Plácido Castro, icona do galeguismo universalista, é nomeado fillo adoptivo de Cambados

Plácido Castro, con anteollos, nunha imaxe da súa etapa como profesor en Cambados e Vilagarcía Dominio Público Fundación Plácido Castro

Participou no Congreso de Nacionalidades Europeas que en 1933, baixo o amparo da Sociedade de Nacións, recoñeceu Galicia como nación. Impulsou o programa en galego da BBC. Obtivo máis votos que o propio Castelao para formar parte da executiva do Partido Galeguista, no que se encargou das relacións internacionais. Foi escritor, xornalista, tradutor. E desde este xoves Plácido Castro é tamén fillo adoptivo de Cambados por acordo unánime da súa corporación.

Plácido Castro naceu en Corcubión en 1902 e finou en Cambados en 1967, onde rematou a súa vida traballando como profesor de inglés no instituto laboral de Vilagarcía. Foi na segunda parte dunha traxectoria vital condicionada pola guerra e o exilio que cortou a súa implicación previa na política activa pero non o seu desexo de seguir achegando unha visión universalista de Galicia.

Entre 1949 e 1955 fíxoo desde Londres, a través do Galician Programme da BBC, primeiro programa estable en galego da historia da radiodifusión e que mantivo a lingua nas ondas mentres en España era perseguida. E desde 1956, ao instalarse en Cambados, a través de artigos xornalísticos agora vestidos de costumismo social cos que denunciou, dentro das marxes que permitía a censura, moito do que non funcionaba na Galicia da época.

Político antes da guerra, Arousa foi o seu refuxio como profesor de inglés nos seus últimos anos, nos que seguiu exercendo de escritor e xornalista

Este xoves en Cambados a súa filla, Susi Castro, salientou a participación do seu pai nesa segunda etapa da súa vida no impulso de iniciativas que hoxe dan a coñecer a comarca de Arousa como a festa do albariño ou a romaría viquinga de Catoira. Hoxe a figura de Plácido Castro é lembrada por unha fundación impulsada desde o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e, entre outros, polo Concello de Cambados. Un premio de tradución leva tamén o seu nome e a súa é unha candidatura recorrente nos últimos anos para obter o recoñecemento dun Día das Letras Galegas.

Plácido Castro, na parte superior da imaxe, nun acto con Castelao, en primeiro termo Dominio Público Fundación Plácido Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.