticos, que no so supoñía a dor pola perda da Terra amada, senón unha fonte de vida e un empuxe para loitar polo seu rexurdimento.

A dicotomía nacionalismo-universalismo salvouna con grande habilidade dialéctica Plácido Castro. O mellor xeito de incorporarse ao concerto universal dos pobos era partir dunha Galiza de seu, non acomplexada colonialmente nin “flamenquizada”, para enriquecer deste xeito o rico mosaico mundial, pois a variedade é grande riqueza do mundo e non a uniformidade. Dende a ventá dunha pequena patria pódese admirar perfectamente a regalía do universo. O patriotismo é íntimo e limitado. As persoas non teñen capacidade emotiva de longo alcance. O patriotismo é un sentimento dabondo intenso como para ser dabondo extenso. Ten tanta calidade que non precisa moita cantidade. Dende Rianxo un pode ser universal e dende Nova Yorque un provinciano paleto. Plácido Castro tiña claro que defender o propio non significaba depreciar o alleo. Era un galego de nación, galeuzcano de convicción, universal de formación e solidario de vocación. Neste eido existen certas semellanzas entre Plácido e Luis Tobío, autor dunhas excelentes memorias, “As Décadas de L.T.”.

Finalmente a estratexia en política exterior do galeguismo deseñouna magnificamente Plácido Castro. Posuía un pensamento político ferventemente favorable á procura de alianzas co gallo de construír unha fraternidade ibérica, que abranguería, por suposto, a Portugal e a súa prolongación brasileira, co obxectivo de acadar unha confederación, na que Galiza estivera ao mesmo nivel que as outras nacións peninsulares. A estratexia política de acción exterior do galeguismo, segundo Plácido Castro, debía conformar unha circunferencia, non unha periferia colonial, cuxo centro e eixo era Galiza. Dende ela partían como radios cinco liñas de actuación en diferentes ámbitos xeopolíticos:

-Estatal: O Galeuzca: galeuzcanismo.

-Peninsular: Portugal e a prolongación brasileira: Lusismo.

-Atlántico: os país célticos: Celtismo.

-Europeo: Os Congresos de Nacionalidades europeas e a SDN: europeísmo e internacionalismo.

-Español: posibles alianzas coas esquerdas: esquerdismo.

Dous destes ámbitos de actuación, que Plácido Castro debullada teimudamente nos seus escritos, coincidían plenamente cos obxectivos do Galeuzca: o estatal, acadar unha estrutura confederal do Estado español, e o europeo: internacionalizar a existencia das tres nacións, xunguidas nun mesmo plan unitario de cara o ingreso nos Congresos de Nacionalidades europeas

Plácido Castro precisa un urxente redescubrimento pola súa poliédrica capacidade, as súas polifacéticas actividades, os seus fondos e amplos coñecementos, a súa intensa sabedoría, a súa concepción novidosa da saudade, da dicotomía nacionalismo universalismo, das liñas estratéxicas da política exterior do galeguismo, do seu humanismo social, liberal, democrático, aberto, cooperativista, da vixencia e actualidade do seu pensamento e actitude, da súa sincera xenerosidade, da súa aposta pola unidade do galeguismo e do seu inquebrantable amor a Galiza. A súa figura agrandouse para min de tal xeito que na constelación das estrelas dentro do nacionalismo galego pasou a ocupar un lugar cimeiro, a mesma altura que Bóveda e Castelao. Se o “Sempre en Galiza” é a Biblia do galeguismo, o libriño, editado pola Fundación Plácido Castro, “101 máximas e reflexións”, serían o seu catecismo. Deberían ser de obrigada lectura. Parabéns ó seu escolmador, Xulio Ríos.

Isto lévame a considerar que debemos volver aos clásicos: Bóveda, Otero Pedrayo, Castelao, Plácido Castro, Cuevillas, tanto no fornecemento ideolóxico-político como na honradez das súas actitudes. 

Plácido Castro dixit: “Unha Galicia galeguista non só terá unha intensa vida propia, senón que se atopará ligada a un conxunto de pobos ibéricos, a unha comunidade de países galaico-lusitanos, a unha irmandade de terras célticas que proxectará o seu espírito propio e que recibirá de cada un o estímulo peculiar da súa cultura” (máxima 4).

A única esperanza de fraternidade ibérica, a única posibilidade de crear un verdadeiro patriotismo e un xenuíno espírito español integrados polas culturas de cada pobo, reside na liberación destes pobos e da intensificación das súas características peculiares” (máxima 28; EPG, 4-8-1933).

O dilema actual de Galicia é o seguinte:ou galeguismo ou morte; ou crear unha vida propia ou seguir sendo imitadores. E o que é peor, imitadores europeos de segunda man. E como non podemos acreditar na morte da nosa terra -aínda que a monarquía nola deixase tan preto da morte- temos que confiar na súa galeguización máis que nada porque confiamos no triunfo das causas xustas e nobres; e a única causa xusta, nobre na Galicia de onte e na de hoxe, é precisamente a nacionalista”. (“Confianza no porvir”; ANT, 1-12-1931)

Plácido Castro non interveu no núcleo duro da xestación do Galeuzca de 1933, pero si na xestión posterior até 1936. Para o PG o principal beneficio colateral do Galeuzca foi facilitar o seu ingreso no Congreso de Nacionalidades Europeas en setembro de 1933.. Xulio Ríos sinala acertadamente que o esforzo do ingreso de Galiza no CNE foi útil, porque “a súa problemática pasou a ser coñecida por colectivos humanos que padecían similares dificultades, abrindo a posibilidade de estabelecer canles para efectivizar unha solidariedade máis ou menos activa e solidamente fundada na defensa de idénticos obxectivos. Sumar á comprensión e apoio que a sociedade galega prestaba con crecente simpatía á causa galeguista, un recoñecemento exterior que avaliase a seriedade e valor do proxecto político, era al que preocupaba acertada e afortunadamente ós membros do Partido Galeguista”. O mesmo autor engade:”O nacionalismo galego non era unha ficción idealista, senón a expresión da realidade de Galicia, o carácter de nacionalidade da cal pasaba por ser recoñecido por unha organización internacional, integrada por representantes de 40 millóns de europeos, pertencentes a a 14 nacionalidades. A proxección universalista do galeguismo, expresada coa fórmula de “Galicia, célula de universalidade”, quedaba así consagrada”.

Eu humildemente ampliaría que a proxección exterior, coa entrada de Galiza nos CNE, tiña para o nacionalismo galego unha enorme importancia por varias razóns:

-dispoñía dun foro internacional onde divulgar o seu ideario, as súas demandas e os seus plantexamentos.

-articulaba as relacións multilaterais e aproveitaba para contactos bilaterais.

-posibilitaba aos delegados palpar a conxuntura europea e as correntes diplomáticas da época.

-incrementaba a sensibilidade da dirección do partido de cara a acción exterior.

-daba a coñecer a existencia da nación galega e do seu contencioso co Estado nos foros internacionais.

-permitía entaboar relacións con outras nacionalidades con problemáticas semellantes.

-xeraba unha dinámica de reciprocidade con outros preitos do mesmo cariz.

-Doaba aos militantes do nacionalismo galego fachenda e orgullo de pertenza a unha nación recoñecida internacionalmente.

-Obrigaba ao Estado español recoñecer a existencia duns territorios, con identidade propia e con aspiracións de autogoberno.

-A análise doutras problemáticas nacionais fornecía o coñecemento de modelos de loita pola emancipación nacional e subministraba paradigmas e reflexións para levar a cabo a propia liberación.

-implicaba a existencia dunha paradiplomacia, que orixinaba unha especie de status de lexitimidade extraterritorial, non suxeita ao Estado español, e inducía a unha percepción de case soberanía..

En moitas destas cuestións hai que ter en conta que nos nacionalismos inflúen non so as realidades, senón tamén os sentimentos, os mitos, os símbolos e as emocións, que o adornan dun carácter “relixioso”, no senso do “religare” latino, e que non se atopan no puro documento escrito. Disto non solen decatarse os historiadores académicos, teoricamente neutrais e obxectivos, quen so se fían da documentación escrita.

Non cabe dúbida de que tódolos medios que se utilicen para dar a coñecer a problemática das tres nacións periféricas do Estado español, Galiza, Euskal Herria e Cataluña, nos foros internacionais sempre son benvidos e absolutamente necesarios, sen desbotar outras facetas, por suposto. As nacións sen Estado non nos podemos permitir o luxo de desperdiciar calquera ocasión que se presente, xa que padecemos moitas dificultades nos planos informativo, propagandístico, de coñecemento e de espallamento nos espazos internacionais, hoxe moi importante neste mundo globalizado. Todo o que se faga neste senso a medio e longo prazo resulta frutífero. Hai que ollar sempre cara o horizonte e ao lonxe, sen orelleiras egocentristas, sen paifoquismos, pero tamén sen cosmopolitismos acomplexantes, tal como insistía Plácido Castro. A única loita que se perde é a que se abandona. A vida dun Pobo é dilatada e a das persoas moi curta. A sementeira sempre da froito e non hai que desmoralizarse, aínda que a patria pareza unha silveira. Dívolo un mozo de vila aldeá que se integrou no nacionalismo en 1965, cando cursaba 2º de teoloxía no Seminario de Lugo, leva 45 anos fóra residindo nunha nación galeuscana irmá e aínda soña con unha patria “liberada do Courel a Compostela”. O recoñecemento exterior axuda o asumir orgullo e a dignidade de seu e a eliminar ese complexo de inferioridade, moi ben descrito por Frantz Fannon e Albert Memmi, eivas moi estendidas entre certos sectores da sociedade galega, que prefiren ser españois de segunda a galegos de primeira. Lembrade o que dicía Séneca: ”nemo quia patriam magna est amat, sed quia sua” ,“ninguén ama a súa patria, porque sexa grande, senón porque é a súa”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.